Contra o mito do atraso de Galicia

Nova entrega da colección Contamos a nosa historia, que dirixe o catedrático de Historia Moderna da USC Isidro Dubert e edita Edicións Xerais de Galicia. Dedicada á divulgación do noso pasado, ata o de agora levan aparecido tres títulos: Celtas, castrexos e romanos de Francisco Xavier González García, O Reino medieval de Galicia de Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira, e As peregrinacións a Compostela. Mito, historia e falsidades de Xosé Miguel Andrade Cernadas. O novo título reúne as achegas das investigacións desenvolvidas nos últimos anos sobre o período seleccionado (os dous últimos decenios do século XIX e os tres primeiros do XX), a partir das cales desminte un “mito” instalado na concepción dominante sobre o propio pasado en boa parte da poboación galega: o “mito” do “atraso” de Galicia, fabricado a partir da ditadura franquista. “Os protagonistas do golpe, da guerra e da ditadura traballaron política e culturalmente para borrar da memoria colectiva os acontecementos que conforman o fenómeno histórico aquí explicado”, dirase contra o final do libro, porque foi a política do réxime a responsable de que un período expansivo e de progreso se trocase en atraso. A relación equilibrada entre poboación e territorio, construída nos inicios do século XX, foi destruída polo réxime franquista con “nefastas intervencións de enxeñería territorial e social”: usurpación dos montes veciñais, reforestacións forzadas, colonizacións, desecamentos, concentracións parcelarias, destrución da paisaxe de mosaico, perda de biodiversidade. Mais a obra que comentamos non se centra na política posterior á guerra civil, aínda que facer estas precisións resulte necesario para documentar o contraste entre a Galicia “moderna”, previa a 1936, e a Galicia, esta si, “atrasada” posterior.

Tres grandes marcos permiten a  Lourenzo Fernández Prieto sustentar a realidade desa Galicia moderna: o rural agrario e gandeiro, a emigración e os procesos de innovación industrial e comercial. Respecto do primeiro, contra a imaxe instalada na mentalidade popular do labrego pobre e ignorante, Fernández Prieto amósanos como o movemento agrarista, que conquistou a abolición dos foros e, con ela, a fin da vella fidalguía e do tradicional caciquismo, puxo en marcha tres procesos (a “propietarización campesiña”, a “mercantilización da agricultura” e a “innovación tecnolóxica”) que permitiron un potente dinamismo, resultado da “crocreación tecnolóxica entre os expertos do sistema tecnocientífico e os labregos da sociedade civil articulada”. A creación da Granxa-Escola Experimental de Monelos e o Plan de Organización dos Servizos Agronómicos en Galicia (Plan Gallástegui-López Suárez) foron fitos desa interacción. A un nivel máis anecdótico, o lector ou lectora poderase sorprender (coma se sorprendeu quen isto escribe) ao descubrir que a tan merecidamente loada vaca rubia galega foi tamén resultado do espírito innovador da sociedade agraria galega desa época.

En canto á emigración, tamén ofrécesenos unha visión que desmente moitos tópicos. Adoptando o concepto de “emigración anduriña” (emigración de ida e volta), saliéntase que foi unha das forzas principais na construción da Galicia de comezos do s. XX, “que devolve e leva ao agro galego á modernidade coñecida nas grandes urbes americanas”. Porque as “grandes urbes galegas” nese período eran as americanas Bos Aires, Montevideo e La Habana. A emigración foi, logo, “unha escola de liberdades e dereitos”, e tamén de “cadros sociais” formados no “activismo cívico, político e sindical”. Por iso, Fernández Prieto poderá dicir que o agrarismo e a emigración foron “as dúas grandes epopeas civís contemporáneas de Galicia”.

Respecto do marco industrial, o autor sinala que, se Galicia permanecera allea ao desenvolvemento da primeira onda da industrialización europea, si se incorpora á segunda, que tivo como “tractores tecnolóxicos distintivos” a luz eléctrica e os novos sistemas de comunicación e, así, as cidades atlánticas se incorporaron “ao proceso fabril a través da pesca, da conserva, dos estaleiros e das súas industrias derivadas”, principalmente en Vigo. Si é certo que non houbo grandes concentracións industriais, coa excepción da Fábrica de Tabacos da Coruña e os estaleiros do Arsenal ferrolán, o que deriva nunha relativa menor forza do movemento obreirista, coa CNT como sindicato de clase predominante no norte e a UXT no sur. Neste punto, chama a atención o uso do concepto de “proletariado simbiótico” (tomado de López Suevos, segundo Fernández Prieto precisa), aplicado moi particularmente ao traballo da muller, ao que se dedica unha necesaria atención especial, pero que tamén se daba entre os homes, e que fixo posible o curioso fenómeno das “folgas sen folguistas”: “deixaban de traballar para fóra pero seguíano facendo para a casa”. En calquera caso, no novo escenario urbano”, liderado por Vigo e A Coruña, medraron tamén as asociacións corporativas de propietarios, comerciantes e industriais, que permitiron á burguesía comercial e industrial constituírse como novo grupo social dominante.

Quedan fóra deste moi limitado resume moitas cuestións que o lector curioso descubrirá pola súa conta, como, por caso, a aparición do deporte como “nova cultura popular” a partir da conquista da redución da xornada laboral e a implantación do descanso dominical obrigatorio en 1904. Láiase o autor de que “moitas veces os ‘relatos’ poden máis que os datos”, mais “estamos nun tempo no que a Historia pode construír unha interpretación mellor fundamentada”. E, engado eu: un tempo no que a difusión destas interpretacións ben fundamentadas son máis necesarias ca nunca.

A Galicia moderna (1880-1939). Unha sociedade activa, unha economía innovadora.
Lourenzo Fernández Prieto. Limiar de Isidro Dubert.
Edicións Xerais de Galicia, 2026. Colección Contamos a nosa historia.