Cinza arredor d´A Nosa Cinza

“A cantos, coma min, naceron baixo o símbolo do Fungo, que en Hiroxima e Nagashaki anunciara ao mundo unha nova era.
Aos que, comigo, entre pías doutrinas e consignas imperiais, se foron facendo persoa nunha Finis Terrae avasalada e triste.
A todos aqueles que seguindo traxectorias paralelas poden certificar a realidade inventada da miña biografía.
Á miña xeración enteira.
Madrid, xuño de 1974.”

Con estas palabras de dedicatoria comeza A Nosa Cinza, a novela que deu a coñecer a Xavier Alcalá entre o público lector a finais dos anos setenta. Dise que só na súa versión orixinal galega leva vendidos máis de setenta mil exemplares. Sen dúbida, unha cantidade máis que considerable para o noso pequeno “impaís”.

Novela de formación (bildungroman), describe a maduración e o desenvolvemento de Xoán, o protagonista. A súa busca da identidade, o seu ambiente educativo (a escola, a universidade), experiencias e amizades que xogan un papel importante no crecemento sentimental e intelectual, un percorrido tanto físico como emocional (lembremos por un instante a viaxe do Adrián Solovio de Otero Pedrayo no seu Arredor de si), os conflitos internos e externos que o desafían e lle axudan a prosperar, as reflexións sobre vivencias e o progresivo auto coñecemento, características combinadas que crean un retrato rico e complexo do proceso de maduración e formación. Un proído de sentimentos e valores que trasladan o rapaz da infancia á adolescencia e á primeira madurez. Vida convertida en literatura. Ao fondo, claro está, a convulsa realidade do franquismo, a violencia implícita ou simbólica das relacións e dos afectos no día a día.

Bakthin (1997) afirmaba que hai cinco tipos de romance de formación: o primeiro, ligado á tradición idílica do século XVIII, que utiliza ciclos para construír a temporalidade; o segundo conduce sempre o protagonista á desilusión perante o mundo; o terceiro é o do tipo biográfico; o cuarto sería o romance de formación didáctico-pedagóxico e por último o realista, sendo este o máis importante: “aquel en que a evolución do home é indisoluble da evolución histórica”. Nese tipo, o home, o heroe, se forma ao mesmo tempo que o mundo. É o caso de Os anos de aprendizaxe de Wilhelm Meister de Goethe, ao que se aproxima A nosa cinza.

Unha proposta de realismo e de compromiso co “impaís”, daquela un claro espello no que reflectir a historia recente. Ao fondo unha proposta herdada do XIX da novela como instrumento educativo, mostrando ficcións que poidan servir de exemplo para os lectores.

Como dicía Goethe, “É tan agradábel recordármonos, vaidosos, de certos obstáculos que moitas veces, cun sentimento penoso, consideramos como insuperables, e compararmos aquilo que somos agora, xa crecidos, co que éramos entón, aínda por desenvolver”.

Unha obra central na nosa tradición literaria contemporánea que vén avalada polo interese de varias xeracións de lectores e que está agora de feliz aniversario cunha versión en banda deseñada, publicada por Demo Editorial. Cinza, sen máis. Baseada na novela de Xavier Alcalá, guionizada e debuxada por Manuel Cráneo, con Alfredo Ferreiro como asistente de guión e o propio Xavier Alcalá como asesor literario.

Cinza
Guionista e debuxante: Manuel Cráneo
Versión en BD da obra A nosa cinza, de Xavier Alcalá
Demo Editorial, 2023