50 anos do COAG. Dignificar a profesión, democratizar o territorio

Estamos conmemorando neste 2023 o cincuentenario de iniciativas que marcaron novos itinerarios (políticos, sociais, culturais…) no sempre tenso e desafiante futuro inmediato de Galicia, o país de nós. Foi 1973 un ano de acontecementos, dentro e fóra das nosas fronteiras, que rompían tendencias e presaxiaban cambios profundos nas maneiras de pensar e de intervir na marcha (e transformación) das sociedades. Unha desas iniciativas, a da creación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). O sociólogo e urbanista Daniel Pino Vicente foi testigo do nacemento e consolidación desta entidade, representativa dun sector profesional con tanto peso na configuración e desenvolvemento social e espacial do país, e aporta o seu testemuño. A través das obras de César Portela e Manuel Gallego Jorreto, dous dos arquitectos máis recoñecidos (e premiados) entre cantos protagonizaron aquel revulsivo profesional e cívico, podemos descubrir cincuenta anos despois o que deu de si. Pero tamén a través da súa palabra. Con eles conversou o tamén arquitecto Daniel Beiras. Unha conversa interxeracional.

No ano 1973 cumpría eu 30 anos. Foi un ano crucial para min, aquel. Comezara mal e rematara moi ben. En febreiro despedíronme da empresa multinacional na que traballara tres anos e sen embargo foi entón cando, logo de máis de case tres lustros andando por fóra do país, puiden regresar definitivamente a Galicia, xunto con toda a familia, xa ao completo. Creábase o COAG e contratábanme para a montaxe da estrutura técnica e administrativa do mesmo.

Foi un ano cheo de acontecementos que agoiraban os cambios que se ían producir, case en fervenza nese e en anos sucesivos. Sen pretensión de ser exhaustivo, en 1973 tiveron lugar as conversacións de paz para a guerra de Vietnam, feito que afondaba nunha nova xeira na xeopolítica mundial encetada no Maio do 68; estoupou a crise económica coñecida como a crise do petróleo, que por primeira vez ía motivar reflexións sobre os lindeiros do crecemento -antecedente significativo para entendermos importantes problemáticas do mundo de hoxe-; acordábase a ampliación da Comunidade Económica Europea, que dos seis países iniciais pasara a nove, ao incorporárense o Reino Unido, Irlanda e Dinamarca -logo virían outras ampliacións, incluída a de España e Portugal, xa como Unión Europea; ese ano establecéronse relacións diplomáticas entre España e a República Popular China -dando un paso máis a apertura diplomática do Estado español cara os demoníacos países socialistas-; concedíase o Óscar á película El discreto encanto de la burguesía, dirixida por Luís Buñuel -feito que deu pulo á cinematografía española…

Tamén é o ano do nomeamento de Carrero Blanco como presidente de goberno en España, co gallo de dar continuidade á ditadura franquista sen Franco. Ese obxectivo tronzouno a morte do elixido catro meses despois nun atentado de película, de indubidable repercusións políticas… Xa entre nós foi o ano no que comezaran as Xornadas do Cine de Ourense e a Mostra de Teatro de Ribadavia, dous feitos importantes no desenvolvemento cultural do noso país. Notábase que estaban a cambiar moitas cousas, máis non só no eido cultural. E foi o ano no que se creou o Colexio de Arquitectos de Galicia.

O COAG e a dignificación da profesión

En xuño dese ano rematei a carreira que, por circunstancias varias -nomeadamente polos anos pasados na cadea, polo servizo militar, polo casamento, o nacemento da miña filla Marta e pola necesidade de poñerme a traballar…- deixáraa oito anos atrás a medio rematar. Decidín entón buscar traballo en Galicia para ficar aquí. Un encontro con César Portela, ao que eu coñecera cando saíra do cárcere, veu resolver esa arela de regreso ao meu país. Ese mesmo mes de xullo aprobárase por parte do goberno do Estado a creación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). E isto ía supoñer que en tres meses tería lugar a asemblea xeral de colexiados inscritos para a elección dos órganos de goberno. Para a miña sorpresa, máis tamén coa lóxica satisfacción, César díxome que estaba a buscar un perfil como o meu para desempeñar o cargo de Secretario Técnico da futura Corporación, se a candidatura para a Xunta de Goberno na que el ía conseguía gañar as eleccións, e ofreceume ese posto. Aceptei sen dubidar. Tiña tres meses por diante e unha posibilidade de poder volver. Como así foi. A Xunta Xeral celebrouse o 21 de Outubro e o 22, curiosamente unha hora despois de nacer o meu segundo fillo, chamoume César para comunicarme o resultado das eleccións: gañara a súa candidatura por cinco votos de diferenza e urxíame a incorporación ao posto ofrecido.

