Mércores 30, Novembro 2022
HomeCultura O Poder e o control contra o amor e a condición...

[CINEMA] O Poder e o control contra o amor e a condición humana

CINEMA
Don´t worry darling
Dirixida por Olivia Wilde
Guión: Katie Silberman, Carey Van Dyke, Shane Van Dyke
Reparto: Florence Pugh, Harry Styles, Olivia Wilde, Chris Pine, Gemma Chan, KiKi Layne, Nick Kroll, Douglas Smith, Kate Berlant, Asif Ali, Dita Von Teese, Timothy Simons, Sydney Chandler
EE.UU., 2021

 

por Xan Daniel García Rodríguez

Para face-lo intento de critica da película Don´t worry Darling (Non teimes, queridiña), dirixida pola tamén e asemade intérprete no filme Olivia Williams, cómpre aclarar previamente certos aspectos. En primeiro lugar, malia determinados reberetes de thriller,  cine retro, cine futurista, drama de amor e paixón…, así e todo, tal e como se vai perfilando e con máis claridade ó final da trama, estamos perante un filme de ciencia-ficción. Doutra banda, sería bo tentar de acouta-lo cando e o onde se produce o desenvolvemento do argumento desta película: polo que atinxe á época na que acontecen os feitos narrados polo filme, semellan se-los últimos corenta ou máis ben a década dos cincuenta do pasado século XX; no que se refire ó lugar, imaxinario e situado no sur de Estados Unidos, concrétase nunha urbanización arrodeada de deserto, bautizada como “Victoria.”

En liñas xerais, descríbese neste filme un experimento sociolóxico, que á sua vez se fundamenta sobre una misteriosa investigación científica. Dende aí, a cuestión fundamental vai ser determinar cales sexan as bases e o funcionamento desta peculiarísima, extraña e misteriosa micro-sociedade, que fica soportada sobre do potenciamento dos elementos grupais, e mesmo (intúese) sobre do ocio compartido entre as membr@s de “Victoria”, pescudándose confianza, intimidade e mutua complicidade. No que concerne a se existían interaccións externas con subxectos fóra de “Victoria”, cómpre dicir que non,  e que estamos perante dunha sociedade pechada ó respecto do resto do mundo.

Conxuntamente coa descripción desta sui xéneris, moi suixéneris ou máis que suixéneris dinámica socio-grupal  na <colonia> de chalets “Victoria”, imos ir vivindo ó longo da duración deste filme un curioso e enignático proceso que lle acontece a Alice, a protagonista indiscutible do filme. Un misterioso e personalísimo proceso, traducido inicialmente en percepcións e vivencias extrañas por ela experimentadas, e que van in crescendo (algo semellante a alucinacións ou psicodélia). No sucesivo, o precitado proceso persoal de Alice vaise ver acompañado da “Rebeldía e Rebelión” contra Peter o “caudillo” da colonia, e contra do sistema instaurado en “Victoria”:  nesta liña, Alice sobordará o máis importante tabú que rexía aquel microcosmos (isto é, a prohibición de ir a un determinado lugar, que me absteño de revelar e describir por mor de non facer spoiler); en segunda instancia, aínda que con escasa fortuna, Alice chega a enfrontarse, e tentar de descalificar a Peter (<o xefe>) publicamente, en presencia doutros habitantes de “Victoria”.

Paralelamente, vanse reflictir outros procesos menos intimistas. “Amor, doce amor” que une, con paixón e con candor, nunha relación a Alice co seu home Jack. Tamén a relación de amizade que une a Alice e Bunny; ou as relación de afinidade que, concordemente  co deseño social de “Victoria”, fan que Alice e Jack compartan espazos e tempos coas outras parellas da urbanización. Nesta sede compre dicir que, curiosamente, ó longo da interacción coas dúas persoas máis próximas (Jack e Bunny), Alice vai sufrir nas súas carnes senllas traizóns (malia que Bunny, pola sua banda, será quen de reparala e compensala).

Hai un elemento salientable e da máxima importancia na análise deste filme: non  é errado pensarmos mesmo nunha estrutura sectaria no seo da sociedade de “Victoria”. O sectarismo vai máis alá da estrutura, tamén está presente noutros aspectos como a obediencia carismática e absoluta que tod@s lle profesan a Peter (O xefe da secta, á que todos parecen querer compracer). Non embargante, o asunto vai máis alá, xa que o amentado Peter chega a utiliza-la sensualidade dos membros e sobre de todo das membras da secta para afortala-la cohesión do grupo; e mesmo chega a exercer certa caste de prerrogativas neste senso, e a fomenta-la erotización do grupo (algo que prima facie e está en contradición co seu talante ultra conservador).

É característico dos fenomémos sectarios que éstes posúan un corpus de secretos, un ámbito de secretos. No caso da colonia “Victoria”,  trátase dun secreto científico-militar, coas consiguintes connotacions. Alen disto, suponse que  esta investigación secreta, e presuntamente militar, se está desenvolvendo nos tempos iniciais da Guerra Fría, co consiguiente clima de secretismo que os caracterizaba, dado o ambiente de alarma mundial, por se-la primeira vez na historia en que dúas potencias enfrontadas posuían un arma (a nuclear) capaz de causa-la destrucción de toda a Humanidade. Xa que logo, o Poder esíxelle a máxima discreción ós habitantes da colonia, máis ainda, demándalles a non dar azo ningún á curiosidade sobre o que estiver acontecendo naquela, e sobre todo nos seus arrabaldos.

Pero hai máis. Admitamos que o filme non chega a constituir un “tratado” de Ciencia Política, de Teoría de Estado, ou de Soioloxía (ou sexa, que non estamos, poñendo por caso, perante o Tratado do “Contrato Social” de Jean Jacques Rousseau). Porén, a película pode ser obxecto dunha análise canto ós efectos que o Poder espalla sobre quen ten que sofrilo; e como xa dixen, non estamos precisamente perante do Poder descrito nas obras do xenebrino (en todo caso, sería semellante ó caso de “Victoria”, o Poder consignado por Hobbes no seu libro “O Leviathan”); pois estamos perante un Poder que se orixina en Peter, vai en beneficio de Peter e é un poder ilimitadamente en mans de Peter. Peter, Peter, Peter… nin igualdade nin liberdade, nin auténtica fraternidade. Os traballadores e as súas familias, habitantes da urbanización, semellan seren ratos submetidos a un experimento conductual e, incluso, conductista.

Neste censo, o filme é claramente subversivo respecto do statu quo de USA. Cuestiónase o Soño Americano (di Jack, sobre “Victoria”: “aquí témolo todo para ser felices”). Cuestiona o American Way of Life, e evidencia que este  pode conducir a unha orde social autoritaria, sectaria e filofascista. E faise eco de tódolos elementos típicos do sistema estadounidense para submeter e instrumentalizar ós cidadáns (Consumismo, represión….ata, cun aire futurista, a utilización da robótica).

E como todo ten o seu final, chéganos o momento do final do filme. E é un final rechamante, moi rechamante. Mesmo quedarían sen fácil explicación varias escenas e cuestións. Iso si, tanto o final como a globalidade da película amosan un harmonioso acabado técnico en cuestión como a intensidade das escenas ou a utilización da técnica do flashback.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]