Domingo 25, Xullo 2021
HomeCulturaCORPO DE AUGA QUE ILUMINA

CORPO DE AUGA QUE ILUMINA

POESÍA

Mar de mazá, de Elvira Ribeiro Tobío. Ilustracións de Begoña G. Arce. Editorial Galaxia, 2020. 36 páxs.

 

por Tamara Andrés

Arribou hai pouco ao noso atlas literario Mar de mazá, un libro que, desde o mesmo envoltorio, suscita ganas de triscar polo encanto da cor verde pastel, da suavidade das tapas, dese título tan sonoro con ese característico son interdental; tamén, por suposto, por esa rapariga/leucoíña/boneca Gorjuss que emerxe na cuberta cunha estrela por ollo e un sombreiro no que se xuntan peixe, barco e mar. Ben doado resulta, xa que logo, disporse á travesía.

Hai autorías que lle demostran á rapazada que a poesía pode ser unha exploración, unha explosión, unha historia que se transmite coma quen canta unha canción. Elvira Ribeiro, quen xa artellara previamente para crianzas as obras poéticas pAlAbrAs brAncAs (Xerais, 2008) ou As redes de Inés (Xerais, 2014), ofrécenos en Mar de mazá unha delicia rimada. Ábresenos todo un mundo de ficción onde esculcamos as marabillas que xorden ao retorcer, ao degustar, ao admirar a linguaxe, ao xogar coa auga salgada como material poético e, de paso, facerlle unha chiscadela á tradición literaria que se congrega no mar. Así, a poeta reinterpreta unha das cantigas de amigo máis coñecidas («pois non aparece / e xa escurece / o meu amigo Simón / e virá?»), mergúllase nos 7 mares ou revela unha fotografía da illa do tesouro.

Coñecemos personaxes que comparten xenealoxía con mulleres do mar («A min dinme a mariñeira / filla de mariscadora / neta dunha percebeira / e dos mares a señora») ou que saben de Penélope e reivindican un mar propio para navegar («Quero ser unha nena pirata / gobernar unha goleta / con sombreiro de tres puntas / pantalón de tres pesetas»).  Sobre dornas, carabelas, gamelas, traíñas ou galeóns imos sucando as rías galegas sobre a nao das palabras. Partimos axiña cara a latitudes portuguesas, turcas, indias; a vexetación vaise tinguido de esmeralda e o vento sopra azafrán. Entre viaxe e viaxe convertemos o noso ronsel nun colar e imos inserindo nel cunchas anacaradas, cantigas, lúas pousadas en mastros, sardiñas do xeito, bucaneiros, baleas ou peixes pallaso.

Alén de todo iso, a aventura acuática de Mar de mazá non se acciona unicamente a través da linguaxe textual, senón que tamén accedemos a ela grazas ao minucioso labor de ilustración de Begoña C. Arce: cada poema acompáñase dun imaxe-mapa do tesouro. Abonda un pouco de observación calmada para ver aboiar nos debuxos alfaias. Esta singradura de ida e volta, tal Manuel Antonio, pecha cun maradeus. O mar que ao comezo atopamos bravío vai mudando de cor e contra o final fica calmo. Atracamos cartografando na memoria achados e ledicias, pensando xa no regreso a este corpo de auga que nos ilumina.

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]