“Entre a pachanga e as Filarmónicas, entre as paparotas e a precariedade, entre o Xacobeo e o minifundio cultural, a cultura galega anda a remar e ciar ao mesmo tempo. Vamos, que non avanza. Cultura galega, por que estás aquí?”
Esa é a pregunta que deita Patricia de Lorenzo na estrea mundial da única, inigualable posta en escena da Ultranoite Cultureta como peche á sesión do sábado 30 do Culturgal (Feira das industrias culturais galegas). Alí, unhas setecentas persoas puideron coñecer a resposta, quen non estivo, perdeu de atopar ese Santo Grial das conversas de bar entre as creadoras de contido cultural e as persoas que, en xeral, bogan na cultura para tentar vivir dela, traballar nela cobrando, sobrevivir nela, e todos os verbos e preposicións que se poidan combinar arredor da produción cultural desde o punto de vista industrial en relación á visión artística da identidade dun país.
É o mesmo a cultura que o produto cultural? É o mesmo a cultura que o produto cultureta? Quizais a resposta estea na revisión do que alí aconteceu.
O Culturgal 2024 ocupa o Pazo da Cultura de Pontevedra do 29 de novembro ao 1 de decembro. Loita contra as luces de Nadal e carga o peso de acontecer sempre despois da gran chamada ao consumo individual e colectivo concretado no black friday e no cybermonday. Nese lugar que nin sobe nin baixa, que non compra nin vende, establécese un espazo de exposición e venta da concreción cultural, que xa é moito dicir porque… cal é o prezo da cultura? É o mesmo a cultura que o produto cultural? É o mesmo a cultura que o produto cultureta? Quizais a resposta estea na revisión do que alí aconteceu nesta nova edición do Culturgal, de novo baixo a dirección de Camilo Franco e coa colaboración dun numeroso grupo de traballadoras e traballadores que fan posible que todo pareza fluír como debe, que todo saia ben, que cheguen as cadeiras cando o aforo desborda o previsto, que haxa auga e que ninguén se perda no camiño de baldosas amarelas desde a cafetería ao final do espazo musical até o espazo arte.
A liña de actividades para a rapazada retoma aquel legado dos Culturgais de hai anos cunha forte presenza de obradoiros e espazos de comodidade que achegan as familias ao Pazo.
Achegas de continuidade
A liña de actividades para a rapazada retoma aquel legado dos Culturgais de hai anos cunha forte presenza de obradoiros e espazos de comodidade que achegan as familias ao Pazo. A visión está clara, unha feira de boomers non é mercado e a continuidade ou relevo xeracional da cultura galega precisa do fuel da infancia e a xuventude. Se ben os rangos de idade da adolescencia son sempre conflitivos pola aparente dificultade aos atraer cara a cultura de noso, as crianzas amósanse como un público más adaptable malia estrito no control de calidade das ofertas que se lle poñen ante os ollos. Desde os postos de expositores ábrense fiestras a espazos de artesanía de monicreques, xogos de mesa en galego (Brazolinda, que entre outras levou unha das súas últimas producións arredor das heroínas de Sálvora que acudiron ao rescate, en 1921, do vapor Santa Isabel, naufragado fronte as costas da Illa), editoras especializadas na produción de contidos en galego de moitísima calidade (Patasdepeixe) e achegas musicais e teatrais, combinadas coa introdución dos novos, non tan novos, formatos de creación intelectual e de ocio (videoxogos e robótica). Así as persoas de 0 a 99 anos pódense mergullar e experimentar nas realidades de FIRST® LEGO® League, descubrir o último espectáculo de Magín Blanco, A nena e o grilo, o camiño das cores ou aventurarse no espazo arte e xogar a ser parte da historia da nosa fotografía grazas ao traballo de Perpetuando que coordinan Ana Monteagudo e Olaia Sendón e realiza o alumnado de 2° de imaxe do CIFP Imaxe e Son da Coruña. Sendo cativa, tamén se pode achegar unha á presentación da re-edición dun clásico entre os clásicos, Filla das ondas da editorial Kalandraka e de autoría de Fina Casalderrey con ilustracións de Xosé Cobas. Sentar ao abeiro do escenario B e deixar que o vagar continuo da xente arrole os desexos de ir descubrindo aos poucos os segredos desta proposta na que todas e todos temos cabida. Sendo cativa, a ausencia das institucións, que pasan pronto e rápido, faise notar, mais as cativas teñen espazos de lecer e xogo e pouco contan coa necesidade da política.
