ESCENA
LIBERTO
Autora: Gemma Brió
Dirección: Tamara Canosa
Compañía: Marelas
Elenco: Cris Iglesias, Rocío González, Lucía Aldao
Espazo escénico e iluminación: J. M. Faro “Coti”
Música Orixinal: Lucía Aldao
por Inma López Silva
Liberto é a opera prima da compañía Marelas, coa que Tamara Canosa se amosa con éxito na faceta de directora. A peza aborda a eutanasia desde unha perspectiva dura e orixinal: a de Liberto, un bebé acabado de nacer para quen a vida é un sufrimento desde o primeiro batido do seu corazón. A perspectiva da nai, interpretada de xeito soberbio por Rocío González, permite á autora levar a obra cara a outros asuntos que a converten nun crisol de reflexións, irónicas e críticas, arredor da maternidade, a liberdade, a deshumanización do sistema sanitario e, sobre todo, a dor e a perda como motores de cambio na vida.
Trátase dunha obra valente que permite diversas realizacións pero que Canosa resolve con habelencia (e só tres intérpretes), construíndo unha proposta orixinal que a sitúa como directora interesante chamada a asinar grandes momentos do teatro galego do futuro. Opta por unha produción minimalista que se organiza mediante un uso intelixente dos ritmos e do tempo, organizado arredor da música en directo a cargo de Lucía Aldao, mais focalizando os significados da obra nas interpretacións de Cris Iglesias e Rocío González. Elas, situadas maiormente nun rexistro realista que se vincula coa lectura máis dura do texto, son quen de entrar e saír dese espazo interpretativo e pasear polo simbolismo como mecanismo de distanciamento. Liberto consegue así o que Bertold Brecht sinalaba como un desexábel teatro político, o que chama á reflexión previa á unha acción que modifique as estruturas de funcionamento básico da sociedade. Non estamos ante un panfleto proeutanasia, senón ante unha ficción que logra que o público entre e saia da empatía acrítica, que conmove en sentido estrito e que conduce a unha reflexión arredor das causas da dor dos personaxes, incluído Liberto. A obra, deste xeito, condúcese por unha infinidade de matices que sempre se amosan en escena antes de pasar polo filtro racional do entendemento do público, convertido en cómplice.
Ese é outro dos acertos da peza, a forma en que se rompe a cuarta parede para converter espectadores e espectadoras en personaxes e multitudes, para integralos na ficción a través da súa propia condición cidadá e para obrigalos a construír unha opinión sobre a historia á que asisten. Imposíbel ser pasiva, acrítica ou aséptica como espectadora de Liberto, onde a escena manexa as emocións do patio de butacas e logra convertelas en ironía e sentido crítico, demostrando que estes son compatíbeis coa máis fonda e emotiva das empatías.
Unha peza emocionante e marabillosa.