Ante o odio dos demais

As fotografías son á vez documento histórico e obxecto que transmite unha visión do mundo. Incluso aquelas na que os escenario non é manipulado premeditadamente. Este conflito é intrínseco á propia fotografía, xa sexa como arte, como medio de información ou como dispositivo que retén o tempo para fixar un instante e permitir a nosa memoria volver a el. Estas ideas están presentes nalgunhas das grandes obras sobre a fotografía e os mellores estudos sobre a imaxe como Ante a dor dos demais de Susan Sontag, unha das fotoxornalistas máis famosas da Historia. 

Os ecos de Sontag fanse notar en Civil War, a nova película de Alex Garland, a mente pensante e a mirada meditada detrás de grandes obras de ciencia ficción como Ex Machina, Aniquilación ou Devs. 

Como o título promete, esta película está ambientada nunha Segunda Guerra Civil Estadounidense, na que unha coalición imposible entre California e Texas organiza un exército insurxente contra un presidente autócrata aferrado inconstitucionalmente ao poder.  

Dende unha Nova York xa controlada polos rebeldes, dúas fotógrafas e dous xornalistas aventúranse a recorrer os quilómetros que separan a gran mazá de Washington a través de estradas secundarias enfrontándose ao caos reinante nun país no que un pobo pode estar en mans dun bando e o do lado ser fiel ao outro. O obxectivo desta viaxe é entrevistar ao presidente xusto antes de que sexa deposto. Lograr un documento histórico que non se acadou con Hitler ou Mussolini antes do suicidio do primeiro e o aforcamento público do segundo. 

Deixar constancia da Historia ou construír a Historia? Cal é a meta real? 

No transcurso desta viaxe, Alex Garland ponnos, a través da mirada dunha fotógrafa de guerra veterana e dunha principiante, ante a violencia máis atroz, o odio máis corrosivo e a carencia de lóxica que se apodera das persoas cando ao ollar ao Outro non atopa nel ningún signo de humanidade. Ata o punto de que un xa mata ao de enfronte sen saber nin que defende aquel, nin por que asasina un.  

Denuncia Civil War a banalización da violencia… espectacularizando unha guerra civil? Pode ser, nos últimos corenta minutos hai varias decisións narrativas e de posta en escena cuestionables. Porén, hai que recoñecer que Garland logra que nos fagamos preguntas, que saiamos do cine reflexionando sobre como se representa a violencia, e cales son as ideas subxacentes a dita representación.  

Fronte a películas que parecen golpearnos co seu discurso na cara, prefiro filmes con claroscuros éticos, cuxas imaxes se craven nas nosas mentes como levan facendo as grandes fotografías dende o século XIX. A maneira en que miramos constrúe a nosa realidade. O encadre e o momento exacto no que facemos clic din tanto do que estamos rexistrando como de nós mesmos.  

Civil War 
Dirixida e escrita por Alex Garland
Reparto: Kirsten Dunst, Wagner Moura, Cailee Spaeny 
EE.UU. 2024