[LETRAS GALEGAS 2025] Antón Tovar e o cancioneiro popular
Nos anos da infancia e da adolescencia, Tovar pasa longas tempadas na aldea natal da Pereira (Rairiz de Veiga), onde se afai á forma de vida rural. Gusta de andar camiños e de sentar no comercio da familia para escoitar e aprender a sedutora fala campesiña.
No seu confesional Diario sin datas. Farangullas (1987) manifesta que se dedicaba a anotar nun caderno pequeno palabras, refráns e expresións que escoitaba da boca do campesiñado. Tamén cantares, que interpretaban preferentemente voces femininas. Nunha ocasión, escóitalle a unha moza costureira unha enigmática cantiga de seitura, que o deixa enfeitizado para sempre e que transcribe no seu diario;
Cabaliño, cabaliño,
meu cabaliño redondo,
heiche de corta-las pernas
se é que te quedas no fondo.
Na casa grande e farturenta da Pereira hai moita afección a cantar. Nas celebracións familiares, sempre se interpretan, entre outras, dúas cantigas moi populares, cargadas de melencolía, “Unha noite na eira do trigo” e “Nouturnio”, poemas de Manuel Curros Enríquez incluídos en Aires da miña terra (1880), un dos primeiros libros que ha de ler o poeta limiao e polo que sempre vai sentir intensa devoción.
No texto “Autopoética ou o que sexa”, que introduce Poesía galega completa (1975), edición do profesor Xesús Alonso Montero, editor e prologuista de moitos dos libros do poeta, Tovar declara a respecto do poema do creador de Celanova: “O ‘Nouturnio’ de Curros sempre foi para min unha meta, un punto ideal. Aquil ‘Nouturnio’, ó que por moitos análisis que se lle fixeran, contiña un último fondo que se negaba a ser analizado. Creo, dende entón, que a sinal do valor dun poema é precisamente esta, a imposibilidá de ser espricado. Na solaina da Pereira teño pensado eu, moitas veces, cómo podería chegar a facer un poema de semellante valor.”
O noso poeta culto tamén nos agasalla con algunhas creacións populares nas que demostra o seu dominio da copla. No seu primeiro libro galego, Arredores (1962), encontramos varios exemplos: “Virxe labrega”, “Os peleriños”, “Fixen un maio”, “Xa chegou o maio”.
O poema “Que canten os rapaces” (O vento no teu colo, 1975), de filiación currosiana, é outra acertada manifestación popular:
Que canten os rapaces,
-posto que xa naceron-
un mundo máis fermoso,
un mundo sin infernos.
Cantái, que canten todos
os nenos cantareiros.
Que canten, zoen, canten
cantigas e pandeiros.
Mesmo no antolóxico Calados esconxuros(1980), aparecen dous poemas de teor popular e con forte carga satírica ou retranqueira: “O poeta anda de xoldra ou brincadeira” e “O poeta Antón Tovar aplícase, ó seu xeito, a fonda ironía estética do admirado poeta portugués Fernando Pessoa”. Hai constancia aínda de que Antón Tovar foi autor de múltiplas coplas satíricas, algunhas con marcado acento político, para a celebración primaveral dos Maios
A Real Academia Galega celebra este ano o extraordinario cancioneiro popular tradicional e as súas máis entusiastas e leais transmisoras, as cantareiras. Depositarias e propagadoras de moitos cantares, algún dos cales veñen desde a Idade Media, elas fanse modelo de fidelidade á tradición oral. Prodixio de memoria e de interpretación, son as grandes animadoras da fascinante cultura popular. Son artistas da voz, o instrumento máis perfecto. Interpretan cantares participativos que reforzan os lazos comunitarios ou cantares solitarios que alivian a dureza dos traballos e facilitan o esforzo. En moitas das creacións brilla a improvisación. A música é elemento fundamental na sociedade campesiña, ingrediente imprescindíbel para unha vida harmoniosa, esforzada e leda, tolerante e solidaria. O célebre etnólogo Xoaquín Lorenzo sostiña: “É ben sabido que todos os intres do vivir de nós teñen as súas cantigas.”
Fórmula emblemática do idioma, a copla, a cantiga, conservounos as verbas máis belidas e os xiros máis expresivos: ditos de profundo lirismo; sátiras mordaces e ferintes; fórmulas irónicas cargadas de retranca. As que nacen da saudade son equilibrada combinación de delicadeza e melancolía. O excelso poeta Ramón Cabanillas defínea como “recendo místico de Galicia, arcaz que garda nosos degaros, relembros e querencias.”
O Padroado do Museo Etnolóxico da Limia rende homenaxe de consideración e gratitude a todas as cantareiras do territorio, nas persoas de Concha Dacal Álvarez (A Gándara- A Porqueira), Mª Cristina Gómez Gómez (Rebordechao-Vilar de Barrio), Hermelinda Seguín Matías (Sas- Sarreaus), Avelina Limia e Celia Quintas (Toxediño- Vilar de Santos), Mª Gracinda Gomes Ferreiro (Outeiro- Vilar de Santos), Dorinda García Ferreiro (Laioso- Vilar de Santos), Isabel e Concha Jardón Pérez (Castelaos- Vilar de Santos), Carmen e Dolores Bouzas Quintas (Vilar de Santos), Isabel Santana Bouzas (Vilar de Santos) e Celsa Seguín Valencia (Rioseco- Calvos de Randín), referenciadas no Catálogo de músicos da Limia. Música tradicional (2005).
O Museo da Limia acaba de recibir fermoso agasallo musical: unha compilación de cantares da zona, recollidos polo estudoso Francisco Rodríguez, orixinario do Toxal (A Porqueira) e dixitalizados por Baldomero Iglesias (Mero), un dos fundadores das agrupacións musicais Fuxan os Ventos e A Quenlla. No ano 2026, ha de ser escenario significado na celebración entusiasta do excelso poeta limiao.
DELFÍN CASEIRO. Presidente do Padroado do Museo da Limia
VOAR
Leva anos desecada e eu afogo nela.
Nos seus xuncos e canas,
Na súa terra mollada, contaminada,
Esganándome nas súas canles atascadas,
Atado.
Afogo nela como Pedra Alta
Nunha terra miña, nosa,
Demasiado seca, susceptible,
Debo fuxir se quero ser eu
Rexeito esmorecer.
Eu como cegoña voar
Deixar o niño onde nacín
Cargado de defectos e virtudes,
Baleiro de remordemento,
Eu hei voar.
Condenado a fuxir da chaira
Na busca de algo mellor
condenado a perder o rumbo
Ave de migración,
Marcho.
Abro os ollos, non te vexo.
Perdo a vista, non estás.
Miña chaira, ula é?
Meu fogar, que foi del?
Non era eu.
[DANIEL RIVERO MENO, Morgade (Xinzo de Limia), 2007]
Texto premiado no II CERTAME LITERARIO ANTÓN TOVAR, convocado polo Padroado do Museo da Limia (Vilar de Santos), co patrocinio de Tesal Explotación SL.