Chanfaina Lab, liberdade e identidade

A primera fin de semana de setembro, San Sadurniño acolle o Chanfaina lab. Un encontro onde cineastas consagrados, estudantes e veciños viven man a man unha xornada de creación e convivencia.

Todo comeza o venres cunha xornada de acollida. Mediante un paseo pola ribeira, os participantes coñecen parte do territorio, rendindolle homenaxe a estatua da Deusa Navia (para evitar dentro do posible a choiva na xornada), amadriñan unha árbore e degustan productos elaborados pola “Asociación Galega de Froita Autóctona”. Pola tarde visitan a exposición fotográfica das “Escolas da emigración de Ferreira” e poñen en común os seus traballos previos nunha proxección pública coñecida como “A eira de cineastas”.

Así o venres os participantes aceptan un compromiso: durante as xornadas do sábado e o domingo deben grabar unha peza dentro do concello de San Sadurniño, que non supere os cinco minutos de duración, que sexa apta para todos os públicos e de utilizar música deben contar con dereitos que permitan a súa posterior estrea virtual na páxina web do encontro chanfainalab.gal

Un dos elementos que o fan tas especial é a convivencia en igualdade de condicións entre persoas consagradas na industria, veciños e estudantes. Entre toma e toma compartense comidas, conversas, intercambios de ideas, programas para a escritura de guións… Culminando nunha foliada no bar Dzine. As rodaxes rematan no xantar do domingo, onde a estrela da mesa era a chanfaina, o prato elaborado con partes non nobres do porco.

Foi un evento que non se librou de incidentes. Nesta edición contamos con dúas baixas importantes durante as rodaxes: unha gravadora “morreu afogada” e unha cámara sufiu un impacto traumático contra o chan, quedando a súa lente inutilizada.

O chanfaina atravesa todas as idades. Para Anxo Pena, nado no 2008, pertencente ao colectivo Diáspora, o Chanfaina Lab supón unha forma de achegarse á cultura (rodeado de grandes artistas) acadando profesionalidade e inspiracción dos compañeiros. Por outra banda temos o colectivo “Teño unha horta en San Sadurniño”, que conta entre os seus membros con persoas como Consuelo Picos, nada en 1945, e que nos demostran ano tras ano que a creatividade non ten límite de idade. Comezaron ensinándonos trucos da horta (o vídeo máis famoso de cando lles naceu marihuana ao plantar alpiste) e logo troixeron videos de memoria como “Historia do Cisne, o atún e a troita” ou “Cando eu era nova”. Actualmente exploran todo tipo de xéneros como o humor ou o postapocaliptico.

Pero o Chanfaina Lab é un evento que se alonga durante todo o ano.Até o mes de febreiro, as persoas asistentes terán que editar e montar as súas pezas. Logo da gala, serán estreadas na rede todos os venres e por último pasarán por todas as parroquias en proxeccións coñecidas como “Chanfaina Itinerante”.

O Chanfaina Lab é un exemplo claro de que na Galiza rural temos historias propias que deben ser contadas. Agora só nos queda gozar coas pezas dos anos anteriores, a espera de coñecer en febreiro os relatos que desta volta se fraguaron.