Pertenzo a unha xeración que, na súa infancia, aínda viviu a alternancia estacional dos xogos colectivos porque, nos anos cincuenta e sesenta, polo menos nas vilas, os rapaces e as rapazas (case sempre, cada quen polo seu lado) xogabamos en grupo e na primavera tocaban uns xogos, nos veráns outros e así para cada estación. A miña memoria non é abondo boa para lembrar que xogo correspondía exactamente a cada estación, aínda que si teño a vaga lembranza de que a cousa tampouco era absolutamente fixa e, de cando en vez, por misteriosas razóns irrompía algún xogo que co mesmo misterio era abandonado, caso por exemplo da buxaina. Lembro, si, ter xogado no patio de terra do colexio de Corcubión ás bolas, ao que alí chamabamos o espolique ou á estornela. Logo descubriría que os nomes dos xogos poden variar dun lado a outro, as veces apenas separados por apenas dez quilómetros, como Dumbría de Corcubión. Tamén, cando vin nas pelis americanas a afección que por alá esperta o béisbol, pensei eu: e non poderiamos aquí facer algo así coa estornela (o que noutros lugares chaman billarda), que vén sendo o mesmo? Máis tarde, nos anos noventa, emocioneime cando colegas de Nova Escola Galega comezaron a organizar competicións de xogos populares galegos que empurraron un prometedor renacer de aqueles xogos da miña infancia, aínda que confeso que eu pouco fixen en termos prácticos por apoialos, se cadra porque as miñas lembranzas non son de todo gozosas: sempre fun un desastre xogando á estornela! Vén todo isto a conto, porque me reencontro con algúns daqueles animosos colegas de NEG, xunto a outros e outras de xeracións máis novas (Paco Veiga, Antón Cortizas, Silvia López Gómez, Manuela Vázquez Coto…), ben secundados por outros investigadores, expertos e mesmo grupos asociativos, no libro colectivo que aquí comento. Este está organizado en catro grandes bloques e, dado que a análise polo miúdo do seu contido está fóra das posibilidades do breve espazo que unha recensión permite, dou por bo que o enunciado de cada bloque, cuns apuntamentos sobre cada un deles, ben valerá para animar a súa lectura por parte de docentes e persoas en xeral interesadas en que non se perda a memoria, e mesmo a práctica!, da vella tradición dos xogos populares galegos. “Arredor do xogo tradicional” é o nome co que se abre o bloque 1º, onde, despois de dous textos cun enfoque xeral que permite definir os límites que engloban o que se entende por “xogo tradicional”, nos seguintes ábrese a conectalo con temáticas contemporáneas que a priori poderían parecer alleas, como a perspectiva de xénero. O 2º, “Investigar o xogo tradicional”, proporciona propostas metodolóxicas para o estudo actual dos xogos tradicionais, así como resultados concretos de algunhas investigacións (na Educación Física, na música ou na literatura). En “Recursos sobre o xogo tradicional” (Bloque 3º), o profesorado e novos investigadores poderán atopar referencias a webs, museos ou experiencias concretas. E, por fin, no bloque 4º, “Divulgar o xogo tradicional”, como o enunciado indica, accedemos a estratexias de divulgación que apuntan, non só ao ámbito escolar, senón tamén á incorporación das administracións públicas e mesmo de axencias do ámbito empresarial, con achegas concretas a experiencias de determinadas áreas xeográficas, como a chave en Santiago ou o xogo do birlo na Terra de Miranda. Unha ollada, logo, a un mundo, o dos xogos tradicionais galegos, que por sorte demostra por unha parte estar vivo, mais que por outra desgrazadamente non é abondo coñecido. Velaquí unha oportunidade para combater esta carencia.

Patrimonio lúdico galego. Investigación, recursos e divulgación dos xogos tradicionais.
Silvia López Gómez, Apolinar Varela, Manuela Vázquez Coto (coord.).
Xunta de Galicia, Universidade de Santiago de Compostela, 2025.
Número de páxinas: 464.





