Contando a historia como quen come pan

Neste noso sistema literario pequeno, viciado e con inercias non necesariamente positivas, de vez en cando sae unha obra que sorprende para ben polo seu coidado artístico e lingüístico. É o que eu chamo obras extrasistémicas. Están fóra da influencia das forzas propias do campo literario e rezuman unha liberdade e calidade creativa que teñen moito que achegar ao resto do campo. Aínda que esas forzas se resistan e decidan continuar nun tipo de literatura fácil, pueril e inherentemente colonizada para contentar a lectores que non están polo labor de facer un esforzo que os leve a, poñamos por caso, consultar un dicionario.  

Morgante Editora tivo a ben apostar por esta novela, Ao sur da liberdade, que xunto a outros autores da casa, refrescan dende a periferia as inquedanzas de lectores avezados. Entrando en materia, chamo a atención sobre o feito de que Xosé-Henrique Costas é un autor, novelisticamente falando, primeirizo. Ten unha traxectoria moi importante no eido do ensaio -formación e experiencia que serán determinantes nesta novela-, porén, con todo, esta é unha primeira novela sorprendente.  

Ao sur… é unha novela histórica. Este é un subxénero delicado de vez. Para se adentrar nun proxecto destas características hai que saber moita historia e moita literatura para que non saia un produto vergonzante pola cantidade de erros que se poden dar en caso de non dominar o que se está a facer. Véñenme a cabeza autores como Robert Graves, Rex Wagner, Darío Xohán Cabana ou Bernardino Graña, todos eles autores de novela histórica de diferentes épocas e con diferentes obxectivos. Mais que é o que os une entre eles e, por suposto, que é o que os une tamén a Costas?  

A novela histórica fundaméntase en feitos históricos e ambientes constatables e tamén nun punto de fantasía, imaxinación, desde a base máxima da verosemellanza que mergulle os lectores nun tempo pasado coa convicción de que realmente as cousas que alí se contan puideran ser así. Para o conseguiren, os distintos autores teñen que preparar dende o punto de vista narratolóxico e estrutural a escusa para que converxan estas características da novela histórica e poida fluír a narración e a aprendizaxe. Graves ou Wagner sérvense da figura dun contemporáneo que conte a historia -Agabo o Decapolitano, no caso de Rei Xesús e Anaxágoras, no caso Pericles, o ateniense. Bernardino Graña no seu Protoevanxeo do neto de Herodes tira do papel dun emigrante contratado para coidar uns nenos que vai contando unha serie de lendas. Dáse o contacto entre o contador e o autor que as leva á escrita (cando menos na primeira edición do libro). En definitiva, os autores de novela histórica preparan o campo para poder desenvolver as súas historias. As escusas son variadas, pero sen elas a verosemellanza vese prexudicada.  

No caso de Costas, que é o que necesita…? Temos que pensar -lembremos o ensaísta-, que hai un dioivo de información histórica, arqueolóxica, lingüística, teolóxica e, en definitiva, de moitísimos campos do saber da Galicia do S.VIII. Así dito, calquera outro autor podería incorrer no erro de crear un tixolo de novela imposible de ler. No caso de Costas, conxuga todo o que acabamos de dicir cunha capacidade, moi cunqueiriá, de contar a historia coma quen come pan. A estrutura da novela é aparentemente moi sinxela, as decisións sobre a voz narratolóxica apropiadas -aínda que non o pareza nunha primeira lectura hai máis dunha…- e todo isto prepara o terreo para poder inserir na súa novela toda canta cuestión de interese tivese a ben. Coido que un dos méritos máis sobranceiros da obra é o seu equilibrio entre o discurso, o modo de contar, e todo canto nos ensina. Sería, como digo, moi tentador subir ao vagón da pedantería, mais este estoupido de sabenza lingüística e histórica desenvólvese nunha fórmula absolutamente eficaz e crible.  

A estrutura externa son os consabidos capítulos de calquera novela tradicional e a estrutura interna é lineal. Esta novela non foi concibida para remexer os alicerces dos recursos e ferramentas narratolóxicos. Con todo, chama a atención que, o groso da novela, poñamos desde ese punto de vista lineal, o nó da historia, está narrada dende o punto de vista dun narrador omnisciente tradicional. Así as cousas, Costas non se serve só deste recurso para nos contar a historia de Ianes, senón que en momentos moi concretos nos que os protagonistas presentan unhas situacións tráxicas dende o punto de vista persoal, o narrador pasa a unha primeira persoa acaída para seren eles mesmos os que, dende a súa dor, nos presenten o que acontece e dea ao tempo vía para o que está por chegar. Son matices, sutilezas que, absolutamente distraídos, abraiados pola lingua e a sabenza que a novela destila, poden pasar desapercibidos completamente. De aí esa estrutura tan pensada para pousar tantos contidos saborosos, non é tan simple como nun primeiro momento puidese semellar.  

Habería que destacar tamén a ambientación. Citando o investigador medievalista Anselmo López Carreira, persoa que se involucrou na presentación desta novela en Vigo, a ambientación da novela, téndomos en conta o que sabemos desta época, é impecable, un acerto de vez. Tanto nas descricións das paisaxes e lugares como nas das situacións fedorento-sinestésicas imprescindibles nunha novela situada na Alta Idade Media. Agora ben, que ninguén se asuste. O libro hai que o ler e reler porque, do rico que é, de cada lectura ha saír un estrato novo de coñecementos e curiosidades.  

Está acompañado duns glosarios para sabermos o significado dos arcaísmos ou dialectalismos que na novela aparecen, así como información toponímica e uns mapas e ilustracións a cargo dos irmáns Picallo que ennobrecen esta primeira entrega do que sabemos será unha triloxía. Por haber mesmo hai unha bibliografía, recurso que nos leva ás fontes do que na novela se di e que fan entender o documentada e o plausible e rigoroso de todo canto se dá nela. Hai poetas que escriben narrativa e os resultados son gozosos. Con Xosé-Henrique Costas descubrimos que o ensaísta pode achegarse a este xénero literario cuns resultados sobresaíntes e absolutamente rachadores.  

Facendo desta reseña un texto circular estruturalmente, volvo a incidir, a reivindicar a condición de autor extrasistémico de Costas. Textos coma este fan moita falta para dar a coñecer a nosa historia e inxectar pola vía da rigorosidade, fuxindo do vulgar adoutrinamento, un plus de autoestima colectiva para facer mellor un pobo.  

Ao sur da liberdade  
Xosé-Henrique Costas  
Editorial: Morgante 
Cangas, 2024