Domingo 24, Setembro 2023
HomeCultura “As bestas”, un ensaio sobre a maldade

[CINEMA] “As bestas”, un ensaio sobre a maldade

CINEMA
As bestas
Dirixida por Rodrigo Sorogoyen
Guión: Isabel Peña e Rodrigo Sorogoyen
Reparto: Marina Foïs, Denis Ménochet, Luis Zahera, Diego Anido, Marie Colomb, Luisa Merelas, José Manuel Fernández, Xavier Estévez, Gonzalo García, Javier Varela,Federico Pérez, Pepo Suevos, Machi Salgado, Emile Duthu
España, 2022

 

por Xan Daniel García Rodríguez

A trama do filme transcorre (e alí está rodada) na Galicia, xa non oriental, senón mesmo estremeira, no Alto Bierzo, fora xa dos nosos lindes administrativos. É unha aldea de montaña. As casiñas de pedra con tellados de lousa. Grandes castiñeiros centenarios, testemuñas inmóviles da traxedia que se desenvolve nesta película.

Dende a óptica da súa articulación formal, o filme é unha sucesión de momentos de tensión, cando non de pura e dura agresión. Comeza a película cunha escena de taberna, chea de chanzas e comentarios mal intencionados. O ambiente tabernario non é máis ca ó “caldo de cultivo” das murmuracións verbo doutros integrantes da pequena comunidade rural. Deste xeito, a taberna vén sendo un “tribunal inquisitorial”, que xulga (e non indulxentemente) ós conveciños. Alí fan prevale-lo seu poder-Poder-poder os irmáns Anta, sobre de todo Xan.

Chega despois o lamentable episodio que aconte subseguintemente: á avaría do coche de Antoine en plena soedade, na estrada; aparece entón un falso e mal intencionado ofrecemento do seu coche por parte de Loren Anta (que pasaba por alí nese intre), por mor de supostamente transportalo ó pobo. Ó día seguinte, acontece una nova escena tabernaria, na que Xan Anta saca a colación de xeito sibilino un insulto que no incidente anterior do coche Antoine lle berrou ó seu irmán; e sae tamén a reluci-la cuestión dos eólicos, que é o nó gordiano, e á que máis tarde nos referiremos.

A violencia vai in crescendo, e Xan Anta vaille cuspir a Antoine cando, estando na gasolineira, descubre que o está filmando cunha pequeña cámara. Os escenarios de confrontación retórica vanse ir desprazando dende a taberna ó propio patio da familia Anta… Pero entón vai xurdir-lo incidente máis grave dende o punto de vista material, aínda que non supuxera una confrontación convivencial. Así e todo, unha hecatombe económica para Atoine e Olga…, unha agresión grave e trasdente. Estou a falar do envelenamento da súa colleita de tomates pola vía de intoxica-lo depósito de auga para rego; isto supuña a perda da producción anual de tomates, e sobre todo, a ruína de Antoine e Olga, que orixinará una nova liorta (esta vez chegando ás mans) nos exteriores da casa dos Anta.

O ambiente váise caldeando, cada vez máis… e entón acontece o feito máis grave, por mor do que supón de risco para a vida das persoas. Ian no coche pola noite Antoine e Olga, cando os irmáns Anta procederon a rete-lo vehículo (cruzando o seu na estrada), achegándose ó de aqueles, escopeta ó lombo, e a ameazalos de xeito reiterado.

Segundo vai discorrendo o filme, albíscase que o final non pode ser senón tráxico. Antoine convoca a un diálogo ós irmás Anta; una conversa esencial, que se desenvolve na tasca, e constitúe a escena con maior tensión dramática da película, rebordante de vis e de potencia. A devandita conversa substánciase en que “as dúas partes” se sinceren e falen do pasado, do presente e do futuro: cómo se coñeceron, cómo se enfrontaron e por que, cales son as súas pretensións individuais e colectivas… Significativamente, Xan Anta remata a conversa respondendo á pregunta “¿que pensas facer?” de parte de Antoine, cunha profética afirmación: “Ti farás o que teñas que facer, que eu farei o que teña que facer”.

