Hai cineastas que cando estrean unha película acaparan a atención dos amantes do cinema. Paul Thomas Anderson (Magnolia, 1999; O fío invisible, 2017) é un deles por méritos propios. Unha batalla tras outra, a súa nova adaptación dunha novela de Thomas Pynchon tras Puro vicio (2014), quizais a súa película máis difícil de ver e desfrutar, confírmao (como se fixese falta) como un dos autores capitais do cinema estadounidense das últimas catro décadas.
Tras a crise que viviu Arxentina a comezos de século e que tivo o súa cúspide no corralito bancario, viviuse un boom cultural facendo boa a máxima de que as situacións de crise incentivan a creatividade porque hai que atopar novas formas de contar e analizar o que acontece.
Unha batalla tras outra parece nacer, precisamente, desa necesidade por entender a profunda crise socio-política na que se atopa o decadente imperio americano. E non é, precisamente, a única película que ten chegado ás nosas pantallas sobre o mesmo tema nos últimos tempos. Penso na estimulante Civil War (2024) de Alex Garland ou na inquietante Eddington (2025) de Ari Aster.
Os Estados Unidos comezan a aproximarse perigosamente a un conflito civil? Pode ser. A deriva autoritaria do goberno federal, os asasinatos políticos, a persecución masiva a inmigrantes, a militarización de cidades como Washington ou Chicago e un crecente estado de psicose colectiva son sinais que non se poden obviar.
A nova película de Paul Thomas Anderson non o fai. Un ex-guerrilleiro dun grupo terrorista revolucionario e a súa filla vense perseguidos por un militar que podería ser un meme, pero que é un reflexo dos tempos, ao servizo dun grupo de homes brancos poderosos e cheos de odio ao diferente que se chaman Club dos Amantes do Nadal. Aí é nada.
Con esta premisa, que actualiza a novela orixinal de Pynchon, Anderson constrúe unha traxicomedia tan hilarante como desacougante. No actual estado do país, quizais non haxa outra forma de facerlle unha radiografía con éxito.
Mais o verdadeiro fito dunha película cunha posta en escena exuberante (eses travelings! Esa composición dos planos!) é que consigue atopar humanidade, verdade e decencia no medio dun país embarrado. Onde? En dous personaxes emocionantes, unha guerrilleira capaz de perdoar a traizón (Regina Hall) e un mestre de artes marciais que orquestra unha operación para protexer a inmigrantes ilegais fronte a persecución salvaxe do estado (Benicio del Toro).
Non recomendo a ninguén que vaia a ver Unha batalla tras outra esperando unha oda á revolución. É un filme estadounidense de gran orzamento. Xamais podería selo. Pero si é unha película que reivindica a resistencia fronte á barbarie e o compromiso social (e político) en tempos escurísimos. Por iso, o que podía ser unha obra totalmente desesperanzadora como sucedía cos filmes de Garland e Aster, tórnase nunha película estrañamente optimista e luminosa. Outra obra importante dun cineasta maiúsculo.

Unha batalla tras outra
Dirixida e escrita por Paul Thomas Anderson
Reparto: Leonardo DiCaprio, Chase Infiniti, Sean Penn





