Medios, poder e democracia

Durante os trinta e tres anos que aparecen enunciados no título do libro Medios e políticos, baixo sospeita. 1990-2023, Luís Álvarez Pousa mantívose (mantense aínda) como escrupuloso e insubornable observador das relacións entre os medios e o poder, a través de artigos publicados en diversos medios, moitos nesta mesma revista que el dirixe. Este libro reúne unha ampla selección deses artigos, que non adoptan unha perspectiva “neutral” ou equidistante, porque desde o inicio o autor desvela cal é a posición en base ao cal fundamenta as súas análises e xuízos.  

En primeiro lugar, a defensa de que a información veraz e a comunicación plural son bens que un estado democrático está obrigado a defender. En segundo lugar, que esta defensa contradí a acusada tendencia, baixo a expansión da economía neoliberal, de deixar en mans do mercado os contidos, a difusión e a estrutura de propiedade dos medios. En terceiro lugar que, no espazo galego, é lexítimo e desexable constituír un sistema mediático diferenciado que atenda aos intereses específicos e á idiosincrasia cultural (nomeadamente en relación co idioma) do ámbito propio.  

Esas teses programáticas van sendo explicitadas nunha análise da actualidade singularizada en aconteceres, grupos políticos e empresariais, movementos sociais, e mesmo persoas con nomes e apelidos. Así, a constatación de que as forzas partidistas que viñeron controlado o parlamento e o goberno en Galicia todos estes anos eludiron uns acordos lexislativos capaces de garantir tanto a independencia dos medios públicos como a constitución dun espazo mediático galego con características propias, irase desvelando desde unha primeira etapa dun Fraga defensor da privatización de TVG (“é un luxo moi caro”), o escándalo do pago encuberto á prensa (21000 millóns de pesetas investidos na compra do “silencio dos medios” entre 1989 e 1996) que logo o bipartito non soubo (nin quixo) anular, as críticas desde a oposición polo control gobernamental da TVG (cos momentos especialmente esperpénticos da manipulación informativa durante o caso das “vacas tolas” e o Prestige) que se tornan en novo afán de control ao acceder ao poder, ata chegar ao informe sobre a etapa Feijoo baixo o significativo título “A CRTVG e a Radio Galega, secuestradas”.  

A atención preferente pola situación galega compleméntase con análises dirixidas tanto ao contexto estatal como ao internacional. Aparecen así as complexas, e as veces turbias, manobras de reparto do espazo radiofónico e das novas canles no paso da televisión analóxica á dixital, co paradoxal resultado de que se multiplican as ofertas á par que se concentra a propiedade nun “duopolio imperfecto” (Atresmedia e Mediaset); asistimos á guerra de Aznar contra o grupo PRISA, vemos en plena acción á “infantería mediática” de Aznar (ben identificada: TVE, Mundo, La Razón, Antena 3 TV, Vía Digital, COPE, ABC, Onda Cero) contra a pastoral dos bispos vascos sobre a ilegalización de Batasuna; asistimos á aprobación da Lei da Radio e Televisión de titularidade pública, aprobada polo goberno Zapatero, un dos raros casos nos que o autor recoñece unha iniciativa lexislativa que ía na boa dirección, mais que, por desgraza, será desmontada polo posterior goberno de Rajoy; ata chegar ao demoledor informe “RTVE: unha centrifugadora ao servizo do poder”, no que arrepía a lectura do “catálogo de delitos” promovido baixo o goberno de Rajoy, diante da impotencia das protestas dos profesionais que se resisten a obedecer as ordes de manipulación da información.  

Se cadra, esta é a melancólica reflexión que este libro necesario provoca no lector: que, sendo como é da máxima importancia para a saúde democrática dispoñer de medios, tanto públicos como privados, plurais, ben informados, comprometidos coa verdade (non manipuladores), por que acontece que as máis das veces a cidadanía permanece allea ás intervencións de control por parte dos poderes, coma se fose unha fatalidade inevitable e allea aos seus propios intereses?  

Ese é o caldo de cultivo ideal para a desaparición do tipo de xornalismo que se defende desde as páxinas deste libro, o que no seu momento personalizaron figuras como Kapuscinski e José Couto (a quen se homenaxea), sen o cal a vida democrática se empobrece e, ai!, mesmo pode desaparecer. 
 

Medios e políticos, baixo sospeita. 1990 – 2023 
Luís Álvarez Pousa 
Prólogo de Ignacio Ramonet. Epílogo de Xosé Manuel Beiras Torrado  
Edicións Laiovento 
Santiago, 2023 
Número de páxinas: 594