Entrevista con Claudio Rodríguez Fer, medalla Mihai Eminescu en Romanía

“A cultura galega estivo sempre aberta á diversidade intercultural” 

Hai unhas semanas, o poeta e profesor Claudio Rodríguez Fer recibía en Romanía a Medalla Mihai Eminescu concedida pola Academia Internacional homónima. O Comité Executivo que lla outorgou salientou que se lle entregaba “polos seus méritos na actividade cultural nacional e mundial” e “polas súas consideracións estéticas e a participación creativa sobre a poesía mundial”. Con tal motivo, mantivemos unha conversa con el, na que tentamos desvelar as claves que fan deste escritor galego un dos máis cosmopolitas e traducidos da nosa literatura, o que o converte nun inmellorable embaixador da nosa cultura. 

Vés de recibir a Medalla Mihai Eminescu en Romanía, un logro polo que moito presta parabenizarte. Esta prestixiosa distinción pon de relevo os teus vínculos coa nación romanesa. De onde xorde e como se visibiliza na túa escrita esta relación? 

De neno, fascinoume Transilvania na novela O castelo dos Cárpatos, de Verne, e de mozo mencioneina no poemario A boca violeta, pero a principal conexión literaria débese á tradución ao romanés en 2018 da miña antoloxía poética Máis alá do bosque (título que é perífrase do topónimo Transilvania), debida aos políglotas filólogos Ion Deaconescu, Victor Ivanovici e Adina Ioana Vladu, que presentamos en Bucarest. Mais esa viaxe permitiume coñecer outras partes de Romanía, como precisamente a ansiada e boscosa Transilvania, así que dese percorrido vital e cultural saíu boa parte do contido do meu último poemario publicado, ADN do infinito. 

Toda a túa obra, dende a primeira hora, está atravesada por un pulo cosmopolita que a universaliza e a abre ao diálogo con outras literaturas e outras culturas. Ata que punto sentes que é algo esencialmente constitutivo da túa autopoética? Poderías sinalar algunhas presenzas na túa produción nas que resulte ben patente? 

Eu xa fun un neno atento ás diferenzas culturais, étnicas e lingüísticas que enriquecían a Terra, moi visibles por exemplo na literatura de viaxes extraordinarias (como as de Verne) que tanto me gustaban, así que de maior sentinme un solidario cidadán internacionalista do mundo, interesado pola interculturalidade na vida e na obra. Poemarios como Extrema Europa, A unha muller descoñecida, Viaxes a ti ou Unha tempada no paraíso, escritos predominantemente fóra de Galicia, caracterízanse por esta fusión intercultural. 

Un poema teu, A cabeleira, publicado hai tempo como plaquette, é o texto máis traducido da literatura galega. Coido que xa pode lerse en máis de setenta linguas dos cinco continentes e a cifra segue a medrar. Cal é o espírito que anima este proxecto e cales cres ti que son as razóns desta extraordinaria aceptación? 

“A cabeleira”, que por certo estudou moi lucidamente a poeta Olga Novo, unha das súas primeiras tradutoras, combina antropolóxica e historicamente as nosas orixes galaicas coa apertura nómade, erótica e libertaria, na que o local pode converterse en universal e viceversa. Así mo fixeron sentir as moi diversas persoas que traduciron e leron o poema nos cinco continentes da Terra, como fago constar na edición en 70 linguas deste ano 2023 para agradecer tanto esforzo filolóxico, que implicou, sobre todo nos recitais multilingües de Galicia, Nova York, París e Bretaña, unha marabillosa apoteose intercultural de vidas e voces cruzadas en torno a un poema en galego.  

Ao fío destas cuestións, e seguindo a túa experiencia, cales cres que son os espazos culturais de fóra de Galicia onde a nosa escrita suscita maior interese e é mellor recibida? 

Pois onde hai galicianistas máis activos e comprometidos, como ocorre na área anglófona coa estadounidense Kathleen N. March ou co británico Jonathan Dunne, que me traduciron e editaron dende hai moitos anos, pero tamén a ducias de colegas. Ademais, descendentes da emigración e do exilio galaicos adoitan estender este interese, como ocorreu en modo emocionante cando presentei en Manhattan a edición bilingüe de Revolución rosaliana en Nova York. E axuda tamén que a máis avanzada cultura galega estivo sempre aberta á diversidade intercultural. 

Cal é a túa experiencia como autor traducido? Quero dicir: sentes que se te trasladou competentemente a outros idiomas? Coidas que as e os profesionais que se encargaron desta tarefa fixeron un bo traballo? 

