“El correo”, outro filme social de Calparsoro

Daniel Calparsoro ten xa unha longa carreira no tempo como director cinematográfico. Nas súas obras, e tamén na que nos ocupa, El correo, sempre amosou unha sobranceira teima, reflectida na aparición directa ou indirecta na súa filmografía, nas temáticas sociais.

Porén, esta constante non supón que non exista unha evolución no seu cinema. Xa que logo, a glamourosa e sofisticada El correo ten grandes diferenzas. Por caso, con filmes iniciáticos e iniciais de Calparsoro, como Salto al vacío. Xa que logo, pouco teñen que ver  o paraíso marbellí e a súa jet co mundo (máis ben “submundo”) marxinal, de ton underground, e con sabor a ferro e óxido, e picadas asasinas nos brazos, da marxe esquerda da ría de Bilbo dos anos 80 e 90, no que a xente non se drogaba precisamente polo nariz e morría por sobredose asasina ou por reconversión industrial capitalista. É curioso, pero cando aparecía en El correo toda a jet set marbellí non puiden reprimir relembrar a directores tamén valiosos e meritorios, pero máis convencionais na súa “pintura de ambientes” (como é o caso de Juanma Bajo Ulloa).

A evolución de Calparsoro é, neste senso, evidente, pero tamén o é a persistencia do seu potencial de denuncia social. O director recorre a fotos da prensa da época e intercala uns fragmentos que fan relembrar o xénero documental para que o espectador teña presente que, lamentablemente, episodios coma os narrados foron absolutamente reais.

Así e todo, hai que diferenciar os delitos perpetrados por Iván (o protagonista do filme) dos cometidos por concelleiros corruptos recualificadores, especuladores inmobiliarios, suxeitos da suba dos importes das hipotecas, en definitiva, subtracción de cartos públicos…, e tódolos demais feitos realizados pola cúpula das organizacións criminais vencelladas á jet set, tanto a nivel local como peninsular ou internacional (Bélxica, Suíza). Pola contra, Iván e mailo seu máis inmediato colaborador Yannick están a un grao máis baixo na escala da criminalidade e fican máis en contacto coa “delincuencia de rúa” (ou sexa, non son para nada de “guante branco”). Sen embargo, sen eles aquelas mafias non poderían desenvolver os seus negocios… Iván e Yannick dedícanse ó tráfico de divisas e ó Branqueo de Capitais.

Xa que logo, a obra é suficientemente interesante para investirmos o tempo libre en vela. É brillante en numerosos eidos. O ritmo é excelente (lonxe do demasiado vibrante que podemos observar na moi divertida Air bag de Juanma Bajo Ulloa).

O final da película non resulta nin edulcorado nin artificial. Aquel ambicioso e cobizoso rapaz de Vallecas que soñaba con ser rico namentres se erguía de madrugada cada día, e para traballar collía un bus que o conducía por diante do estadio do Rayo Vallecano…, acabará por comprender que é un mal camiño correr demasiado na vía do enriquecemento, aínda que sexa nunha sociedade capitalista.

Os personaxes do filme, alén de ben descritos, fican curiosamente inseridos e vencellados por relacións ben de oposición, ben de cooperación. A Anne-Marie (muller independente, paixón madura, máis vella ca Iván) oponse Leti (acendida paixón e personificación dos desexos de ascenso na escala social…, froita prohibida para Iván polos métodos gansterís e bárbaros do capo Escámez, que teima obsesivamente por non ser o sogro do protagonista da película). E, alén disto, cada personaxe ten a súa propia filosofía de vida, marcada por unhas notas opostas entre si, que poden ser, poñendo por caso, a prudencia de Anne-Marie, que contrasta co frenesí e o desfasamento de Iván. Non se podería comprender a Ocaña, concelleiro corrupto de Marbella, nin as súas recualificacións e plans urbanísticos en beneficio de capitalistas diversos, sen ter presente a Escámez, ou ós construtores vencellados á engrenaxe criminal, ou ós banqueiros, que en conivencia manipulan o prezo das hipotecas.

É rechamante a curiosa figura, con trazos paternais, do comisario Roig, e mailos seus discursos moralizantes dirixidos a Iván e Yannick. Estamos a falar dunha figura que ben poderiamos vencellar á personaxe do pai (de Iván), quen, á súa vez, advirte vehementemente ó protagonista contra dos “cartos fáciles”. A isto respóndelle Iván ninguneándoo coma se for un “pobre diaño”, argumentándolle que “sempre foi pobre por vivir cinguíndose ás leis”. O pai, en plena pugna retórica, relémbralle a premisa de que “os listos fan as leis e rin delas, os listiños acaban na cadea por se quereren aproveitar das mesmas”. Velaí dúas filosofías vitais absolutamente opostas entre si, as que se dan entre pai e fillo. O primeiro cre nunha vida honesta, baseada no traballo, austera, axusta á legalidade. Fronte a isto, Iván defende e practica unha praxe vital baseada no “pelotazo”, na picaresca, no hedonismo, na clandestinidade…

Isto tradúcese no ámbito socio-político na posta a disposición dos cartos públicos en proveito do lucro privado, e mais das institucións e do ordenamento xurídico (especialmente en certos eidos, coma o abano de normas urbanísticas). Daquela, a actitude adoptada por Iván plásmase na ampliación das diferenzas socioeconómicas existentes no tecido estrutural e na espoliación dos cartos públicos. Esta filosofía trouxo consigo a ruína e mailo descalabro das nacións e rexións do chamado Estado español, e loxicamente, das clases populares abranguidas por este. E para Iván, o personaxe protagonista, esta filosofía vai supoñe-la deterioración e a autodestrución… ¡A cocaína, a soidade, unha dura pena de cadea!

Concluíndo, o final deste filme non ten nada de optimista. O Sistema e o mundo son inxustos e manifestamente mellorables, incompatibles coa felicidade do ser humano… Pero… ¿e o amor? ¿Constitúe quizais o amor un medio de salvación fronte a tanta miseria?… Pois non, tamén o amor fracasará: Iván non tira proveito nin sequera do amor. Vaise decatar diso por algo que o comisario Roig lle moumeou: aconteceu isto cando o curioso comisario pretendía facerlle albisca-lo segredo verbo de quen o delatara; e díxolle: “démoslle a escoller entre o amor e a liberdade”, referíndose a Anne-Marie.  “Eu faría o mesmo”, acaba por pensar Iván trala conmoción inicial.

Hai algo de antisistémico e anticapitalista na última frase de Iván: “O diñeiro corrompe. Moito diñeiro corrompe moito”.

Éche ben certo.

El correo
Director: Daniel Calparsoro
Reparto: Arón Piper, María Pedraza, Luis Tosar, Luis Zahera, Laura Sepul
España, 2024