O día 10 de decembro de 2024 foi un día histórico para as artes escénicas de Galiza. Grazas ao circo e á súa realidade extraordinaria, foino sen a ampulosidade coa que tinximos de mentira este tipo de eventos, paradoxalmente desactivados polas poses. A verdade no circo é fundamental, por exemplo nunha acrobacia. A Asociación de Profesionais do Circo de Galicia (APCG) celebrou a primeira gala dos Premios Manu Lago do Novo Circo Galego no Teatro Principal de Compostela, amosando a consolidación e o alto nivel artístico desta disciplina, na que Galiza é unha potencia. Non esquezamos que a segunda escola de circo de Europa da historia estaba en Benposta/Ourense, na “Ciudad de los Muchachos”. Será, entón, que temos incluso unha tradición (unha escola) de circo galego? Velaí a riqueza da cultura galega, pouco recoñecida até pola xente da cultura.
Arrincan os Premios Manu Lago de Novo Circo Galego para visibilizar e pór en valor o noso circo, na súa rica diversidade. Fano con tres categorías: Mellor Espectáculo de Circo de Rúa; Mellor Espectáculo de Circo de Sala; e o Premio Manu Lago de Recoñecemento do Novo Circo Galego, outorgado a algunha entidade, compañía, artista ou persoa polo seu labor de apoio, promoción e difusión do circo galego. Galardón concedido polas socias da APCG á Asociación Circo Nove de Compostela, a nave na que desde hai vinte anos hai escola, espazo para residencias e ensaios e outros eventos.
Tamén estaban de finalistas Pista Catro S.L. e Manicómicos. Na categoría Mellor Espectáculo de Rúa gañou Circanelo da Cía. N+1 de Alfredo Pérez Muíño, artista cunha grande experiencia que nos trae nesta peza un clown de estética Charles Chaplin que, en vez de falar, asubía e nos fai rir e abraiarnos ao mesturar humor branco coa calidade de danza acrobática. Na tríade finalista tamén aparecían Hoxe si, de Marta Sempre Arriba, no que a artista fai figuras e movementos incribles subindo e baixando por unhas teas, ao ritmo de temas musicais de éxito, deses que transmiten grande forza e optimismo. A outra finalista era A vida tola de Natalia Outeiro “Pajarito”, a grande mestra do clown, cun espectáculo divertidísimo no que ironiza sobre os clixés da muller guapa, atractiva e exitosa.
Un dos puntais desta primeira edición dos premios do circo galego foi que os espectáculos finalistas, en cada unha das categorías, presentaron 5 minutos nunha demostración do mellor de cada peza. O gañador ao Mellor Espectáculo de Sala foi Orquestra de Malabares de Pista Catro S.L., un traballo de longo e percorrido polo mundo adiante, no que asistimos a combinatorias preciosas de malabares, nunha musicalidade en diálogo con bandas de música municipais dos lugares nos que actúan. Na tríade de finalistas estaban SÓ de Xampatito Pato (Xampi), coa filigrana malabar feita con caixas, e SOLO de Roi Borrallas, coas súas transformacións alucinantes, manipulando unha especie de espuma branca enriba da cara e da cabeza. Espectáculos todos eles que tiveron moitas actuacións e recolleron moi éxito.
A gala serviu para honrar a memoria dun dos artistas que máis fixo pola consolidación do novo circo en Galiza, o pallaso e malabarista Manu Lago (Manuel Lago García), falecido en 2018. Puidemos ver vídeos de diferentes momentos da traxectoria portentosa deste rapaz, artista e activista circense, dos primeiros en marchar a facer os estudos superiores de circo en Londres.
Os premios son pequenas esculturas que lembran a Manu Lago, creadas pola artista plástica Raquel Germade.
Por parte da Agadic, na gala interviu Fran Núñez, o director do CDG, institución que no 2025 presentará unha nova produción de circo dirixida por Pablo Reboleiro; pola Deputación de A Coruña, a deputada de Cultura, Natividade González, e a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín. Nas intervencións manifestaron o seu apoio ás reivindicacións do sector.
Foi unha primeira edición divertida, chea de emoción e abraio, grazas ao aire desenfadado e á calidade obxectiva que requiren moitas das disciplinas das artes circenses, porque o erro, nalgunha delas, pode supoñer incluso un risco para a vida.