A revolución d´As cigarreiras

Non era sen tempo que teatro e música de noso se xuntasen dentro da programación dunhas festas importantes! E así aconteceu no final das de María Pita da Coruña, o 24 de agosto de 2025, na praza que leva o seu nome. Alí puidemos asistir á recuperación dun xénero escénico lírico tradicional: a estampa galega, que conxuga música, teatro, canto e baile, nun contexto costumista. Asumido aquí nunha re-elaboración máis contemporánea. Trátase de As cigarreiras, un espectáculo realizado pola coalición entre a Banda Municipal de Música da Coruña e o Coro Galego Cantigas da Terra, fundado na cidade herculina en 1916, xunto ao grupo de baile Santaia. 

Cantigas da Terra acolle no seu seo o coro, o grupo de gaitas e o cadro de teatro, que dirixe Isabel Risco. Ela foi, precisamente, a encargada de darlle corpo e voz a María Pena Barreiro, unha das operarias da Fábrica de Tabacos da Coruña que, o 7 de decembro de 1857, encabezou a revolta das cigarreiras por mor das condicións precarias laborais. A Fábrica de Tabacos foi o escenario das primeiras loitas sindicais protagonizadas por mulleres que se libraron naquela altura en toda Europa. 

Xunto a Isabel Risco, actuaron Victoria Pérez, Manuel Fernández, Jose Losada e Alberte Bello, ademais das integrantes do cadro teatral de Cantigas da Terra. Carlos Ares encargouse do texto, Estefanía Gómez e Iván Villar (coñecidos polo seu traballo en Nova Galega de Danza) ocupáronse da dirección de movemento, Suso Montero fixo a escenografía e Marta Horjales ocupouse da coordinación xeral do proxecto. Un macro espectáculo, no que interveu un cento de persoas. 

En tres actos representaron o contexto daquelas mulleres que traballaban na fábrica, explotadas e sen dereitos, fronte aos homes, que eran o patrón ou ocupaban os postos de encargados e vixiantes, con mellores condicións ca elas. 

O estilo folclórico da música, no bo sentido do termo, con todo o poderío instrumental e tamén vocal, en melodías que remiten a finais do século XIX e principios do XX, contrastaba cunha concepción estética teatral austera. Deste modo, a estampa investíase tamén dun certo ton ritual, xerado polas procesións en fila ou en roda, ou pola mecánica repetitiva, estilizada coreograficamente, do traballo manual, facendo os cigarros. Por outra banda, estaba o contraste, con momentos de clímax “dramático” nas escenas de enfrontamento entre as mulleres obreiras e os encargados e o patrón, sen esquecer as estacións máis épicas de arenga, protagonizadas por María Pena Barreiro. 

As cigarreiras é unha estampa galega, reformulada desde unha sensibilidade actual, que fixo desfrutar ao público congregado, polo despregue musical, coral, dancístico e teatral. Un espectáculo con sabor enxebre que non fica desfasado e que nos lembra ou descobre un capítulo da nosa historia, protagonizado por mulleres obreiras, que é un exemplo a moitos niveis.