Asegúrate de que o pos na película

A carreira de Todd Haynes, un dos cineastas estadounidenses máis importantes das últimas tres décadas, está conformada por tres grandes bloques, tendencias ou obsesións. Por unha banda, temos o seu achegamento ao cinema como experimento, xa sexa dende as marxes (Veleno, 1991; Safe, 1995) ou subvertendo o establishment (I’m noth there, 2007). Por outra, está a vena tradicional, na que se circunscribe a súa anterior película, Augas escuras (2019). E, finalmente, temos que recalar no eido que o fixo máis célebre, a recuperación dun xénero clásico en vías de desaparición como o melodrama, para sublimalo (Mildred Pierce, 2011) e abrilo cara a diversidade racial (Lonxe do ceo, 2002) e sexual (Carol, 2015).

Pois ben, a súa nova película, Secretos dun escándalo, un filme de autor que xoga cos recursos estilísticos e os tropos narrativos do telefilme de sobremesa, ten un pouco dos tres Todd Haynes.

O punto de partida da historia é especialmente truculento. Unha actriz decide convivir durante uns días coa muller á que vai interpretar na súa próxima película. Dita muller estivo no cárcere por manter relacións sexuais cun adolescente e, ao saír do presidio, formou unha familia con el.

Como dicide Todd Haynes contar esta historia de dobre vampirismo? Dende o eido do camp, un terreo que a súa xeración de cineastas, os autores do New Queer Cinema (Gregg Araki, Gus Van Sant) cultivou con esmero durante o inicio dos anos 90. Esta volta ás raíces nun momento no que Haynes está plenamente consagrado e forma parte do canon é, dende logo, unha aposta arriscada.

Porén, a verdadeira gracia de Secretos un escándalo, unha tradución inane dun título orixinal (May December) tan ben tirado como todas e cada unha das decisións do filme, non está no que conta, senón en como o conta.

Para retratar as dinámicas de poder perniciosas e enfermizas entre unha muller adulta e un home que, en realidade, segue atrapado na adolescencia, Haynes podía ter optado polo realismo e construír un drama clásico, pero en cambio ao introducir o elemento metacinematográfico a través da protagonista aborda a historia dende unha ironía que se palpa en cada plano, en cada diálogo, en cada xesto dos tres intérpretes protagonistas e no uso da música.

Incluso nos momentos de maior dramatismo resulta imposible non percibir un humor negrísimo e retorcido. Isto débese a unha construción da atmosfera sensacional. En cada secuencia semella que a historia vai estoupar e xamais o fai, porque nos barrios residencias que retrata a miseria agóchase por debaixo dunha capa de finxida e ridícula perfección. E o cinema de Hollywood, vennos a recordar Todd Haynes, so se acerca a realidade para arrincarlle o que precisa dela, alterala e convertela nunha mercadoría. Por iso, o filme consegue que nos resulte difícil discernir quen da máis medo e quen é o depredador máis perigoso, si o monstro real ou a súa versión ficticia.

Secretos dun escándalo
Dirixida por Todd Haynes
Escrita por Samy Burch
Reparto: Natalie Portman, Julianne Moore, Charles Melton
EE.UU., 2023