Na entrega precedente, falaba dun filme de que representa moi ben o progresivo deterioro dos centros de ensino público, que converten ao alumnado en inimigo dos seus propios intereses educativos e obrigan ao profesorado a se trocaren en auténticos “heroes contemporáneos”. Quero ampliar a visión do heroico docente, que enunciaba no meu comentario de Entre les murs (Laurent Cantet, 2008), con dous filmes recentes: El maestro que prometió el mar (Patricia Font, 2023) e Radical (Christopher Zalla, 2023). De novo, trátase de filmes que reconstrúen “feitos reais” e de novo repito que o que me interesa deles é o que na anterior entrega chamei a “verdade xeral”. A experiencia do mestre republicano catalán Antoni Benaiges na escola rural dunha pequena vila castelá no limiar da guerra civil española, e a do profesor mexicano Sergio Suárez Correa nunha escola dunha pequena cidade fronteiriza cos Estados Unidos hai pouco máis de dez anos, ofrécennos unha perspectiva ben diferente da de François Bégaudeau no seu centro de secundaria da banlieu parisina. A apatía da maioría do profesorado da escola mexicana e o fatalismo do alumnado e as súas familias paréceme a min que teñen máis que ver co abandono das escolas rurais na España dos anos 30 ca cos problemas derivados da inmigración e a desatención da escola pública nos países de capitalismo avanzado. Coinciden os dous filmes en colocar no centro do relato o compromiso pedagóxico dos dous mestres protagonistas. Benaiges é un seguidor da pedagoxía Freinet e o uso da imprenta como instrumento de aprendizaxe. O modelo didáctico é menos explícito no caso de Suárez Correa, mais coincide co catalán en conceder ao alumnado a máxima autonomía no seu proceso de aprendizaxe, emprestando atención ás súas características, intereses e capacidades diferentes para reforzar a autoestima de cadaquén e así non deixar a ninguén atrás. Nese sentido, malia a distancia no tempo, ambos os dous encádranse na liña de continuade da chamada nova pedagoxía, que leva teimando desde comezos do século XX por disputar a hexemonía nas institucións educativas ao dominante ensino dogmático, dirixista, elitista e segregador. A morte do mozo mestre republicano, como a do inesquecible vello mestre d’A lingua das bolboretas (José Luis Cuerda 1999), quebrou na España de 1939 aquel combate polo cambio escolar, que aínda segue pendente, hoxe coa ameazante sombra dos herdeiros da ignominia franquista erguendo outra volta a voz. Reconfórtanos o éxito do mestre mexicano, malia as presións institucionais e o rexeite de algúns colegas, coa ameaza violenta do narcotráfico como pano de fondo, e saímos do cine querendo crer que os premios á executoria escolar, que se enuncian nos títulos de crédito finais, sexan un sinal perdurable de que en efecto outro tipo de escola, non só é posible, senón que está xa en marcha. Direi para rematar que, na miña opinión, ningún dos dous filmes é unha obra redonda desde o punto de vista da estética cinematográfica, como si se achegaba a ser Entre les murs. E, en todo caso, tampouco esta pretende ser unha crítica cinematográfica.