Adicamos a sección deste mes á incansábel figura de César Varela e á súa obstinada pero efectiva labor de recuperación de músicas pretéritas, especialmente no eido da música popular urbana en Santiago de Compostela. Varela defínese a si mesmo coma alternador de discos, crítico de rock, locutor de rock & roll, rockabilly singer e actor de dobraxe, labores que desempeña ininterrompidamente e de xeito case complementario dende hai décadas.
Amante declarado do rock and roll e especialista en músicas subterráneas, este apaixonado de Elvis Presley iniciou xa a principios dos anos noventa un programa radiofónico titulado Diario Pop, inspirado naturalmente no espazo homónimo que emitía Radio 3 na emisora nacional. Lanzado ás ondas dende a compostelá Radio Kalimero, o magazine foi predecesor de Plástico Elástico (Musical Underground Especializado), que suporía o salto a Radio Medellín. Atrás quedaban os comezos noutras emisoras alternativas e a invitación de Xesús Ordovás para participar nun especial adicado ó famoso Concerto dos Mil Anos, celebrado na Coruña no verán de 1993.
Deste xeito, entrevistando grupos locais, radiando as súas cancións e presentando fancines, César Varela labraba o gran coñecemento da música popular que atesoura nun impresionante arquivo sonoro. Paralelamente, levará a cabo outros proxectos, sempre ligados dalgunha maneira coa música: a revista Plástico Elástico, versión en papel do programa do mesmo nome, ou o dúo Playmother & Fuckerback, que formou con Xulio Túzaro no ano 2000, dan boa conta delo. Outra faceta súa foi a de taberneiro, rexentando o bar Mercromina coa súa parella na Rúa de San Pedro.
Despois de ser redactor en Ruta 66, Harlem, Subterfuge, Roca, Bambán ou Mondo Sonoro, César Varela colabora coa revista Pincha, escribindo a sección 666rpm, mentres traballa na elaboración do libro Historia do Rock Compostelán (1974-2024). Recentemente, observamos unha grande actividade no Bandcamp de Varela (https://rockcompostelan.bandcamp.com/) e tamén na súa canle de YouTube, onde vai dando saída a numerosas propostas musicais picheleiras que ficaron inéditas no seu momento. Entre moitas alfaias e incunábeis, podemos atopar e escoitar con óptima calidade de son, discos enteiros, temas soltos, directos e compilatorios de bandas coma Los Miserables, Malditos Azules, Fulsomes, Marcos Guitián, Cold Ground, Tres Piés, Os Quinindiola, Clan Moriarty, Hópera, Nicho Varullo, The Fret, The Tombstones e moitas outras referencias que semellaban esquecidas ou perdidas para sempre. Dende esta humilde sección, non podemos facer menos que agradecer este traballo tan necesario.
Rock Compostelán
César Varela