TEATRO
ESPIDA
Título: Espida
Compañía: IO
Dirección: AveLina Pérez
Coreografía: Núria Sotelo
Intérpretes: Beatriz Rubio, Álvaro Reboredo “Fitinho”, Alfredo Pérez Muíño
Espazo escénico: IO
Espazo sonoro: Javier Lemus
Iluminación: Laura Iturralde
por Inma López Silva
Traballar desde a incomodidade é o reto que se propón esta compañía de recente creación, integrada por persoas cunha importante experiencia na interpretación circense. Unha incomodidade baseada na experimentación dunha linguaxe escénica diferente, que non pretende ser a do circo pero lembrar a ela, que non desexa ser a da danza pero si achegarse ao seu tratamento do corpo en escena, e que non quere ser teatro pero apela aos temas que trata o teatro máis contemporáneo, a saber, a confusión dos xéneros (outro lugar incómodo) e a ruptura coas convencións que xera unha incómoda liberdade individual e colectiva.
Espida, como indica o seu título, comparte coas liñas básicas da linguaxe posdramática o sobredimensionamento do corpo como linguaxe fundamental da posta en escena, nun tratamento en que o espido se amosa coma signo en si mesmo desde o que descontextualizar os intérpretes que deconstrúen as técnicas do circo para achegalas a unha dimensión máis estética. É nese punto onde é máis evidente a ruptura co circo onde o espectáculo funciona mellor, onde logra establecer un pacto co público en que é posíbel recoñecer o xogo de linguaxes que se propón, especialmente alí onde se intúe, tamén, o sentido do humor. Manéxanse mellor na seriedade á que se chega desde unha sorte de comedia esvaecida, ca na transcendencia que, en ocasións, parece procurar o espectáculo na procura dunha sorte de autoxustificación posdramática que non é precisa porque a opción interesa en si mesma, e porque a proposta estética é o suficientemente potente como para sosterse en escena sen alardes.
AveLina Pérez manexa con habelencia as recorrencias para elaborar un ritmo repetitivo que dialoga de maneira interesante co espazo sonoro e, tamén, co espazo escénico, unha construción versátil na que os espellos xogan un rol fundamental outorgándolles múltiples dimensións aos corpos que se resignifican nos reflexos e se obxectualizan (aínda máis) aportando ideas interesantes arredor da violencia, a fraxilidade e a dor.
Este primeiro espectáculo da compañía IO amosa un camiño ben interesante na exploración do pouco visto na escena galega, aproveitando creativamente unha linguaxe de prestixio nas nosas artes escénicas como é o circo, mais afastándoo de si mesmo para demostrar todo o que se move nas inquedanzas estéticas da xeración máis nova, onde a experimentación non ten límites, coma a súa vontade de sorprender e reconquistar públicos.