Alicia no país das marabillas matemáticas da serie clopen

O misterio pode dar medo, porque supón enfrontarse ao descoñecido, pero tamén exerce unha atracción inevitable. Iso é o primeiro que me suscita un título como A serie clopen, unha máis que necesaria incursión do Centro Dramático Galego na produción circense autóctona. Os artífices son un licenciado en matemáticas, artista de circo e pallaso de profesión, Pablo Reboleiro, un dos fundadores de Pistacatro Produtora de Soños, compañía que vén de recibir o Premio Estatal de Circo, e Clara Gayo, dramaturga iconoclasta, que asinou pezas como A mirada de Pier (2007) de Nut Teatro (Carlos Neira) ou o espectáculo de danza-circo Paxaros no cabo de Pistacatro (MITCF de Cangas, 2023).

Que é A serie clopen? É Alicia no país das marabillas, grazas á abstracción das matemáticas e á fantasía do circo e do teatro, como posibles claves para entender un mundo que é calquera cousa menos marabilloso. Alicia é unha rapaza en idade escolar, a estudar non só matemáticas senón tamén, entre outras materias, unha historia na que quen máis resalta son homes que fixeron guerras. Alicia teima en relacionar o que estuda co mundo e aí xorden múltiples contradicións, que virían a ser a analoxía do conflito dramático se isto fose unha obra de teatro máis tradicional, iso que entendemos por teatro dramático textual. Pero non, A serie clopen non é drama, é circo teatral ou teatro circense, no que abraio e marabilla, da man de Alicia e dos seus xoguetes, animados por artistas de circo, nos ofrecen unha reflexión sobre o mundo e a consciencia necesaria para poder mudalo.

A serie clopen do CDG é un éxito rutilante! O domingo 12 de outubro de 2025 o Salón Teatro estaba até a bandeira. Houbo aplausos polo medio, nas transicións das entrañables pallasas Closed e Open, o dúo Clopen, Marián Bañobre e Natalia Pajarito, dúas caricaturas de militares poderosos, a brincar coa maldade e as fronteiras. E houbo unha ovación final coa meirande parte do público en pé. E non é para menos: Inés Santos fai unha Alicia que nos encanta e que nos aproxima á perspectiva dunha nena e – coa evolución da personaxe – tamén da adolescente que estuda e se prepara para un mundo contraditorio, no que as forzas do mal sempre estiveron e continúan aí. As matemáticas son unha boa fórmula para botar algunhas contas sobre o mundo, aínda que non o resolvan. O circo e o teatro si que o resolven e fan que a maxia sexa real: velaí as danzas aéreas das bonecas de Alicia, na preciosa interpretación de Luz García, Johanna Hesse, Raquel Oitavén e Guillermo Solo, que tamén fai do pai de Alicia. Un dos números que máis me gustou foi o das “Stories” de Tiktok, facendo os vídeos en directo de non máis de 1 minuto, e mudando personaxes, en escenas cómico-paródicas alusivas a conflitos actuais, ao ritmo do “scroll”. Humor directo, desenfadado, diversión, fascinación, e tamén un lado didáctico, para que a mensaxe sexa inequívoca.

 

Ficha Técnica

Dramaturxia: Clara Gayo e Pablo Reboleiro
Dirección: Pablo Reboleiro
Elenco: Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hesse, Raquel Oitavén, Natalia Pajarito, Inés Santos, Guillermo Solo
Iluminación e videoescena: Laura Iturralde
Escenografía: José Faro e Laura Iturralde
Caracterización e maquillaxe: Erea Pérez e Paula Quintas
Vestiario: Carlos Alonso
Deseño de movemento e coreografía: Marta Alonso Tejada
Asistencia de dirección e espazo sonoro: Marcos PTT
Asistencia de circo: José Expósito
Música orixinal: Xosé Lois Romero
Asistencia de produción: Santi Romay
Produción: Centro Dramático Galego. Agadic – Xunta de Galicia