O músico ourensán Carlos Rego anunciou a finais de setembro en redes sociais que toda a música de Cosecha Roja, grupo que fundara en 1988, xa está dispoñible nas plataformas dixitais Spotify e YouTube. Sempre é motivo de parabén dar benvida a iniciativas de recuperación ou actualización de rexistros sonoros históricos dispersos, aínda que en moitas ocasións estas accións proveñan dos propios compoñentes dos grupos. Constitúe o dito fenómeno a continuación do espírito de independencia que alumeou a moitas bandas de orientación pop rock xestadas entre as décadas dos oitenta e noventa, cuxos catálogos permanecen relativamente esquecidos entre soportes obsoletos e tiradas limitadas. O feito reflicte unha vez máis o maltrato ó que se someteu á música popular urbana de base por parte dunha inconsistente, ou incluso inexistente industria musical galega de certa fortaleza.
O caso é que por fin podemos desfrutar da discografía íntegra de Cosecha Roja con melloría de son en xeral, sumándolle tamén bonus tracks en forma de sinxelos e descartes. Deste modo, ós lanzamentos dixitais concisos de Vacaciones permanentes (1994) e A plena sombra (2001) engádenselle versións estendidas de Nuevos caminos (1993) e Conducir despacio (1997), amais da remasterización do EP Se acabó (1992).
O grupo formárono en Ourense Carlos Rego, Javier Dofo Doforno, Antonio Amadís e Aser Álvarez. Orense underground ’83 ’90 foi o curioso título do seu primeiro sinxelo, ó que seguiron unha serie de publicacións que lanzaron con diferentes selos ou por conta propia. Cunha traxectoria que poderiamos considerar xa de culto, nunca cederon a convencións industriais coma asinar un contrato discográfico ou de representación artística. Hai quen, coma Eduardo Izquierdo (Ruta 66), pensa que Cosecha Roja “debería ter marcado o rumbo do rock máis pop” no Estado español nos noventa, pero que por razóns descoñecidas e coma tantas outras, a banda quedou diluída, “a pesar da súa indiscutíbel calidade”. Tras a disolución en 2001, os de Rego tiveron continuación no proxecto Burgas Beat, que deu paso máis recentemente ó grupo Tesouro.
Recibamos logo a presente actualización melómana coma colofón dunha carreira modesta pero moito máis que digna, que xa comezara ser reivindicada no eido discográfico estatal coa publicación en 2009 de Un par de cosas (1991-2000). Aquel dixipack editado por Hanky Panky Records incluía vinte e dous temas de Cosecha Roja, con numerosas rarezas e inéditos, completo con notas a cargo de Eduardo Ranedo, Fernando Gegúndez e Juan de Pablos, e mesmo comentarios do propio Carlos Rego.
Cosecha Roja
Discografía completa
Autoeditada, 2024