O deber de lembrar

Nos últimos anos, o cine tennos dado obras interesantísimas sobre a memoria, como Aftersun (Charlotte Wells, 2022) ou O brillo da televisión (Jane Schoenbrun, 2024). Ademais, tamén se estrearon películas fascinantes que se empeñan en loitar contra o esquecemento das miserias da Historia como Sobre todo de noite (Víctor Iriarte, 2023) ou A zona de interese (Jonathan Glazer, 2023). Aínda estou aquí, a nova película de Walter Salles (Estación Central do Brasil, 1998; Diarios de motocicleta, 2004), combina ambas cuestións. 

Estamos, polo tanto, ante unha película que é á vez a posta en valor da memoria como un dos bens máis íntimos e valiosos que temos as persoas e a reivindicación da súa relevancia social, política e cultural. 

Salles retrata a ferocidade da ditadura brasileira dende un fogar destruído pola mesma. Desta maneira logra amosarnos como se sinte o terror cando invade o cotiá e se infiltra polos nosos espazos máis sagrados e dana as nosas persoas máis queridas. 

Así, a historia do ex-deputado Rubens Paiva, secuestrado e desaparecido pola ditadura militar non se nos conta dende a súa perspectiva, senón dende a óptica da súa familia. Walter Salles amósanos como se quebra un fogar no que todo xira en torno a un pantasma que non se pode ver, nin cheirar, nin sentir, pero que sigue estando aí. 

Dunha maneira meticulosa, o cineasta radiografía as consecuencias na vida diaria dos que aínda son libres: a impotencia ante o sistema ditatorial, o medo dos que poderían axudar, a persecución permanente, os problemas económicos, o escudo que se pon en riba unha nai para sacar adiante aos seus fillos… 

Aínda estou aquí é precisamente unha película tan fermosa e emotiva, porque nos pon ante o espello do cotiá alterado irremediablemente polo horror e faino sen grandes fogos artificiais nin recorrer a recursos que busquen facernos chorar deliberadamente. Incluso a violencia está retratada dunha maneira sutil e respectuosa coa dor das vítimas, eludindo calquera conato de banalización da violencia ou emprego pornográfico da mesma. 

Se a cámara de Salles é clave para achegarnos a esa familia partida pola dor que causa un pai desaparecido, non o é menos a interpretación de Fernanda Torres. A dignidade que lle logra imprimir a Eunice Paiva é dunha beleza incrible. Unha interpretación tan emotiva como sutil, baseada na poderosa mirada da actriz.  

A memoria íntima é o material co que se constrúe unha memoria histórica sólida que sirva para reparar ás vítimas e previr que os mesmos crimes se repitan no futuro. Esquecer a nosa memoria familiar supón perder unha parte esencial de quen somos. Agochar a memoria histórica, implica cometer os mesmos erros e deixar a porta aberta á mesma dor. 

 

Aínda estou aquí 
Dirixida por Walter Salles
Escrita por Murilo Hauser e Heitor Lorega 
Reparto: Fernanda Torres, Selton Mello, Valentina Herszage
Brasil, 2024