Xosé Constenla Vega publica un novo traballo discográfico, o seu sexto disco en solitario con Setrestelo Editora. O mestre, xeógrafo e músico compostelán ―ademais de colaborador da revista Tempos Novos― lanza cinco novos temas en forma de discolibro e EP baixo o epígrafe Para nunca esquecer. Xirando arredor da temática da represalia franquista durante e despois da guerra civil, as gravacións foron rexistradas nun campo de concentración do bando nacional sublevado, situado na Pobra do Caramiñal.
Aínda que Constenla xa tiña abordado o asunto da memoria histórica en traballos anteriores, a inexistencia dunha corrente contemporánea sólida no terreo da canción de autor galega actual converte esta proposta nunha acción necesaria, por escasa e cargada de compromiso coa lembranza e recuperación do pasado.
O pavoroso arrepío que ocasiona tan só imaxinar as terribles prácticas perpetradas nun lugar tan calafriante coma un campo de concentración produce un grande contraste coa inocencia e naturalidade que desprende a interpretación das músicas contidas en Para nunca esquecer. Unha voz suave, arranxos minimalistas e instrumentación tan xusta coma orgánica están ó servizo de textos que son tanto debedores do folk rock primixenio e a tradición norteamericana capitaneada por Bob Dylan, coma dos bardos que formaron o noso colectivo de Voces Ceibes alá polos anos sesenta e setenta do século pasado.
Fermín, Eladio, Maruxa e Ramón é o tema de apertura, onde se narra en forma de coplas unha serie de vidas truncadas polo estourido do conflito armado e a canallada dos vencedores. Mestres, operarios, traballadoras galeguistas e anarquistas cuxa normalidade vese interrompida pola barbarie e o absurdo da violencia. Proseguen estes conceptos cun recordo ás Milicias Populares Galegas, o batallón republicano creado con voluntarios por Castelao e Santiago Álvarez. O anceio pola Vitoria e o retorno da República constitúen o motivo principal de Chegará o día, mentres que A muller do maquis rememora os últimos intres dun condenado. Finalmente, Para nunca esquecer funciona coma reflexión final, lembranza e homenaxe a aquelas persoas que pereceron ou sufriron de por vida as consecuencias de defender uns ideais.
O disco foi presentado o 22 de xuño na Gentalha do Pichel en Compostela. No concerto, Xosé Constenla tamén fixo repaso doutros temas do seu repertorio que fan referencia ó pasado traumático da longa noite de pedra. Estivo acompañado por Ayse Yavuz na viola e por Manolo Maseda no acordeón e no teclado. Ademais, contaron co Leo de Matamá e Roberto Sobrado coma artistas convidados. Despois de pasar por Ferrol, Pontevedra e Lugo, a xira de presentación continuará por diversas localidades galegas.
Para nunca esquecer
Xosé Constenla
Setrestelo Editora, 2024