Recibir esta contestación é moito máis duro e decisivo que ter que aturar que os irmáns Anta mexen na túa horta, ou que te asexen pola noite cando estás na habitación coa túa muller (como de feito aconteceu). No diálogo ó que me estaba a referir amósanse cuestións coma quen é quen ou que ten cada quen (ou que carencias ten). Semella que se enxerga que o filme vai chegar en breve a un punto de non retorno; que se aproxima o final da maior parte da tensión dramática (aínda que, despois dese “final” a tensión segue a ficar na película).

Os únecos momentos nos que a tensión se relaxa son aqueles nos que os dous membros do matrimonio gozan da vida, ou traballan xunt@s.

Alén desta trama argumental principal, existen fíos paralelos baseados noutros personaxes: Pepiño e Breixo.

Os protagonistas da tensión

Compre recoñecer que en determinados momentos o ritmo é demasiado lento; e mesmo é posible que ó filme lle sobre metraxe e tempo. Doutra banda, en certos intres o filme resulta angurioso, do mesmo xeito que sinistros foron os feitos nos que se basea.

Non se entende o encaixe, no conxunto do filme, da escena inicial (arrodeadores e cabalos en Sabucedo).Acaso é una visión ancestral de Galicia? Ou simplemente folclorista? Que relación ten esta escena, no plano argumental, co corpus xeral da película?. Cabería unha hipótese algo sofisticada, no sentido de podermos basear neste episodio inicial unha certa “lectura” interpretativa do filme: o cabalo bloqueado polos arrodeadores compartiría certa semellanza co sacrificio ritual de alguén (como se podería interpretar que acontece na película), sendo amba-las dúas situación (a do cabalo e a do sacrificio) en proveito do propio parado ou executado.

Os irmáns Anta (nomeadamente Xan, non tanto Loren) tiñan ascendencia naquela pequena aldea de montaña do Bierzo Alto (polo tanto, de Galicia). Eles dous eran “xente de poder” (respectados, ou máis ben, temidos). Na taberna as súas actitudes fluctuaban entre mofarse dos seus veciños ata formularen ameazas indirectas e tácitas contra a veciñanza… e, todo isto, mergullado en chulería, retranca, cháchara e cinismo…, moito-moito-cinismo,

Dentro das persoas que sufrían intensamente as súas chulerías, salientaba con moito Antoine. Todo tiña orixe nun conflito verbo dos distintos posicionamentos de amba-las dúas partes sobre a instalación de aeroxeneradores eólicos nos montes da aldea (os irmáns Anta a prol, Antoine e Olga, en contra).

Alén disto, Breixo, o pastor, comparte a posición de Antoine e Olga. Denantes da súa morte, algo enigmática, Breixo votou conxuntamente contra os eólicos coloniais que esnaquizan o noso país. El, tamén, maniféstase valentemente no “foro” da cantina, onde Xan pretende “eternamente” impoñe-lo seu “verbo infalible”.

Pero o máis amigo do matrimonio de orixe francesa é Pepiño, con quen teñen unha relación entrañable. E comparten festas e galanos.

Un ensaio sobe a maldade

O filme é un auténtico ensaio verbal e visual, sobre a maldade. Pola contra, coido que non hai infravaloración da nosa nación. É un tema universal. Non se representa conflito social ou nacional ningún. No seo da aldea, a pugna implica soamente a dúas persoas (os irmáns Anta). Antoine e Olga teñen amigos na aldea (Breixo, e, sobre de todo,  Pepiño e maila a súa muller). O úneco serio, como alicerce,  que existe na disputa é individual, non colectivo: a frustración persoal-profesional dos dous irmáns (nomeadamente de Xan, que teimaba nun proxecto de adquirir un taxi en Ourense a costa da indemnización que  agardaba das empresas eólicas).