Arquitectos asistentes ao I Seminario de Arquitectura en Compostela en 1976

I Seminario Internacional de Arquitectura en Compostela

Comecei o meu labor en Compostela o dous de novembro. Os primeiros dous meses de estadía en Santiago foran para min dunha actividade frenética. Preparar o piso que alugara para sede provisoria do COAG, seleccionar o primeiro persoal a contratar; viaxar a Euskadi e Tenerife para estudar o funcionamento dos seus Colexios de Arquitectos, constituídos ben pouco antes do de Galicia e aprender das súas experiencias; viaxar a Madrid para coñecer o funcionamento do Consello Superior; visitar as delegacións provinciais do COAG xa existentes na vella estrutura colexial común con León e Asturias, para coñecer igualmente as estruturas e funcionamento das mesmas. Preparar as Xuntas de Goberno, ao principio, con reunións todas as semanas e redactar as actas do tratado nelas, xestionar os actos culturais que programara a Xunta de Goberno, así como coordinar todos os departamentos. E tirar de horas de sono para empaparme no coñecemento dos problemas da arquitectura e o urbanismo en Galicia. Todo elo, tento conciencia de que estaba a traballar en algo importante tamén para o país. E non me equivocaba.

O COAG xogou un papel relevante non só para a dignificación da profesión e ofrendou medios para un incremento da calidade da arquitectura, pois xa amosaba as graves disfuncións que décadas despois se fixeron dramáticas, senón tamén no espertar da conciencia sobre os temas da ordenación territorial e o urbanismo.

Teño absoluta seguridade de que o COAG xogou un papel relevante non só para a dignificación da profesión, que se atopaba xa en proceso de incipiente masificación -logo ampliada cando se creou a Escola Superior de Arquitectura de A Coruña- e ofrendou medios para un incremento da calidade da arquitectura, pois esta xa amosaba as graves disfuncións que décadas despois se fixeron dramáticas, senón tamén no espertar da conciencia sobre os temas da ordenación territorial e o urbanismo, esencial para o desenvolvemento racional do noso país.

Esa pretensión de servir á sociedade foi constante durante os cinco anos da miña presenza no COAG. Como o foi tamén o labor a prol de incrementar a conciencia de país. A súa mesma creación xa marcara un camiño. Comezaba timidamente a descentralización de certas institucións e corporacións, como o propio COAG. Case ao mesmo tempo constituíranse en Santiago entes de ámbito galego, como SODIGA, cuxo labor tivo importantes logros de transcendencia económica. Isto, xunto co feito da creación de máis facultades universitarias, perfilaba a Santiago como a futura capital do país, consolidada oficialmente anos máis tarde coa aprobación do Estatuto de Galicia. Logo de decenios e decenios de decadencia, Santiago comezaba a espertar de novo. E ese espetar foi acadando neses anos ao resto do país.

Palpábase aquela efervescencia des-centralizadora e isto animaba a todos os que navegabamos no barco da nova corporación. Coa acertada xestión daquela primeira Xunta de Goberno, o novo COAG situouse á cabeza da oposición que dende unha parte dos colexios profesionais de Galicia se levou a cabo contra a ditadura.

1973-1978. O primeiro lustro do COAG

Palpábase aquela efervescencia des-centralizadora e isto animaba a todos os que navegabamos no barco da nova corporación. Coa acertada xestión daquela primeira Xunta de Goberno, o novo COAG situouse á cabeza da oposición que dende unha parte dos colexios profesionais de Galicia se levou a cabo contra a ditadura, que seguía a ser infame e cruel naqueles últimos anos do ditador, como o fora ao principio e durante toda a súa traxectoria de catro décadas, pois non por estarmos nos derradeiros anos de vida de Franco abandonou este a súa infamia, como moi logo de chegar eu a Santiago acreditou coa execución de Puig Antich, en 1974, e as de cinco antifascistas en setembro do 1975, dous meses antes de el mesmo deixar este mundo, iso si, de forma ignominiosa e esperpéntica.

