Dende a radio chegan novas sobre a invasión rusa de Ucraína. Nun Helsinki outonal, gris, triste e trasnoitado, un home alcohólico que vive nunha caravana xunto a outros compañeiros de traballo e unha muller que lidia coa explotación laboral e malvive nun piso ínfimo atópanse e namóranse. Se fosen Rick Blaine e Ilsa Lund, os protagonistas de Casablanca (Michael Curtiz, 1942) dirían que se están a namorar mentres o mundo se achega a un novo precipicio, pero como son personaxes de Aki Kaurismäki, non din nada. Para que falar cando non fai falta?
O cineasta finés por antonomasia volve seis anos despois da súa última película (O outro lado da esperanza, 2017) para facer gala, de novo, do seu profundo e emocionante humanismo.
Fallen Leaves volve ser unha historia mínima engrandecida pola capacidade de Kaurismäki de chegar á alma de persoas que nin sequera existen a través dos seus rostros cansos de vivir pouco, de vivir mal, de vivir pescudando unha esperanza.
Os alaridos da guerra átannos ao presente nunha cidade pre-dixital na que os pubs, os negocios, os fogares, as industrias, os trens e ata os hospitais parecen conxelados no tempo, como se o efecto 2000 tivera paralizado a dixitalización das nosas vidas. A protagonista, unha sensacional Alma Pöysti, acode a un negocio a alugar un portátil e unha conexión a internet durante media hora para buscar traballo. Ese é o momento máis tecnolóxico dunha película na que os humanos seguen ocupando o centro da vida.
Só nun mundo así, no que aínda somos capaces de erguer a vista do móbil e mirar ao rostro dunha persoa descoñecida con interese e curiosidade, podería producirse o amor que brota en Fallen Leaves. Só nun universo no que non existen os smartphones este amor podería crecer a pesares e por froito do destino.
Neste filme, Aki Kaurismäki consegue retratar o alcoholismo, as precarias condicións laborais dos traballadores non cualificados, o gravísimo problema da vivenda, a depresión e, sobre todo, a soidade urbana. Que duro é sobrevivir estando e sentíndose profundamente so. Chegamos a un punto no que pensamos que o que vale a pena da vida son as cousas, pero o de verdade importante, aquilo polo que vivimos son as persoas. Afortunados aqueles que poden sentarse a ver unha película de Jim Jarmush nunha sala de cine en compañía de alguén especial.
Cada fotograma de Fallen Leaves é un cadro no que o uso da luz transforma o decadente en esperanzador. A composición, a fotografía e a dirección artística, coma sempre na obra de Kaurismäki conforman un todo no que os espazos se asimilan co espírito dos personaxes. Non é isto, precisamente, o cine? Empregar as imaxes para representar aquilo que somos e, sobre todo, aquilo que queremos ser.
Fallen Leaves
Dirixida e escrita por Aki Kaurismäki
Reparto: Alma Pöysti, Jussi Vatanen, Janne Hyytiäinen