Por suposto que si, pois sempre se tratou de persoas con competencia tradutora, a miúdo literaria, que no caso das linguas máis exóticas ás que foi traducida “A cabeleira”, como o ioruba ou o quechua, me consultaron dúbidas ou me comunicaron interesantes solucións, algunhas das cales menciono como curiosidade cultural na introdución da obra. Ademais, varias destas persoas traduciron outros poemas meus ao castelán, inglés, francés, grego, bretón, esperanto, etc. 

“En Nova York e París atopei a multiculturalidade aberta a todas as diferenzas, e en Bretaña, onde me fixeron Doutor Honoris Causa, unha verde Armórica galaica que me abriu as fraternas portas dos demais países celtas, como relatei en Meus amores celtas”

A pouco que un repase a túa traxectoria, faise evidente que a Bretaña e Nova York son lugares que, tanto vivencial coma literariamente, se volveron imprescindibles para ti. De onde nace esta preferencia e cando coidas que se afirmou? 

Nova York e Bretaña, seguidos de París, son os lugares onde máis tempo vivín fóra de Galicia. Nos tres exercín como profesor universitario e, dende entón, afianzouse un tecido de relacións vitais, poéticas e profesionais fundamentais na miña existencia e na miña creación. En Nova York e París atopei a multiculturalidade aberta a todas as diferenzas e en Bretaña, onde me fixeron Doutor Honoris Causa, unha verde Armórica galaica que me abriu as fraternas portas dos demais países celtas, como relatei en Meus amores celtas 

Alén da angueira creativa, na túa faceta de estudoso da Literatura e responsable de publicacións e foros de análise tes fomentado o anosamento de moita escrita das máis diversas culturas. Que fitos salientarías deste labor? 

Efectivamente, de feito o meu primeiro ensaio xuvenil foi sobre o multicultural Borges, que este mesmo ano volvín recoller nun libro calidoscópico sobre Borges. Ademais, traducín ao galego poemas de Emily Dickinson e outras creacións e fixen decenas de publicacións e intervencións non só interculturais, como por exemplo sobre o citado Verne, senón tamén interdisciplinarias, como é o caso das dedicadas ao cineasta Woody Allen ou aos cantautores libertarios Ferré e Brassens. E, inversa e respectivamente, así analicei a escrita de decenas de galegas e galegos ou os álbums de debuxos antifascistas de Castelao e a produción do multiartista surrealista Granell. Tanto a Cátedra Valente e a revista Moenia que dirixo dende hai lustros na USC, como os cadernos Unión Libre que coordino dende hai décadas con Carmen Blanco, comparten esa apertura ao universal. 

A propósito do que vimos conversando: tes en curso algún proxecto que prosiga nesta liña de diálogo feraz con outras linguas e culturas? 

Teño. Entre os meus próximos libros, un tratará sobre Dostoievski e Tolstoi dende a perspectiva da paz contra o poder, e outro sobre Cavafis, Cernuda, Valente e Gamoneda dende a concatenación poética radical e revolucionaria. 

Formula un desiderátum: que obra ou obras túas aínda non traducidas che agradaría, especialmente, ver vertidas a outras linguas? 

Fíxome especial ilusión no seu momento que a miña escrita en Nova York fose recollida en inglés por Diana Conchado en Deathless Loves e en New York, New Poems, ou que a miña escrita en Francia aparecese recollida en francés por María Lopo en Voyages à toi e en Les amours profonds, como tamén que o que escribín en Italia ou en Grecia aparecese, respectivamente, en italiano e en grego. Así que, polo mesmo, gustaríame que o que acabo de escribir en Romanía, todo o libro ADN do infinito e o que escribín despois fose vertido ao romanés a xeito de comuñón poética, e a ser posible por unha persoa tan motivada nesta consumación coma min, porque sen paixón vital ningunha outra paixón merece a pena. 

Cómpre rematarmos. Mais non quero deixar pasar a ocasión de reiterarche os parabéns pola Medalla Mihai Eminescu, e convidarte a que deas cabo a esta grata conversa engadindo o que consideres que precisa dicirse e non se fixese aínda presente na nosa conversación. 

Pois só falta expresar unha vez máis o meu agradecemento ao teu diverso labor exemplar e lembrar que, ante todo, cómpre buscar “a paz interior en todas as linguaxes”, como escribín en A muller sinfonía, para acadar a revolución profunda que nos libre verdadeiramente das mentalidades opresivas coa súa materia de mañá: “Porque así todos os poderes do planeta / abandonarán os últimos dominios / definitivamente liberados / polo amor vital.”