Carlos Rego (Ourense, 1965) non debería necesitar presentación nestas páxinas que tantas veces contribuiu a encher de información musical ó longo dos anos. Xornalista, ademais de músico nas bandas Cosecha Roja, Burgas Beat ou a recente Tesouro, vén de publicar con Galaxia o seu cuarto libro. Logo de abordar a temática da escena do Novo Rock Americano (NRA) e as biografías de Derribos Arias e Magín Blanco, presenta Bibiano: cambiar para ser un mesmo, o primeiro tomo biográfico sobre o músico, empresario e activista político Bibiano Morón Jiménez.
Semella haber un proceso de aproximación á terra na túa obra literaria. Do NRA pasamos a Derribos Arias. De aí a Magín Blanco, e agora a Bibiano. Dos EEUU de América ó Estado español, e por fin, Galiza. Intúo que é algo natural, que acontece tamén na música dos que medramos escoitando rock anglófono e agora cantamos en galego.
A verdade é que non o pensara, pero pode que teñas razón. Supoño que ten que ver co interese por darlle a importancia que merecen aos nosos artistas máis próximos, moitas veces tapados por medianías de fóra. O certo é que a miña carreira como autor de libros musicais ten que moito que ver coas casualidades. Menos o primeiro, o do Novo Rock Americano, que foi un intento de demostrarme a min mesmo que era quen de facelo, os demais foron xurdindo de conversas casuais ou, no caso de Bibiano, da encarga dun artigo sobre el pola revista Cuadernos Efe Eme. Tanto a súa música como a de Magín levan comigo moitos anos, e gocei moito do proceso da escrita dos seus libros, da investigación e o descubrimento dos datos que descoñecía.
Sen dúbida, o galego, ou está de moda, ou nunca deixa de estalo. Parece que vivísemos nunha especie de momento glorioso, xa que nunca houbo tanta literatura e tanta música no noso idioma. Así é todo, as cifras indican que o número de falantes cae sen remedio. Non é isto un paradoxo?
Sen ser un experto, pero coa experiencia dos anos e da miña vida como mestre, penso que a caída do galego ten que ver coa despoboación do rural e a incapacidade de transformar o cariño, o afecto e a capacidade de falalo en novos falantes no ámbito urbano. Aínda que o prestixio do idioma aumentou moito nos últimos corenta anos, e de aí unha abundancia de música en galego impensable cando eu era rapaz, e de consumidores desa música, os mestres de cidade temos que ensinalo case como se fora un idioma estranxeiro, e iso ten moito que ver coa falta de transmisión familiar, que moitas veces non se dá nin en pais e nais galegofalantes.

Bibiano Morón (Foto: Xoán Piñón)
Volvendo á túa ópera prima, houbo algún referente, modelo ou exemplo para o libro sobre o NRA? Como pasa un músico da práctica á teoría despois de décadas? Imaxino que o xornalismo é un punto de converxencia entre ambas actividades.
A verdade, como a miña carreira musical non tivo ningún tipo de éxito e si moitos paróns, hoxe non sei se son máis escritor ca músico ou viceversa, pero quizais sen a obsesión musical non tería sido escritor. O certo é que comecei a escribir sobre música na segunda metade dos anos oitenta, case ao mesmo tempo que a tocar en grupos. Sempre foi unha actividade amateur e intermitente, con paróns longos, ao principio na edición ourensá de La Voz de Galicia, e logo en fanzines e revistas musicais, sobre todo Ruta 66. Asemade que oínte voraz, sempre fun bo lector de libros en xeral e gran consumidor de literatura e prensa musical, e os meus mestres nesta última foron xente como Diego Manrique, por enriba de todos, e outros como José Manuel Costa, Jaime Gonzalo, Ignacio Julià… Por outro lado, a estrutura do meu primeiro libro está inspirada nun dun xornalista británico, Peter Doggett, sobre o nacemento do country rock. A prensa musical anglosaxoa lévanos moitos anos de avantaxe.
“Eu non coñecín a Bibiano, así que as entrevistas cos seus amigos, familiares ou músicos foron imprescindibles, pero hai moita busca bibliográfica en revistas da época”.
Cal foi a inspiración, o detonante que provocou o desexo de escribir a biografía de Bibiano? Tivo algo que ver a túa participación na obra colectiva Political World: Rebeldía desde las guitarras con que te fixaras na figura de Morón?
