Aínda podemos satirizar

Seis días e 48 horas. Grecia vén de aprobar unha xornada laboral que legaliza a explotación da clase traballadora. Unha explotación que se practica en moitos países, comezando polo noso, mediante horas extraordinarias que nin se compensan con días de descanso, nin se retribúen. Horas extra fantasmas que socavan o dereito a vivir de miles de persoas e incrementan de maneira dramática os accidentes laborais. 

Non esperes demasiado da fin do mundo, a nova sátira do cineasta romanés Radu Jude (Un polvo desafortunado ou porno tolo, 2021), amósanos a unha axudante de produción que percorre as rúas de Bucarest entrevistando a persoas que sufriron accidentes de traballo para facer un anuncio sobre seguridade laboral para unha multinacional austríaca. 

Por suposto, tódolos accidentes teñen a súa orixe na explotación. Evidentemente, non existe ningunha intención de amosalo no anuncio. Nun xiro extra, a propia axudante de produción traballa sen parar, deambulando no seu coche por un mundo que se aproxima a súa fin dunha maneira absolutamente ridícula. 

Precisamente, a cámara de Jude esfórzase por amosarnos algúns dos ingredientes que fan das nosas vidas experiencias próximas ao delirio. Insistentes chamadas comerciais que invaden a nosa esfera persoal, xornadas laborais infinitas, salarios miserables, neocolonialismo dentro da Unión Europea, depredación especulativa que xoga ata cos nichos, sexo insubstancial, a nostalxia como ideoloxía e a predominancia das redes sociais no noso día a día… 

Como se evade a protagonista da miseria cotiá? Empregando un filtro para representar en TikTok a un home faltón, de ultradereita e putinista. Unha parodia para fuxir dunha realidade que non da pé a ter moitas esperanzas, como xa indica o brillante título do filme. 

Así, Radu Jude intercala tres formatos diferentes: a historia principal, contada en branco e negro, os vídeos de TikTok e secuencias doutro filme: Angela merge mai departe (Lucian Bratu, 1982), a historia dunha taxista na Romanía de Ceaușescu. É dicir, Jude pon diante da protagonista (e de nós) dúas alternativas á decadencia do mundo: entregarse a irrealidade das redes sociais ou volver ao pasado que, oh sorpresa, non foi tan ideal como moita xente nos quere facer crer.  

A última decisión audaz da posta en escena de Radu Jude ten lugar na derradeira secuencia do filme: un longuísimo plano fixo da familia elixida para protagonizar o anuncio nun escenario posindustrial abandonado. Nel, a protagonista aparece apenas uns segundos, sen embargo está presente en off. A executiva de marketing austríaca enviada para controlar o proceso, nin iso. Quedouse no hotel. A Europa occidental depredando á Europa do leste sen necesidade de mancharse as mans. O capital empregando a extorsión para mudar a realidade e forzar a vontade da clase obreira. Os propios explotados contribuíndo a explotar a outros. Esa derradeira media hora final é dun incisivo que traspasa a pantalla. Sobre todo, grazas a decisión de deter un filme que, ata ese momento, estaba en constante movemento. 

 

Non esperes demasiado da fin do mundo 
Dirixida e escrita por Radu Jude
Reparto: Ilinca Manolache, Ovidiu Pirsan, Nina Hoss
Rumanía, 2023