Luns 25, Setembro 2023
HomeCulturaCITA EN SAN ANDRÉS DE TEIXIDO

CITA EN SAN ANDRÉS DE TEIXIDO

ENSAIO
Pandemia! A COVID-19 sacode o mundo, de Slavoj Žižek. Editorial Galaxia, 2020. Tradución de Carlos I. Aymerich Cano. 99 páxinas.

 

por Celia Pereira Porto e Xosé Rodríguez Díaz

Un virus percorre o mundo: o virus do capitalismo. E a crise provocada pola pandemia da covid-19 ten causa e é consecuencia do capitalismo. Neste libro o filósofo esloveno propón unha reflexión, de urxencia, e un debate imprescindíbeis ao redor dos cambios sociais que se están a dar e do rumbo que queremos pórlle ás nosas vidas e sociedades para que estas (e outras) catástrofes non se produzan cada vez máis.

Grazas á tradución de Carlos Aymerich e ao labor editorial de Galaxia contamos coa obra de Žižek en galego, case de forma inmediata ao orixinal en inglés e simultánea á castelá. Trátase dunha acertada novidade editorial, pola que debe dárselles os parabéns, máis aínda este ano 2020, ao constituír unha pegada do espírito de Nós porque contribúe a elevar o uso da nosa lingua e pona en relación coas outras culturas e linguas do mundo, sen mediación de ningunha outra: un exercicio de dignificación necesario e unha magnífica forma de homenaxear o centenario de Nós.

O libro dá conta dos cambios operados durante a pandemia e alerta sobre a súa orixe e respecto das súas consecuencias. Ten a virtude de facernos parar a pensar e debater, a cuestionar o que está pasando, o por que, o cara a onde… E o inconveniente da inmediatez, que pode facer máis febles algunhas análises, a medio e longo prazo, e tamén unha certa falta de desenvolvemento de determinados argumentos que sustentan algunhas das teses que contén.

A necesidade de manter o illamento e a distancia física muda os nosos hábitos sociais, mais o autor mantén a esperanza de que iso reforce a necesidade do noso vínculo coas demais persoas, un vínculo de amor e solidariedade. Iso implicaría unha revolución filosófica, que Claudio Rodríguez Fer poetizou, Amo ergo sum, e Pietro Barcellona prosificou: o regreso da vinculación social.

A pandemia pillounos por sorpresa, a pesar das advertencias científicas. Como dixo o investigador Fernando Valladares: “A vacina do coronavirus xa a tiñamos, e cargámonola”, referíndose aos ecosistemas e á relación da humanidade coa natureza.

A tese principal da obra é a reivindicación da política e a actualidade da dicotomía entre comunismo ou barbarie. A necesidade urxente de reorganizar unha economía mundial, que non pode seguir a mercé do mercado, dunha nova forma de comunismo, de cooperación e solidariedade global, que se opoña ao capitalismo do desastre. Precisamos unha saúde global para a humanidade que inclúa a natureza e novas formas de producir e distribuír os recursos necesarios que estean ao servizo das persoas que precisan axuda. E nesa tarefa esencial que permita a nosa supervivencia sabemos, desde que Karl Polanyi escribiu A gran transformación, que é imprescindíbel o papel da política porque non existe a man invisíbel do mercado.

Temos unha cita en San Andrés de Teixido, camiño onde hai que respectar todas as formas de vida, e agora, debemos engadir, mesmo a de mecanismos autorreplicantes que foron quen de nos cuestionar desde a súa condición microscópica acelular.