No que atinxe ós protagonistas do filme, como xa se dixo, son os membros dun matrimonio de orixe francesa, que chegaron un día á aldea cun proxecto na cabeza e no seu corazón: a rehabilitación gratuita de casas, para a reinstalación dos que marcharon da aldea, emigrando, fuxindo das duras condición de vida. O decisivo é que os “franceses” non son franceses…¡son galegos!… xente que pretende integrarse na comunidade, que ven chea de ilusións transformadoras (e positivas) para a realidade nacional galega…xente que loita contra os eólicos coloniais… ¡Son galegos!.

Porén, hai algúns lixeiros de lingua que falaron non sei que demo de cousas vencelladas a un certo nacionalismo (máis ben pseudonacionalismo) desbotado por esta película. Pola contra, agora que está a falar (máis ben a escribir) un independentista, coido que o nó do enigma, o nó gordiano da materia do filme…non ten nada que ver cunha suposta loita nacional (deste xeito, contextualizando, Xan Anta encomenza un dos seus “monólogos de taberna” coas palabras literais “aquí, en España”). Tampouco coa loita social existe un vencello directo.

Velaí que o auténtico centro da materia do filme sexa o mobbing que os irmáns Anta exercen sobre Antoine, e tamén sobre Olga e maila filla de ambo-los dous. O mobbing é algo moi duro (máxime nas dimensión deste caso). En calquera caso, cómpre ter vivido calquera tipo de mobbing para decatármonos verdadeiramente do sufrimento que provoca. Eu vivín mobbing. No mobbing veciñal non é preciso que participen todos os habitantes do núcleo de poboación¸ abonda coa acción dos poucos individuos que concentren o poder efectivo nas súas mans.

Todos e todas son vítimas

Reiterando, para maior claridade, coido que a trama do filme non ten connotacións nacionalistas; os chamados “franceses” son tan galegos coma o resto da aldea; están comprometidos en causas como a loita contra os eólicos e a rehabilitación de casas; a única eiva é que non falen galego; pero están integrados na aldea, teñen asemade amigos galegos (Pepiño, Breixo). E fronte a todo isto non valen críticas xenófobas, que traspoñen a un segundo plano o efectivo e indubidable mobbing, e conseguinte sufrimento ó que se arreconchega a uns cidadáns galegos como son Antoine e Olga. Nefeuto, paralelamente existe un problema vital e existencial dos irmáns Anta: a súa degradación, miseria moral, pobreza moral (di Olga nun episodio da película: “Eles non teñen nada que perder”).

Isto non é óbice para recoñecer que vítimas son todos. A maior vítima, Antoine e a súa familia, pero tamén os propios causantes da traxedia son vítimas, dado o seu depauperamento económico e existencial. Vítimas, en definitiva, somos tod@l@s galeg@s, toda unha nación submetida a expolio, colonización e opresión nacional por parte doutra nación moi próxima.

Tod@s son vítimas. Tod@s no filme degrádanse: os Anta de xeito evidente. Pero tamén Antoine que, de tanto teimar, remata absolutamente obsesionado por filmar coa cámara ós seus inimigos.

O filme está cheo de crítica social (xa aludimos dabondo e implicitamente a esta materia). Pero hai máis, coma o caso da visión negativa que se achega do comercio (avatares no mercado de gando, cando Olga estaba xa soa-coa súa filla-). Tamén hai unha visión bastante negativa da Guardia Civil, que se representa como indolente e pasiva, reticente e, mesmo, parcial, ou sesgadamente imparcial. Todas estas cuestións, e máis, contribúen a un cerco social, por activa ou por pasiva, que incrementa o mobbing veciñal que Antoine e Olga sufren a mans dos irmáns Anta.

Calidade e Dureza son cualidades que reúne esta película. Calidade no corazón de Antoine, calidade na paisaxe. Dureza, evidente, no argumento. Calidade e Dureza, sempre. Calidade e dureza de nós. Calidade e dureza de literatura nacional e patriótica. Calidade de Liberación Nacional. Dureza de Liberación Social.