CINEMA
A peor persoa do mundo
Dirixida por Joachim Trier
Escrita por Joachim Trier e Eskil Vogt
Reparto: Renate Reinsve, Andres Danielsen Lie e Herbert Nordrum
Noruega, 2021
por Luís Ogando
Julie é unha moza que se aproxima perigosamente á trintena. Sempre tivo un enorme potencial, pero xamais foi o suficientemente constante como para aproveitalo. A súa vida transcorre entre a ameaza constante dos imperativos sociais vinculados á madurez (estabilidade laboral, formar unha familia…) e a súa incapacidade para atoparse a si mesma e unha insatisfacción vital crónica. É dicir, Julie é un estereotipo millenial. Como persoa que forma parte do colectivo (e que se sinte representado) podo dicilo sen que semelle un insulto propio da guerra xeracional.
O cineasta Joachim Trier leva, en A peor persoa do mundo, ata as últimas consecuencias algúns dos temas que xa estaban no seus retratos de mozos á deriva e golpeados pola vida previos (Reprise, Oslo, 31 de agosto). E faino nun ton menos tráxico. Nesta película, o drama existencial vese sacudido por un manexo finísimo da ironía, un encantador romanticismo e, sorprendentemente, certo halo máxico. Grazas, sobre todo, a esas secuencias nas que Oslo se para e a protagonista pode ser libre.
Xusto nese punto podemos establecer o paralelismo máis obvio cunha película que de tanto imitarse rematou por converterse nun saco de boxeo, denigrada por todo aquel que queira estar en posesión do carné de verdadeiro cinéfilo: Amélie de Jean-Pierre Jeunet. Nesta película de 2001, o realismo máxico abríase paso para construír unha fábula, a simple vista, encantadora.
Pero, ademais, Amélie, a personaxe, era, basicamente, a idealización dos homes da xeración X diso que se deu en chamar a manic pixie dream girl. Unha rapaza na que o desbordante encanto rozaba a psicopatía. Un fetiche para homes con ínfulas que desexaban mulleres que non fosen “normais”. Neste senso, Amélie é un retrato fiel da súa época e da xeración de cineastas que se apoderaron dela.
20 anos despois daquel icónico filme, idolatrado orixinalmente, repudiado co paso dos anos, fundamental para entender o cinema da década 00, A peor persoa do mundo confecciona outro retrato xeracional preciso. Julie, como dicíamos antes, é unha millenial de manual. Pero a súa concepción do amor e da parella está lonxe de ser tóxica. Os homes que a rodean non a idealizan por as súas evidentes imperfeccións e problemas (co compromiso, coa constancia, coa xestión das expectativas…), senón que sofren por eles, sen chegar a ser nunca unhas vítimas. E ela tampouco.
A protagonista de película non é unha vítima do mundo no que lle tocou vivir. É certo que moitos millenials, inclúome, caemos ás veces na auto-indulxencia. Pobres de nós, con tantas ideas e tanto talento e tan maltratados polo mercado laboral. Con tantas ganas de querer e tan danados emocionalmente. Trier logra quitarlle un pouco de ferro ao asunto. Nin cada un ten que ter o traballo dos seus soños, nin ningunha relación é perfecta. E non pasa nada. A vida segue e pódese ser feliz no camiño. Así, A peor persoa do mundo remata por ser unha película chea de vitalidade e vitalista.
A peor persoa do mundo
Dirixida por Joachim Trier
Escrita por Joachim Trier e Eskil Vogt
Reparto: Renate Reinsve, Andres Danielsen Lie e Herbert Nordrum
Noruega, 2021