Domingo 4, Xuño 2023
HomeCulturaCOIDADORA, RARA FLOS

COIDADORA, RARA FLOS

NARRATIVA
Coidadora. María Marco. Xerais. Vigo, 2021. 184 páxinas

 

por Ania González

Coidadora de María Marco, Premio Xerais de novela 2020, foi o antepenúltimo agasallo do meu pai. Tras dela viñeron Caderno de Memòrias Coloniais de Isabela Figueiredo e La miseria del historicismo de Karl R. Popper. Foi un agasallo que compartin co meu mozo e dous dos meus mellores amigos, que emocionou a unha das miñas amigas máis inaccesibles, fíxome chegar o convite a publicar que pensaba lograra evitar e o mellor, o abrazo da súa autora coa que compartira, antes da súa particular viaxe ao centro da terra, un compromiso especial no exercicio libertario da crítica cultural.

Coidadora é unha confesión íntima, sabedora de ser colectiva, preparatoria da experiencia futura que será coñecer os límites físicos e mentais dos nosos seres queridos, os nosos propios e os da comunidade social na que inevitablemente teremos que buscar coidado. É por iso que a súa estrutura narrativa, tan liviana que parece non ser, leva lizgaira unha lectura que con facilidade podería ter afundido na traxedia. Ese é o acerto da súa autora, contar a historia e manter o segredo.

Esta primeira novela de quen ata o de agora achegárase á escritura desde a crítica de arte, a investigación académica e a arte contemporánea, de liberdade radical para recoñecer as propias obsesións como forma artística válida, trata temas literarios universais como o amor, a loita pola conservación da vida e a superación do esquecemento.  E faino seguindo o fío vermello da historia da arte e da antigüidade a través do espello do costumismo íntimo da vida dunha rapaza singular nunha vila mediana. Unha muller que sofre de dismorfia pois é á vez a súa avoa, a súa nai, a súa filla e a súa neta en tempos transtornados que transcurren paralelos, presentes, pasados e futuros. Unha Alicia no país das des-maravillas que afunde o seu pánico ao xuizo público, neste caso á diagnose médica, nun tobo poboado de estranas personaxes nas que atopa as ensinanzas necesarias para asumir a súa coraxe interior e voltar á vida na superficie radicalmente transformada nela mesma.

Ademáis da autoreferencialidade xurdida do coñecemento persoal da autora sobre as condicións sociais que afectan ás enfermidades neurodexenerativas, e a reflexión sobre a súa integración nos plans de sustentabilidade nun contexto social como o galego, destaca en Coidadora, pese á modernidade canónica da súa estrutura, a potencia clásica de feitura histórica. O filósofo e historiador R.G. Collingwood en “Idea de la historia” xa nos advertira en 1946 que “o inmutable non é a historia, o histórico é o suceso transitorio”. Nese sentido, María Marco coa súa escolma de ideas e días consegue armar, nunha mestura en xeral equilibrada entre ciencia e ficción narrativa, un sistema de personaxes, lances e relatos en fuga temporal constante, desde o que podemos albiscar unha prometedora cosmoloxía persoal preparada para madurar nunha voz literaria brutal e despiadadamente atravesada pola liberdade do texto na arte. Unha rara flos de nome Rosunia capaz de transformar a vida finita en formas novas, literarias ou non.