O COAG estivo presente non só no seguimento da elaboración e tramitación dos planeamentos municipais, na elaboración das leis urbanísticas ou na oposición frontal de proxectos legais como o Plan Director de Coordinación Territorial de Galicia -último intento centralizador do urbanismo, felizmente derrotado pola oposición frontal levada a cabo polo Colexio.

Inmediatamente de creado, o rol xogado por este colexio profesional coadxuvou de xeito significativo a vermos o país de noso, a coadxuvar no recoñecemento de Galicia como nacionalidade histórica. Os cinco anos que estiven desempeñando a Secretaría Xeral Técnica do COAG foron anos dunha auténtica revolución non só cara dentro, no mundo tan peculiar dos arquitectos, senón como digo no espertar da conciencia nacional do país. Foron anos nos que o COAG estivo presente non só no seguimento da elaboración e tramitación dos planeamentos municipais, na elaboración das leis urbanísticas ou na oposición frontal de proxectos legais como o Plan Director de Coordinación Territorial de Galicia -último intento centralizador do urbanismo, felizmente derrotado pola oposición frontal levada a cabo polo COAG-, facéndose presente na axuda aos movementos veciñais en defensa dos montes en man común, na oposición ao modo no que se proxectaba a Autoestrada do Atlántico, aos proxectos de construción de 20 novas factorías de celulosa ao longo do litoral galego ou os proxectos de Xove, Meirama, As Encrobas…

Revolta en Meirama nos anos 70

Mais tamén o labor de redistribución do traballo profesional por medio dos “impostos progresivos” -ferramenta moi adiantada para cobizar o traballo da maioría dos colexiados-, na implantación do réxime das incompatibilidades dos arquitectos ao servizo das administracións públicas, especialmente os das corporacións locais -indispensable se se querían combater ilegalidades, xeneralizadas corruptelas e mesmo corrupcións de máis calado-. Tamén no labor de afondar no coñecemento e divulgación da arquitectura internacional, como foi a celebración do SIAC (Seminario Internacional de Arquitectura en Compostela), celebrado en 1976, Seminario dirixido por Aldo Rossi, ao que asistiron tamén outros arquitectos de sona internacional como James Stirling, J.P. Kleihues,. Bruno Relchlln, Fablo Reinhart, Gilannl Braghlerl, Vittorio Savi, Salvador Tarragó… e, entre os nosos, Cesar Portela, Manolo Gallego, Rafael Baltar ou Carlos Almuíña, que estudaron en fondura a estrutura urbanística e a evolución ao longo da historia da cidade compostelán, estudios que serviron anos despois para facer de Santiago -que fora medrando en completo desorde a partir dos anos sesenta – unha urbe máis e mellor ordenada. Ou conseguir traer a Santiago a tres dos grandes arquitectos españois que tiveran que se exiliar logo da guerra civil, como foi o caso de J. L. Sert, A. Bonet e F. Candela.

Edificio Castromil, derrubado no 1975

O COAG fomentou a realización de moi diversas actividades culturais, non só as directamente relacionadas coa profesión de arquitecto, senón coas Belas Artes en xeral, ata entón moi abandonadas, con especial atención á salvagarda do patrimonio histórico e cultural. Se acaso, o retraso na creación do COAG non puido impedir o derrubo de arquitectura senlleira, como foi o caso do Edificio Castromil, unha xoia do modernismo galego, da autoría do arquitecto coruñés Rafael González Villar. Pero aquela loita contra o derrubo significaría xa un incremento da conciencia sobre a necesidade de protexer o noso patrimonio cultural, labor incansable desta corporación naqueles anos setenta, que permitiu salvar do derrubo a outros moitos edificios senlleiros.

Foron cinco anos comprometidos grazas a un fato de moi bos profesionais da arquitectura, primeiro baixo a Presidencia de Andrés Fdz. Albalat, a quen admirei pola súa intelixencia, a súa personalidade sempre disposta a dialogar, a súa amplísima cultura…; despois coa presidencia de Xosé Bar Bóo amigo entrañable, compañeiro na fundación de Consultora Galega e referente nidio da decencia absoluta no desempeño do seu labor profesional; ambos os dous, impulsores adiantados do Movemento Moderno no noso país, que coa dedicación aos labores colexiais, en boa medida desatenderon os seus propios estudos profesionais para debrocarse no traballo do COAG. Como igualmente o fixeron César Portela, Manolo Gallego, Andrés Reboredo, Rafael Baltar, Carlos Meijide, Xavier Suances, Xosé Manuel Casabella, Gabriel Santos, Xerardo Estévez, etc., etc., todos eles da seguinte xeración de arquitectos, formados nas escolas de Madrid e Barcelona. Galicia débelle moito a estes magníficos profesionais, algúns dos cales, como César Portela ou Manolo Gallego, viron recoñecidas as súas obras mesmo con Premios Nacionais de Arquitectura e outra morea de recoñecementos no eido do urbanismo.

