Unha investigadora universitaria desaparece na pequena cidade de Trenque Lauquen, situada no medio da chaira pampeana. Dous homes que tan so coñecen anacos da súa vida unen forzas para atopala a través dunha paisaxe fermosa e depresiva, ampla e angustiosa. Así arranca Trenque Lauquen, unha película de máis de catro horas de duración, dividida en dúas partes, a primeira, construída baixo a mirada dos buscadores, a segunda, da desaparecida.
Estamos a falar dunha película que contén no seu interior moitas outras. A reconstrución dun amor de xuventude a través de misivas agochadas en libros. A aparición dun ser que posiblemente non sexa humano nun lago. Un amor que nace a través da amizade. E un amor que xorde da desconfianza e da emoción aditiva que provoca en nós a incerteza. Todas estas películas fálannos da busca, unha obsesión humana recorrente. Ao igual que o capitán Willard navegaba río arriba en busca do coronel Kurtz en Apocalypse Now (Francis Ford Coppola, 1979), a protagonista de Trenque Lauquen entrégase en corpo e alma a intentar descubrir o que non coñece, aínda que iso implique abandonalo todo e a todos no proceso.
Laura Citarella xa dirixira películas tan interesantes como Ostende (2011), unha sorte de precuela de Trenque Lauren, porque comparten personaxe protagonista, ou Las poetas visitan a Juana Bignozzi (2019). Porén, a película da que estamos a falar hoxe eleva a súa filmografía a outro estadio. Un fito non so da súa obra individual, senón tamén dese universo fílmico compartido entre diversos cineastas arxentinos que a produtora El Pampero leva construíndo dúas décadas.
Un colectivo fílmico que fai películas dende o estrañamento, en permanente busca do que non se pode capturar nin con verbas nin con imaxes. Un esforzo común por centrar a mirada no extraordinario que nos rodea e ao que non prestamos atención. A esa realidade subterránea e perturbadora que tan ben retratou David Lynch en Blue Velvet (1986). Laura Citarella, Alejo Moguillansky ou Mariano Llinás son so algúns dos cineastas que teñen realizado películas en torno a El Pampero dende as marxes do sistema e sobre as persoas e os lugares que conforman esas marxes.
De tal maneira que Trenque Lauquen é á vez unha película belísima sobre unha muller que non pode reprimir as súas ganas de descubrir a cara oculta do mundo e un novo documento fílmico fundamental dun proxecto cinematográfico plural. Un filme que se mide de ti a ti coa gran obra mestra de El Pampero, La flor de Mariano Llinás (2018), unha película aínda máis longa (máis de 13 horas), máis arriscada, enigmática, surrealista e, sobre todo, hipnótica que foi capaz de mover os marcos do canon cinematográfico cara novos espazos grazas a súa forza visual e a súa labiríntica narrativa.
Que a duración dunha e doutra non te boten para atrás, ambos viaxen merecen a pena porque sementarán en ti moitas preguntas e emocións.