O profesor, poeta e escritor Anxo Angueira publica a Poesía reunida de X. L. Méndez Ferrín, nunha monumental edición feita por Xerais que recolle todo canto o poeta ourensán foi entregando ao público lector ao longo dunha vida de produción escrita. Desde a primeiriza Voce na néboa, de 1957, a Contra Maquieiro, de 2004, unha enxurrada lírica de grande dimensión, pola súa orixinalidade e modernidade, que se erixe arestora como un fito no país e no tempo.
Interésanos o par formado por Ferrín, autor, e Angueira, intérprete e crítico, como un tándem destinado a dar conta dunha posición particular na nosa tradición máis recente. As máis de cento cincuenta páxinas de introdución da presente obra son máis unha mostra deste noso argumento. Nada hai en Ferrín que non sexa do interese do crítico, e nada hai en Angueira que non teña fundamento e aproveitamento na particular exposición á cultura universal, antiga e contemporánea, que se experimenta na obra do poeta de Vilanova dos Infantes.
Digamos que o procedemento, con raíces en Nós, en Otero Pedraio, é o de demostrármonos e convencérmonos da universalidade da galeguidade. E, fronte ao rol de modernidade do capital, a substancia moderna do discurso popular e comunista. E estes dous eixos de temática aberta, o dunha poesía abertamente galega e de esquerdas, que se enriquece do Outro, son os que vertebran e erixen como exemplo para a actualidade, para as xeracións actualmente vixentes, o modelo literario ferriniano, a un tempo universalista, sendo radicalmente galeguista, e igualmente proletario, sen deixar por iso de se nos presentar como esencialmente humanista.
Hai, ademais, un aspecto que Angueira non pode vencer, que é o da historia. En que maneira todas e cada unha destas tensións, formais e conceptuais, simbólicas e imaxinarias, forman parte do río que nos leva, da corrente dos tempos que nos encamiñan, sempre perante un horizonte que contempla, desde hai máis de dous séculos, a esquerda europea. Unha posición creativa, como a de Ferrín, situada nesa perspectiva, e alimentada pola enxurrada da historia, polas correntes dos tempos máis recentes, é o que Angueira debulla no seu estudo, nas súas análises, acomodando unha personalidade que se nos mostra como exemplo a partir do seu discurso, nun diálogo incesante entre acontecemento e literatura, entre devir e construción estética.
Non podemos deixar de dar conta deste volume, non tanto pola beleza de dicción e concepto que reúne nas súas máis de cincocentas páxinas, como polo acaído do resultado común, por unha banda crítico e formativo, por outra banda, de percepción e enunciado.
Como dixera Heriberto Bens, nunha das súas Elexías Nacionais, hai máis de cincuenta anos, con numerosos ecos na xeración á que pertenzo:
Escoitade ben, abride as orellas,
pobo de Galicia, pobo vencido de Galicia,
traballadores asasinados de Galicia:
Eu chamo por Roi Xordo, amigo da xente,
chea de xente seña a ría como un campo na seitura…
Poesía reunida
X. L. Méndez Ferrín
Edición e estudo de Anxo Angueira
Edicións Xerais
Vigo, 2024