Nunha recente, loable, exposición chamada ‘Ourense no tempo’ que tivo lugar nos espazos de AFundación, celebrábase a identidade cultural da cidade das Burgas. Nesta recompilación de recordos exemplares botouse moito de menos un apartado dedicado exclusivamente ao cineclubismo e aos pioneiros do cine. Excepto por unha referencia concreta a Ilustrísima de Carlos Casares, a literatura ou a música parecían ter un peso maior no tecido cultural de Ourense que o cinema. Unha boa forma de remediar a este baleiro, é facerse co libro-ensaio ‘Os trasnos da lanterna’ de Valentín Barreiros.
O ourensán xa foi autor doutro libro igualmente recomendable, Ourense e cinema, publicado no 2010, e que merecería unha edición actualizada ao día de hoxe. Nesta súa ultima publicación, editada polo Cineclube Padre Feijoo, Barreiros fai unha panorámica exhaustiva sobre o desenvolvemento do movemento cineclubista ourensán, desde os anos cincuenta ata a actualidade. É un percorrido que empeza desde as primeiras xuntanzas entre Carlos Velo, Antonio Román, Augusto Pacheco e Xaquín Lorenzo ‘Xocas’ para ver películas, pasando polas fundacionais Xornadas de Cine de Ourense nos anos 70 e as Xociviga de Carballiño nos 80. ‘Os trasnos da lanterna’ é un libro que tamén chega nun momento importante: no 2020 celebráronse os 50 anos do Padre Feijoo e no 2023 o 50 aniversario das Xornadas de Cine.
Barreiros sérvese dun estilo ameno e ao mesmo tempo rigoroso, así que o libro faise entretido para o lector curioso á vez que non defraudará o cinéfilo mais esixente. Enriquecen o volume unha serie de imaxes de época e recortes de periódicos que testemuñan e subliñan ao longo dun século o gran traballo e a función cultural do cineclubismo ourensán.
Os trasnos da lanterna é un libro necesario e valioso que non pode faltar nas lecturas deste verán.
Os trasnos da lanterna
Valentín Barreiros
Cine Club Padre Feijóo
Ourense, 2024
Número de páxinas: 151
Simone G. Saibene