Subindo o rango de idade o ollar da visitante ao Culturgal fica fixo na contextualización temporal, ou o que é o mesmo, que todo o que se amosa é unha estrea, non un refrito.
Subindo o rango de idade o ollar da visitante ao Culturgal fica fixo na contextualización temporal, ou o que é o mesmo, que todo o que se amosa é unha estrea, non un refrito. A oportunidade das persoas mozas lectoras, en xeral lectoras e consumidoras de culturas diversas desde a novela até a foliada, pasa por se atoparen con relatorios onde escoitar das artes de MiguelAnxo Prado, coñecer de preto o proxecto do Garaxe Hermético, do que varias e varios xa atesouran obra de antigas alumnas, participar activamente no Combate de debuxantes All Stars organizada por Autobán, aprender a danzar con Artur Puga (un talento a ter en conta para poderse integrar no rexurdimento da danza e das foliadas nos seráns de verán de todo o país), coñecer de primeira man a promesa dos novos videoxogos de orixe galega, as novas investigacións para aquelas que xa desde o instituto desenvolven un interese pola memoria histórica, pola performance e o WIP da arte (desde as colaboracións no Escenario Arte a cargo da Facultade de Belas Artes de Pontevedra). Tamén descansar e escoitar como se debullan as presentacións dos premios literarios dirixidos ao seu rango de idade, como o María Victoria Moreno. Aprender do teatro, se quixer achegarse, da arte plástica da man das súas creadoras en primeira liña de novo a falar con quen queira ter a ben escoitalas e comprendelas, compartir a cultura con elas… A música non queda fóra, se ben o Bravú é a lembranza daqueles CDs que escoitaban seus pais e nais a presenza de PAVA ou Caaamaño e Ameixeiras convida a ficar dentro das paredes do recinto, a sentir, a se interesar pola produción do país.
Mágoa de orzamentos, que de seguro que se fosen meirandes, de seguro que estando noutros lugares, permitirían unha visibilización mellor, cunha cobertura axeitada nos medios.
Queda pois falar da literatura, quizais falar tamén do teatro, pois Camilo Franco sabe ben que un proxecto pode ser fermoso e estar, coma este, ben estruturado mais precisa dunha posta en escena axeitada. En comparación coa pasada edición, as melloras técnicas rexístranse nunha expansión do recinto da feira que se complementa cun espazo de cafetería acolledor, na creación dun Escenario A pechado para abeirar as presentacións teatrais que recolle á xente nun ambiente íntimo e cálido, alí presentarase Reconversión, a nova peza de Ibuprofeno teatro a estrear o 7 de febreiro de 2025 cun elenco que o mesmo fai de cameraman de Orson Wells que de músico de orquestra pachangueira. Alí, e noutros puntos da feira, atopamos tamén unha das innovacións tecnolóxicas punteiras neste lugar: uns auriculares inalámbricos que sintonizan a frecuencia da actividade máis próxima, anulando o son de fondo e permitíndonos focalizar a atención onde queremos.
Manolo Rivas, os premios da Deputación da Coruña, mesas arredor da novela xuvenil, da creación de proxectos teatrais que van máis aló do teatral como as Mulleres que viven soas de Paula Carballeira, xuntanzas dos clubs de lectura, proxeccións cinematográficas e coloquios coas creadoras, aulas arredor da produción cultural, da xeración de axudas, exhibicións e información arredor do circo… Non cabe o que hai que contar en tres días. A feira tórnase festival e a oferta é gorentosa e salvaxe, recuperando a visión que desexamos para o país. Ilusionando. Creando un novo pulso, un corazón latexante, un ano máis para a cultura galega.
Mágoa de orzamentos, que de seguro que se fosen meirandes, de seguro que estando noutros lugares, permitirían unha visibilización mellor, cunha cobertura axeitada nos medios e incluso, por que non, unha sorte de internacionalización da feira porque a cultura galega tamén é exportable. Por iso, quen observa, quere rematar como empezou, falando dese broche de ouro a quen resiste agora e sempre ao invasor, ao Chévere que ten sempre o segredo da poción máxica, ao teatro que nos identifica, e non nos deixa quedar ben, fai por erguernos na defensa da cultura digna lonxe da mediocridade. “Cultura galega, por que estás aquí?” Temos un ano enteiro para elaborar esta resposta.