O bo de andar coa cabeza nas nubes

Martín Blanco e Carlota Rosón Rojo, en Coa cabeza nas nubes, ofrecen unha peza simpática para crianzas e persoas que conserven esa ollada. Trátase dun espectáculo moi curioso porque, en principio, parece teatro físico, no que, sen falar, se van dando situacións teatrais, como, por exemplo, a inicial: hai un globo moi bonito nas alturas, entra un rapaciño, veo e, como é lóxico, quere collelo. Velaí temos un protagonista cun obxectivo que, ademais, debe despregar estratexias de acción para poder acadalo, porque o globo non está á altura da súa man nin da de ninguén. Boa metáfora de moitos dos nosos obxectivos. Porén, o rapaz decide colocar uns módulos e unhas caixas, unhas enriba doutras, cun tallo no bico, para intentar subir por elas e chegar á súa meta. O público máis desinhibido, as crianzas, bérranlle desde a platea que non o faga. Advírtenlle do perigo: “Vas caer!”, din. Pero o rapaz, non sabemos se valente ou temerario, desafía as precaucións e, como un intrépido heroe, sobe polo monte de caixas, ponse enriba do tallo, estírase todo o que lle dá o corpo e un pouco máis e consegue facerse co globo. 

Os movementos son moi reais, nada de ficción nin de facer que se fai, pero están investidos da precisión e da harmonía que só un bailarín competente pode ter, e coa expresividade e a presenza dun bo actor. Deste xeito, sobran as palabras, porque as actitudes e os movementos xa resultan suficientemente elocuentes e, ademais, inapelables. O que dicimos sempre se pode rebater, pero o que facemos… feito está. E esa é a clave deste espectáculo. A historia que nos (re)presentan é moi sinxela e, ao mesmo tempo, moi efectiva por obra e graza dese facer soberano, inzado de calidade no movemento, na expresión e na presenza. Todo o que nunca van poder ofrecernos os produtos dixitais nin as pantallas. E que falta nos fai isto, co andazo de anestesia e de dependencia dixital que afecta a todas as idades.  

A historia é case unha escusa para o xogo, para ese efecto da presenza que se comparte co público en vivo e en directo, espertando emocións, expectativas, causando sorpresas. Trátase basicamente da dicotomía entre traballar e xogar, que se aborda desde situacións sinxelas, recoñecibles. 

De súpeto, o extraordinario xorde a través da danza, que aparece como efecto e solución climática, sorprendente, en momentos de interacción entre os dous personaxes: quen está atarefado e quen anda á procura de divertirse e brincar. 

Por sorte para o mundo, gana a última opción, polo menos no escenario. E na platea tamén, porque as crianzas participan coas súas exclamacións, avisos e risos, nun diálogo desinhibido que a min, particularmente, en vez de estorbarme a concentración, como forma parte do previsto pola propia dramaturxia, consegue activarme e alegrarme. Cousa curiosa, ás virtudes revitalizantes propias de ver un espectáculo de da danza, que consegue estimular as nosas neuronas espello e activar o cuarteto da felicidade, formado por neurotransmisores e hormonas como a dopamina, a serotonina, as endorfinas e a oxitocina, súmase a acción dese público máis novo, que participa animadamente. 

Así que, finalmente, iso de andar coa cabeza nas nubes, despois de ver esta peza, deixa de ter connotacións pexorativas e comezamos a albiscarlle os seus beneficios. 

Coa cabeza nas nubes
Cía. SÖA 
Creación, dirección e interpretación: Carlota Rosón Rojo e Martín Blanco 
Iluminación: Violeta Martínez 
Música orixinal: Elba Souto 
Escenografía: Marcos Covelo 
Vestiario: Miriam Cartagena 
Acompañamento: Programa Da Man de Amarelo e Manu Lago, co patrocinio da Agadic/Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico Galego 
 
Visto en Vigocultura. Auditorio Municipal de Vigo, 26 de abril de 2026.