Quen nunca soñou con montar un circo? Quen nunca soñou con saír á pista, colgarse dun trapecio ou pasear polo arame? Seguramente esta tolería pasou pola cabeza de moitas xeracións de nenas e nenos durante a estancia efémera do circo na súa localidade. Soñaban con fuxir coas troupes a percorrer os camiños, ofrecendo maxia e ilusión.
Ese soño, moitas veces denostado, é o que afortunadamente puidemos conseguir todo o elenco do Circo de Pinocho, un espectáculo de teatro musical e circo en carpa, composto exclusivamente por artistas vocacionais, que dende o mes de outubro percorreu as catro provincias da xeografía galega ofrecendo un espectáculo no noso idioma.
Logo de máis dun ano de produción, viaxando por varios países de Europa para conseguir a carpa, o hall, as gradas, a pista… e outras tantas cousas que se precisan para levar a cabo unha aventura como esta, por fin chegaron os ensaios.
Baixo a batuta de Paulo Medal na creación musical, texto e dirección, o deseño de vestiario e coreografías de Ali Otero, a vistosa escenografía e utilería de Pablo Giráldez ‘O Pastor’ e o deseño de iluminación de Manel Millán, a troupe púxose mans á obra para crear un espectáculo íntimo, feito con moito cariño e que pretendía combinar a dramaturxia propia dunha montaxe familiar co teatro musical e unha escolma dos números máis icónicos do circo.
Con Roberto C Mouriño e Uxía Algarra como Pepiño Grilo e Pinocho, Gema Escobar e Alejandro Costas ‘Jano’ como a Fada Mimadriña trapecista e o clown Gepetto, creouse a historia, aderezada cos espléndidos números de Noel Fandiño (malabares e maxia), Pedro Escobar (roda Cyr e corda frouxa) e Álvaro Fitinho e Bea Rubio co seu man a man e corda vertical.
Paga a pena recuperar e modernizar un espectáculo tan clásico, tan familiar e tan icónico como o circo, intentando darlle unha nova vida cunha proposta diferente. Paga a pena cumprir un soño.
A xira comezou en Redondela o 4 de outubro, e visitou Mos, Gondomar, Salceda de Caselas, Ponteareas, Marín, Tomiño, Santiago de Compostela, Lugo, Sarria, Monforte de Lemos, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Moaña, Vigo e Culleredo, coa intención de visitar non só grandes cidades senón tamén pequenas vilas. 16 localidades nas que gozaron do espectáculo máis de 40.000 espectadores de todas as idades.
O balance non pode ser máis que positivo. Pese aos temporais que fixeron tremer a toda a compañía cando a carpa xa estaba levantada, os problemas na estrada viaxando con toda a infraestrutura dunha localidade a outra, as trabas burocráticas que moitas veces equiparan un espectáculo cultural como o circo cunha atracción de feira… paga a pena.
Paga a pena recuperar e modernizar un espectáculo tan clásico, tan familiar e tan icónico como o circo, intentando darlle unha nova vida cunha proposta diferente. Paga a pena cumprir un soño, os que tiñamos todas e todos os que formamos parte deste proxecto, de traballar baixo unha carpa. Paga a pena conseguir facer unha temporada completa sen saír de Galicia.
E paga a pena, por suposto, ver esas caras e oír eses aplausos cada vez que remataba a función, sabendo que todo o esforzo que acarrea a vida nómade é recompensado polo cariño do único responsable do proxecto: o público.