Xosé Bar Boo

Non podo deixar de dicir que naquel labor de inzar o COAG, foi importante a contribución de persoas que conformaron a estrutura técnica da corporación en Compostela, compañeiros cos que forxei unha fonda amizade: Enrique Aller e Alfonso Alvárez Gándara, na asesoría xurídica; Luís Mariño, na Oficina de Prensa; Salvador Tarragó, Justo G.Beramendi ou Carlos García Martínez, na Comisión de Cultura; Mario López Rico no departamento de Urbanismo, Manolo Portas no Departamento económico… Algúns, tristemente, xa falecidos.

Doutra parte, a experiencia que supuxo ter desenvolvido a estrutura administrativa e técnica do COAG, así como a xestión do seu funcionamento, foi decisiva para a miña evolución profesional posterior. É moi posible que de non ter estado naquel labor de consolidación desta corporación profesional nun momento tan basial e complexo no que se incardinaron a dignidade da profesión e o servizo á sociedade -feito que non volveu a repetirse nos anos e décadas posteriores-, eu non me tería metido na actividade profesional, como sociólogo especializado en urbanismo e ordenación do territorio (por máis que xa me cobizara nesa disciplina o meu mestre na Universidade Central, o grande xeógrafo Manuel de Terán), labor da que hoxe, logo de cumprir os oitenta anos, sego a estar profundamente orgulloso, aínda que, desgraciadamente, non satisfeito da evolución experimentada en tempos posteriores no que foi o meu campo profesional, onde vemos que se combinan un laissez faire impúdico cunha esclerose normativa paralizante.

Quero subliñar daquel período o ter podido colaborar estreitamente con César Portela, unha das mentes máis brillantes entre os centos e milleiros de persoas que coñecín ao longo da miña xa longa vida. Foi el a alma daquel ente colexial, tanto na súa creación como no lustro da primeira andadura.

César Portela e outros profesionais na Compostela dos 70

A máis do dito, quero subliñar daquel período o ter podido colaborar estreitamente con César Portela, unha das mentes máis brillantes entre os centos e milleiros de persoas que coñecín ao longo da miña xa longa vida. Foi el, dende logo, a alma daquel ente colexial, tanto na súa creación como no lustro da primeira andadura. A amizade que selamos entón continuou e se desenvolveu logo de deixar de ser el o Secretario do Colexio e eu o Secretario Técnica do mesmo. Sen César Portela, a situación da arquitectura en Galicia tería sido moi outra.

Quero lembrar igualmente que naqueles anos de Santiago alicercei aínda máis a amizade de vello con xentes como Herminio Barreiro, Uxío Novoneyra, Luís Cochón, ou Xan Facal, que afincaron alí coma min naquel tempo. Fun afortunado por coñecer a personaxes como Xosé M. Beiras, referente de primeira orde na intelectualidade galega, con quen partillei inquedanzas e actividade política. Tiven a sorte de relacionarme con periodistas como Luís Álvarez Pousa, Perfecto Conde, Victor Freixanes, Manolo Rivas, Xose Manuel Pereiro…, cos que compartín aquel proxecto innovador que fora a revista TEIMA. A listaxe de amizades establecidas naquela xeira é moi longa. Espero que me poidan perdoar os que non cito.

Logo da experiencia santiaguesa, na que non me foi allea a intensa actividade política de oposición ao réxime da ditadura, a miña vida devalou por outros carreiros e diversos territorios onde puiden afondar na realidade de Galicia. Pero nunca esquecerei aqueles anos onde todo semellaba un agromar de grandes cousas, prometedor de mellores futuros. Moitas esperanzas ficaron no camiño, pero a aprendizaxe obtida por min naqueles anos que orientaron a miña dedicación profesional futura, xunto co labor desenvolvido por min a prol da loita pola liberdade naqueles cruciais anos de transformacións, fican como un tempo que pagou a pena vivir. E todo elo, en boa parte, débollo á creación do COAG.