A escolla deste espectáculo por Teatro do Noroeste para as programacións dos teatros do país demostra que estamos diante dun espectáculo de éxito.
Mais, que ten este espectáculo para recoller tanto éxito aló onde vai? Moi sinxelo. Porque desde o principio se deseñou en clave de éxito, escollendo o mellor: o mellor texto, as mellores actrices, o mellor escenógrafo, a mellor música, a mellor iluminación o mellor vestiario, a mellor produción e, por suposto, a mellor dirección; e cando conflúen todos eses elementos, que son fundamentais na produción teatral, é moi probable que constrúas un espectáculo redondo, atractivo e de grande interese para a sociedade.
É o caso que nos ocupa. Un texto que reflicte un universo feminino tratado cunha visión poliédrica que nos ofrece outro punto de vista da fortaleza natural da muller por saír adiante; da muller disposta a todo para enfrontarse á vida malia todos os sufrimentos e vexacións vividos. No fondo do asunto temos o comer para sobrevivir, e os discursos que iso pode xerar. As protagonistas Maruxa (Mónica Camaño) e Lurdes (Casilda Alfaro), son dúas irmáns “solteironas” que amosan a súa capacidade para realizar actos de impensable violencia case que invisibles na escena; dúas mulleres dispostas a saciar a súa fame cun bo prato de carne cando a oportunidade peta na porta. Interpretadas de forma maxistral por Casilda e Mónica.
Como liña de fondo, Ferrol, o non lugar ou o lugar negado que acouta o pensamento de quen nel habita, un Ferrol levado á escena por Carlos Alonso cunha síntese do espazo escénico que se materializa nunha escenografía e nun vestiario que crean atmosfera e favorecen a acción. Eduardo Alonso tamén lle pon luz ás tebras do escenario; e para iso aproveita toda a súa experiencia e sabedoría teatral, favorecendo así a redondez do espectáculo con efectos que vinculan a todos os signos que o compoñen. Chefa Alonso crea, con estilo de Jazz, unha atmosfera musical efectiva e fermosa que engancha desde o principio. Na produción unha experimentada Eva Alonso capaz de establecer unha folla de ruta exemplar para chegar a bo porto.
Levando a batuta da creación escénica, Clara Gayo, tamén actriz e autora, mesmo impulsora, nas súas orixes da asociación de dramaturxia galega Dramatruga. Clara afronta este traballo con afouteza; cunha revisión do texto para achegalo á realidade de hoxe. Dulcifica dalgún xeito o texto e introduce transicións con accións físicas das protagonistas con certo adubo coreográfico e potentes acompañamentos musicais e de luz que fragmentan o texto e manteñen un bo ritmo narrativo. A non perder.

As damas de Ferrol
Autor: Eduardo Alonso
Dirección: Clara Gayo
Reparto: Casilda Alfaro e Mónica Camaño
Composición musical: Chefa Alonso
Escenografía e vestiario: Carlos Alonso
Deseño Iluminación: Eduardo Alonso
Produción: Eva Alonso
Teatro do Noroeste





