Mércores 30, Novembro 2022
HomeCulturaCando vai quedando atrás a infancia da vellez

Cando vai quedando atrás a infancia da vellez

NARRATIVA
Matarán a Reboiras
Luís Rei Núñez
Edicións Xerais. Vigo, 2022

por Camiño Noia

Matarán a Reboiras, a última novela do coñecido escritor e xornalista Luís Rei, é unha historia de historias sucedidas en Galicia na década dos anos setenta. Recrea os conflitos obreiros sucedidos en Vigo e Ferrol no ano 1972, a persecución e morte de Moncho Reboiras en 1975 e os acontecementos sucedidos en Ferrol, varios anos despois, coa implantación na ría de Ferrol da planta regasificadora de Reganosa. Coma outros autores desta modalidade narrativa, Rei Núñez remóntase ós traumas producidos pola guerra civil, onde ve a razón da represión daqueles anos. Fala de personaxes que teñen débedas sen saldar adquiridas na contenda fratricida e alude a situacións que son consecuencia evidente da historia herdada.

A novela é unha narración política ou crónica social, un modelo narrativo que opta pola recuperación de sucesos da Historia contemporánea,  presentados desde a ficción literaria. Este tipo de narrativa é o que caracteriza o conxunto da obra do autor, que adoita recrear a figura de pintores, políticos e escritores, situando a narración nos límites entre a creación e o xornalismo, facendo unha interrelación entre o tempo histórico e o tempo novelado. A historia (story) refírese á Historia real (history), fundindo unha e outra na trama literaria.

A meirande parte dos personaxes son reais e recoñecibles para o lectorado maior de sesenta anos. Os de ficción, que fan de apoio narrativo, son menos. Entre eles están os protagonistas: o xornalista Nardo que anda pola corentena e Sor Marabillas. Ambos actúan na historia novelada documentando os acontecementos da Historia que queren contar. O personaxe de Sor Marabillas, singular na miña opinión, fai de narradora a partir do segundo capítulo no que nos dá unha minuciosa caracterización do personaxe de Nardo, que xa aparece no primeiro. Mais a análise do protagonista continuará ó longo da súa aventura con Marabillas; análise que, por veces, fai el de si mesmo, como na páxina 336. A caracterización de Sor Marabillas hai que facela a través do seu comportamento na acción e dos datos que ela mesma vai dando da súa biografía. Nace en 1943 e no momento da historia, que se sitúa cara a 2005-6, andaría polos 63 ou 64 anos.

A novela de Rei Núñez, ademais de achegarnos á historia, ten trazos de narración policial e longos parágrafos de narrativa intimista que en ocasións levan ó psicoloxismo. Moi notable nas conversas entre ambos protagonistas, que teñen longos debates, en ocasións nun discurso poético cheo de metáforas, nas que se pode percibir un certo flirteo amoroso. Xa na parte final, como unha fuxida da historia, o autor prepáralle ó xornalista un encontro sexual que remata nun namoramento.

O autor desta interesante novela, que, ademais de narrador é un poeta que ama a vida, escribe con claridade sobre asuntos que coñece ben dándolle a cada obra o mellor de si, o amor á verdade histórica. Por iso a lectura da súa novela é importante para a que a xente nova, interesada ou non pola Historia de Galicia, reciba a memoria da resistencia ó fascismo capitalista, e indispensable para aquela a xente que só coñece os feitos a través da prensa da Ditadura.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]