A escoita e a visión desde a perspectiva xordocega

O grupo Chévere sempre nos sorprende, fiel a un compromiso artístico e político. Artístico porque non se acomodan nun xeito de facer teatro e político porque todas as súas pezas nos interpelan ideoloxicamente, sen necesidade de darnos leccións. 

Helen Keller, a muller marabilla é un espectáculo feminista e de esquerdas, que reivindica a importancia do activismo e de loitar polos dereitos da clase traballadora, tal cal fixo a primeira muller xordocega que sacou unha carreira universitaria en Harvard. O seu exemplo, por tanto, interpélanos sobre o respecto polas persoas con diversidade funcional. Así mesmo, no que atinxe á posta en escena, trátase dun traballo no que a realidade das tres actrices non é enmascarada pola interpretación de personaxes, senón que fica moi presente, como vínculo coa actualidade, para evocar a través dun discurso poliédrico o personaxe de Helen Keller. 

Pareceume especialmente encantador o equilibrio entre o documental (os materiais textuais, fotográficos e audiovisuais relacionados con Helen Keller) e o traballo actoral de Ángela Ibáñez, Chusa Pérez de Vallejo e Patricia de Lorenzo organizando o relato e a instalación obxectual, cun papel central para o manequín no que se evoca o personaxe arredor do que xira esta peza. 

Nese traballo actoral, penso eu, é a primeira vez que no teatro galego se emprega de xeito tan relevante a lingua de signos, até o punto de constituír unha coreografía xestual tan importante ou máis que os textos que se nos dan a ler e a ouvir. A lingua de signos é acción, actúa e determina a estrutura rítmica do espectáculo, achegando unha temporalidade diferente. Un dos seus cumios máis deliciosos podería ser a escenificación do conto que escribira Helen Keller, por parte de Ángela, Chusa e Patricia, botando man da lingua de signos e dunha certa pantomima. Desfrutamos e entendemos todo sen necesidade de ouvir nin ler ningunha palabra, pola propia elocuencia xestual. 

Entendemos desde o silencio e vemos desde o pensamento que se transmite. 

Ademais, por suposto, neste espectáculo tan especial, está o fascinio que suscitan as polémicas arredor da historia de Helen Keller (1880-1968), non só pola superación das dificultades asumidas por unha muller xordocega nun contexto adverso, senón tamén por todo o seu labor como activista política, con frases que continúan a iluminar (para ela a luz era o pensamento) o presente. 

 

Helen Keller, a muller marabilla
Creación: Chévere 
Idea orixinal: Chusa Pérez de Vallejo 
Dramaturxia e dirección: Xesús Ron 
Elenco: Patricia de Lorenzo, Chusa Pérez de Vallejo e Ángela Ibáñez; Espazo sonoro: Xacobe Martínez Antelo; Iluminación: Fidel Vázquez: Espazo audiovisual: Lucía Estévez; Espazo escénico: Nononon.Lab; Vestiario: Uxía Vaello. 
Produción executiva: Patricia de Lorenzo 
Coprodución: Chévere, Centro Dramático Nacional e Teatre Lliure, co apoio da Agadic/Xunta de Galicia 
Estrea: Sala Ártika de Vigo, 22 de febreiro de 2024