Non, non, a Bibiano coñézoo dende a publicación de Estamos chegando ao mar. Cando se publicou, eu tiña uns once ou doce anos e meu irmán maior comprouno ao pouco de saír. Daquela non había tantos discos na casa, e os que había escoitábanse ata desgastalos, por iso lle teño un cariño moi especial. A súa carreira foi moi curta, e a pista musical perdeuse, pero o recordo sempre estivo aí. Curiosamente, ou non, o detonante non ten unha orixe galega. Como xa che dixen, o libro xorde da encarga dun artigo de fondo para Cuadernos Efe Eme, unha revista que se fai en Valencia. Despois da súa publicación ocorréuseme aproveitar o traballo feito para armar un libro en galego, pero se a Marcos Calveiro de Galaxia non lle chega a interesar a idea, o libro non tería existido. Sorprendeume que me coñecera, porque estou absolutamente fóra do ambiente literario galego, pero non que pensara que un libro sobre o Bibiano músico era necesario.

Portada de Bibiano: cambiar para ser un mesmo, de Carlos Rego (Galaxia, 2025)
Fálanos un pouco sobre o proceso de investigación, documentación e escritura de Cambiar para ser un mesmo.
Para min é a parte máis pracenteira. Encántame buscar información, non só do autor senón do seu entorno social e político. Eu non coñecín a Bibiano, así que as entrevistas cos seus amigos, familiares ou músicos foron imprescindibles, pero hai moita busca bibliográfica en revistas da época como Teima, Ozono, Vibraciones e outras menos coñecidas (bastante asequibles no mercado de segunda man) e nas hemerotecas dos xornais galegos. A intuición e o coñecemento previo son moi importantes, e tamén seguir as pistas que se van abrindo no camiño. A escritura propiamente dita levaríame pouco máis dun ano, sen contar o que xa tardara para o artigo.
“Bibiano era musicalmente un descoñecido (…) Na meirande parte das entrevistas da época non se fala de música, senón da súa pertenza ao PC, os problemas coa censura, a súa relación coas demais forzas políticas, o compromiso…”
Cales foron as principais dificultades neste proceso?
Que Bibiano era musicalmente un descoñecido, e o que me interesaba era recuperar a súa figura musical. Co tempo converteuse nun personaxe moi popular e polémico polo seu traballo como promotor de todo tipo de espectáculos, unha imaxe que fixo desaparecer ao músico, algo no que tamén ten moito que ver a súa falta de interese na súa carreira como cantante e compositor. Tamén que na meirande parte das entrevistas da época non se fala de música, senón de asuntos políticos: a súa pertenza ao PC, os problemas coa censura, a súa relación coas demais forzas políticas, o compromiso… O curioso é que as súas letras son moi pouco panfletarias, moi pouco obvias, adoito máis suxerintes que literais. Ademais, daquela case todo o mundo ignoraba que cando gravou o seu primeiro disco levaba máis de dez anos tentando poñer en pé unha carreira profesional, e que antes de entrar en Voces Ceibes xa tiña unha moi boa reputación como un dos pioneiros do pop compostelán e galego. Niso axudoume moito o libro Compopstela: música moderna en Santiago, 1954-1978, dun tal Alfonso Espiño…
Notaches un gran cambio ou evolución entre o primeiro libro que escribiches e este? Que tipo de aprendizaxes sacaches en limpo en todo este tempo?
Non estou seguro. Quizais que os libros máis recentes, o de Magín e este de Bibiano, son menos longos. Procuro fuxir do exceso de anécdotas e centrarme no que me parece máis importante, en tentar transmitir a esencia musical e persoal do artista, reflectir o tempo en que viviu, que no caso de Bibiano foron case seis décadas, e ademais de aportar datos e información, tratar de contar unha historia que sexa atractiva para o lector. Para min, o aspecto narrativo e tan importante como o informativo, e cada vez gusto menos deses libros que semellan unha simple acumulación de datos.
Nos últimos tempos estanse a publicar numerosos libros sobre música galega. Que agardas da literatura musical autóctona de hoxe?
Penso que en galego aínda hai un gran déficit de libros musicais, e que o boom que se está vivindo no mercado do libro musical en castelán non se está notando, aínda que tampouco creo que haxa moito mercado. O ideal sería que, ademais de reivindicar o noso, se puidera publicar en galego sobre calquera autor, escena ou estilo musical.