Un nome indíxena para un planeta en guerra

Dune (Duna ou Dunas, como lle chaman en Latinoamérica) é o nome dun planeta, un planeta cuxos indíxenas (os Fremen) o denominan deste xeito, pero que é coñecido na globalidade do Universo como o planeta Arrakis. Na película que recibe o mesmo nome (na súa parte II), o director franco-canadiano Denis Villeneuve contou co concurso dun flamante elenco de actores, entre os que son salientables Zendaya, Rebecca Ferguson, Josh Broslin, Florence Pugh, Christopher Walken, Lea Seydoux, Stellan Skarsgard, Charlote Rampling, Javier Bardem…

Existen dúas maneiras de interpreta-lo filme Dune-parte II. Ben como un simple mito ou ben como algo máis ca iso. Se a concibimos como un mito, ou un conxunto de mitos épico-bélicos, estariamos ante un conto (e, levado ó eido da cinematografía, unha simple película fantástica ou de estrita ciencia-ficción). Neste caso, sería moi pouco doado facer unha crítica de Dune, non habería case que nada que dicir: estariamos en presenza dun simple divertimento, sen máis fonduras. Eu penso que hai algo, bastantes cousas máis; unha mensaxe, ou varias mensaxes inscritas no filme. En todo caso, resulta peculiar facer unha crítica de tan peculiar película: pensemos que a súa duración se aproxima ás tres horas e reparemos tamén na inxente cantidade de personaxes e nas complicacións simbólicas que reviste o seu argumento.

Existen unhas Ideas-Forza cuxa presenza pode ser observada dende a análise do argumento, do guión, da ambientación ou de calquera outro elemento deste filme. A seguir, e a título exemplificado, procedo a citar e comentar algunhas destas Ideas-Forza dalgún xeito presentes en Dune-parte II.

Poder
A esencia da película, e o móbil de case que tódolos actores individuais e colectivos, son as leas e liortas que teñen como obxecto chegar a posuí-las riquezas do planeta Arrakis (particularmente a chamada “Especia”). Xa que logo, estamos ante a forma máis estrutural e fundamentadora de poder: o poder económico.
O poder, que chega a ser militar, maniféstase como absolutamente piramidal e elitista (neste senso, poñendo por caso, o golpe de estado contra da Casa de Atreides).
Doutra banda, Paul Atreides experimentará unha considerable evolución persoal verbo da concepción da idea de “poder”. Chani chegará a dicirlle “pero… ¿non eras ti quen non quería o poder?”.

Natureza
Ten importancia no filme a cuestión do Dominio da Natureza polos humanos (véxanse as cabalgadas nos vermes do deserto).

Liberdade
Ten a súa máxima expresión no xeito de vivir dos Fremen (“aquí todos somos iguais”, dille Chani a Paul Atreides).

Orientalismo
A ambientación orientalista terá a súa presenza na vida dos Fremen. En efecto, orientais e máis en concreto islámicos semellan se-los seus vestidos, a súa relixión, o seu hábitat desértico…

Relixión versus laicismo
Existe unha controversia entre Chani e Stilgar, entre os Fremen do norte e os do sur. Chani nega as profecías, e sobre todo a que di que vai chegar un Mahdi que liberará o seu pobo.
Ó redor destas crenzas vaise desenvolver unha forte corrente de fanatismo fundamentalista, unha de cuxas expresións será o colectivo Bene Gesserit, que practica e predica o proselitismo masivo.
Paul enfróntase coa súa nai, e non irá ó sur ateigado de fundamentalistas e por medo á Guerra Santa. Súa nai (membro das Bene Gesserit) desafía á ciencia, inxerindo unha beberaxe, teoricamente velenosa, e sobrevivindo e aumentando os seus poderes parapsicolóxicos.
A cuestión relixiosa, e sobre todo a profecía, terá gran repercusión na persoa de Paul Atreides, que inicialmente negará se-lo Mahdi, e logo asumirá o seu papel mesiánico.

Amor
Paul Atreides e Chani están namorados. Nembargantes, esta relación terá un triste futuro no final do filme.

Integración
Paul Atreides será un Fremen máis. Asumirá os seus costumes, idioma…, mesmo aprenderá a somete-los vermes do deserto. Entre os Fremen será coñecido como Moabdib ou Usul.

Decadencia
Personificada nos Harkonnen, entre os que impera a violencia, o sadismo, incluso o canibalismo. Feyd-Rauth é o máximo expoñente da depravación (véxase, poñendo por caso, o inmenso pracer co que queima viva a Shistali).

Sedución
De Feyd-Rauth por parte de Margot, a instancia da Reverenda Madre Mohiam, da orde Bene-Gesserit.

Compañeirismo
De Paul Atreides, que se nega a desafiar a Stilgar polo liderado.

Guerra
Existen choques esporádicos ó longo de todo o filme. Existe tamén unha batalla final, na que os Fremen (cabalgando vermes de area) derrotan ós Sarkauder do Emperador e mais ás tropas Harkonen; nesta batalla prodúcese a utilización de armas atómicas por parte de Paul.

Vinganza
É un dos móbiles de Paul Atreides.

Duelo
Entre Feyd-Rauth e Paul (o peor da película contra o mellor).
A consecuencia do resultado deste duelo, o Emperador réndelle vasalaxe a Paul e adquire a potestade de casar coa filla do emperador.

Paraíso
Constitúe unha promesa de Paul ós Fremen un Paraíso, un Paraíso verde e ecolóxico, visión nostálxica do an􀆟go planeta Arrakis.

Guerra Santa
Deste xeito interpreta Jessica, nai de Paul, na última escena da película: “está comezando a Guerra Santa”.

CONCLUSIÓN: Moi lonxe dunha obra mestra.
Albisco que se poderían enumerar moitos máis núcleos temáticos, alén da precedente enumeración, exemplificativa pero quizais demasiado exhaustiva, de ideas-forza. Pero, así e todo, coido que non é suficiente o concurso de tódalas que fosen. Estas ideas-forza soamente compoñen unha crónica, non están estruturadas, nin son significativas, porque ó director daríalle igual utilizar outras diferentes (ou mesmo contrarias); sería indiferente muda-la substantividade ou a orde das devanditas ideas-forza. Alén dalgunha cuestión salientable (como a personaxe de Chani, claramente posicionada, sen troca-las súas opinións e sentimentos), este filme baséase nos mesmos elementos nos que o faría un videoxogo. Todo é cuestión de capital, non de arte (dramática) nesta superprodución: un elenco sublime de actores, magníficos efectos especiais, magnífica fotografía, magnífica música… Pero coido que isto non é dabondo para facer unha boa película… Menos imaxes e máis fondo, máis substancia, máis calado!!

Dune Parte II
Dirección: Denis Villeneuve
Guión: Denis Villeneuve e Jon Spaihts sobre novela de Frank Herbert
Música: Hans Zimmer
Reparto: Timothée Chalamet, Zendaya, Rebecca Ferguson, Josh Brolin, Austin Butler, Florence Pugh, Dave Bautista, Christopher Walken, Stephen McKinley Henderson, Léa Seydoux, Souheila Yacoub, Stellan Skarsgård, Charlotte Rampling, Javier Bardem y Anya Taylor-Joy