Os actos e as profecías do CDG aos corenta

En 2024, o Centro Dramático Galego cumpre 40 anos e celébrao con diversas propostas. Un dos eventos centrais foi a súper produción Os actos e as profecías, con texto orixinal de Xacio Baño e Tamara Canosa e dirección desta última, que puxo sobre as táboas do Salón Teatro a unha vintena de intérpretes, nun exercicio de expansión tanto existencial como espacial.  

Existencial porque Os actos e as profecías pescuda na natureza humana, no teatro da vida, a través do teatro do teatro, ou, noutras palabras, a través do mundo do espectáculo. A procura do éxito e o seu prezo, a través da ficción dun concurso televisivo de grande influencia, un “talent show”, é o foco temático da peza, o seu lado dramático. Porque o drama cérnese nos conflitos que acaban por xurdir nas relacións, máis cando estas son tensadas pola pulsión de abrirse camiño nun “casting”. O lado posdramático vén polas fendas que propicia o “show”, os números de danza e os números paródicos do xénero televisivo do “talent show”.  

Nese lado tamén está unha fenda central, na que o elenco abandona os personaxes e senta na boca do escenario, para contarnos a súa realidade como traballadores do teatro, introducida polo relato da historia do propio edificio deste Salón Teatro que os alberga nesta ocasión. Deste xeito ábrese un paralelismo de contraste entre o frenesí e o “faranduleo” do concurso televisivo da ficción e as situacións reais das persoas. 

É certo que, por veces, Os actos e as profecías perde ritmo porque a convención da ficción, coa súa cuarta parede nas escenas dramáticas, colide co espazo escénico a tres bandas (abrazando ao público), que non é tan propicio á inmersión ficcional e coas rupturas desa cuarta parede, no lado máis posdramático e de “show”. É como se o peso das escenas dramáticas non acabase de integrarse nas escenas de baile e nos números paródicos, ou viceversa, ficando en espazos contiguos que non permiten que flúa a enerxía entre eles. 

Agora ben, hai algo que resulta formidable e que forma parte dunha das competencias máis complexas da dirección escénica e da interpretación: conseguir que un elenco escollido mediante un “casting”, no que pode haber actores e actrices que nunca traballaron xuntos, funcione como unha equipa totalmente cohesionada, equilibrada e harmónica. A boa vibración e ese espírito de equipa podían sentirse e eran realmente contaxiosos. Un elenco diverso orquestrado dun xeito coral e cun traballo brillante. 

Outros dous aspectos a salientar son, por un lado, a escenografía, a iluminación e o movemento escénico, sobre todo nas escenas non dramáticas, conxugándose para facer que o propio Salón Teatro se convertese nun personaxe principal da peza e fornecéndolle unha dimensión grandiosa inaudita, porque, como ben sabemos, pola contra, trátase dun teatro pequeno. Por outro lado, Fran Núñez, o director do CDG, demostrounos, con Os actos e as profecías, que un espectáculo pode facer temporada nun teatro, con funcións de mércores a domingo, e dobre función os venres e os sábados, durante máis dun mes, cando se traballa para traer e atraer públicos diversos, relacionándose con concellos máis pequenos e facilitándolles que poidan acudir. Desde o 11 de abril até o 26 de maio, sen saír do Salón Teatro, fixeron case 50 funcións. Querer é poder! 

 
Os actos e as profecías 
Dramaturxia: Xacio Baño e Tamara Canosa 
Dirección: Tamara Canosa
Elenco: Sergio Abelaira, Marta Alonso Tejada, Mónica Camaño, Miguel Canalejo, Isolda Comesaña, Manuel Cortés, Antón Coucheiro, Iván Davila, Raquel Espada, Xosé Manuel Esperante, Alba Fernández Cotelo, Sara Ferro, Atenea García, Miguel Gendre, Raquel Nogueira Watson, Alba Recondo, Ana Santos Maneiro, Lois Soaxe, Jorge Varandela e Antía Vidal. 
Vestiario e caracterización: Montse Piñero e Marta Ferrer Ucelay. Movemento: Rut Balbís 
Espazo escénico: José Faro. Iluminación: Iván Núñez Casal e José Faro. Espazo sonoro: Xosé Lois Romero. Axudante de dirección: Laura Míguez 
Salón Teatro do CDG. Compostela, 22 de maio de 2024.