Por riba doutras consideracións, e antes que nada, o filme As cores do incendio é, no seu contido, a historia dunha vinganza… Unha vinganza que, en realidade, se desprega en máis de unha, porque varios son os que a exercen (cun carácter propio, delegado, remunerado…). E, tamén, varios son tamén os “canallas” que polos seus malignos feitos se farán merecentes da devandita vinganza. Por mor de que a película amosa un considerable grao de maniqueísmo e simpleza, os tipificados como “malos” son “moi malos”, namentres que os “bos” son “moi bos”. Isto explica que, alén das malignas especulacións daqueles malnacidos, que foron ruinosas para o patrimonio da protagonista Madeleine e que constitúen o nó argumental deste filme, cada un dos personaxes mal connotados amosa cadansúa eiva: xa que logo, un é pederasta, outro comete delitos contra dos traballadores da súa empresa, outro subtrae da caixa forte da citada Madeleine unha considerable cantidade de cartos…
Asemade, o filme é unha historia da coraxe e perseveranza de Madeleine na restitución da orde xusta e digna do estado das cousas, a través da amentada vinganza. Unha muller que non se rende nunca, que lles planta cara ás adversidades, que son moitas, comezando pola invalidez do seu fillo. Un fillo que chegará a ter un elevado grao de protagonismo, como fiel e incondicional colaborador da súa nai, xa non só na vida cotiá, senón tamén na posta en práctica da soñada vinganza para a cal o amentado fillo terá as súas propias razóns (que se revelarán no curso do filme).
Doutra banda, o contexto xeo-histórico e socio-político da película vén connotado, xa inicialmente, polo París de 1929… París, esa cidade radiante como non hai outra! París, ouh là là! Velaí está o Louvre, o edificio máis fermoso do mundo, ouh là là! Viva o cemiterio onde descansan os valentes heroes da comuna…! De París-París-París!
Polo que atinxe ó ritmo do filme, cómpre dicir que, malia momentos de lentitude na acción, e a longa metraxe da película, o filme ten un certo dinamismo; este amósase sobre todo no concernente á protagonista Madeleine, que, de súpeto, a partir dun intre, experimenta un espectacular proceso cara á súa integración nas clases populares, dende unha orixe de inclusión na oligarquía económico-política. A inicial pertenza de Madeleine á elite social reflíctese nas escenas coas que principia a película, nas que se amosa a súa proximidade ó máis “selecto” do “todo París”; tamén se amosan imaxes do luxoso pazo que lle servía de morada á familia da protagonista.
A partir destes inicios, o argumento do filme desenvólvese de xeito vertixinoso, pasando pola traidora manobra especulativa (típica do sistema capitalista), que vai supo-la defenestración económica da familia protagonista… A seguir, a “revenge”, contra os canallas que lles inflixiron ós protagonistas danos non soamente económicos, senón tamén de toda caste. A partir de entón, o esencial será a descrición da planificación e execución da vinganza-vinganzas, enchéndose deste xeito tanto o argumento coma o guión. Non embargante, este fío argumental, sendo o principal-principalísimo, non será excluínte dalgún episodio accesorio no que xogará con magnificencia o factor-sorpresa no seu transcorrer. Estoume a referir ós sucesos relativos a unha cantante de ópera (Solange), que malia ser obxecto de devoción do fillo, vai dar un concerto no Berlín hitleriano, pero sorprenderanos cun refrescante arrecendo AntiFascista.
Ó mesmo tempo, existen personaxes que deixan peculiar pegada no espectador. É o caso do señor Dupree, sucesivamente traballador na casa, logo colaborador na vinganza, e finalmente tamén amante de Madeleine. O señor Dupree, obreiro con conciencia de clase, personifica a Loita de Clases e a inserción na loita anticapitalista contra os ricos e potentados estafadores.
Para rematarmos, facer fincapé en que non soamente estamos diante dunha obra verbo da vinganza, senón tamén verbo da xustiza… É curioso como este carácter xusticeiro do filme que nos ocupa fai relembra-la película O golpe, con Paul Newman… O golpe, unha obra mestra… Paul Newman, agarimoso, cheo de bonhomía, meigo do cinema, imposible de esquecer… Música de Tres homes e un destino, imposible de esquecer.
As cores do incendio
Baseada na novela de Pierre Lemaitre
Director: Clovis Cornillac
Reparto: Léa Druker, Benoit Poelvoorde, Alice Isaaz, Clovis Comillac, Olivier Gourmet
Produción: Francia, 2022