Frustración 

As emocións e as ideas son as dúas ferramentas máis poderosas, fermosas e perigosas que temos as persoas ao noso alcance. Hai unha emoción á que prestamos pouca atención e que, sen embargo, pode ser a gasolina máis potente para incendiar ideas que transformen o mundo para mal: a frustración.  

O protagonista de O ceo vermello, a nova película de Christian Petzold (Ondina, Phoenix, Bárbara) quizais o cineasta xermano máis interesante do que vai de S. XXI, é un escritor frustrado. Está a escribir unha novela que el mesmo sabe que non é boa; o refuxio estival no que intenta esconderse de si mesmo é idílico, pero el é incapaz de desfrutalo; as persoas que están ao seu arredor entréganse ao hedonismo, quizais a única opción posible para gozar do pouco que queda para a apocalipse climática; a muller coa que se obsesiona é demasiado intelixente, honesta e atractiva para el; e, sobre todo, está fondamente deprimido e non quere asumilo. 

Mentres tanto, un incendio forestal descontrolado ameaza a posibilidade de redención do escritor e lémbranos de que o mundo, efectivamente, camiña cara á implosión.  

A posta en escena de Petzold contrapón a beleza do entorno ameazado e das persoas que o habitan á frustración do protagonista, que se manifesta a través das súas miradas laterais, forzando unha posición de superioridade intelectual que, en realidade, transmite indefensión; os movementos corporais torpes e a tendencia ao estatismo; e as súas repostas verbais, cargadas de pasivo-agresividade. 

En mans doutro cineasta, O ceo vermello podería ser unha película de superación, a historia dun home ao que o entorno e os outros logran sacar do burato no que se afondo cavando coas súas propias mans. Pero Christian Petzold non opta por esa vía. Tampouco decide ser cruel con el. Sería totalmente contraditorio coa traxectoria dun cineasta fondamente humanista, que sempre se sitúa do lado dos seus personaxes, incluso cando están totalmente errados.  

Poderíamos dicir, polo tanto, que o director alemán é xusto co seu protagonista e deixa que se queime na súa frustración, so, sen posibilidade de establecer un vínculo real con ninguén, sen a oportunidade de sentir o contacto físico doutra persoa. De feito, a única vez na que o escritor toca á muller que o obsesiona faino con violencia, recriminándolle algo ao que non ten dereito. 

A catarse dun home obsesionado con acadar o éxito, con ser un escritor de prestixio, admirado e venerado, non pode en forma de abrazo ou de bico, como é habitual nun cineasta tan carnal como Petzold. O xiro chega en forma de voz en off. A catarse é un conto, o froito de vampirizar a vida dos demais, a decisión de facer literatura das cinzas do mundo, a aposta por apoderarse dun amor que non se é capaz de sentir.  

O ceo vermello 
Dirixida e escrita por Christian Petzold
Reparto: Thomas Schubert, Paula Beer, Langston Uibel 
Alemaña, 2023