Luns 25, Setembro 2023
HomeCulturaÁlex Cal: "Cando me encargaron Spiderman, deime conta de que podía vivir...

Álex Cal: “Cando me encargaron Spiderman, deime conta de que podía vivir do cómic”

O debuxante vigués Alex Cal acaba de publicar o seu último traballo nos Estados Unidos, unha saga de nove números centrada no universo G.I.JOE. Cal leva anos traballando para as mellores editoras norteamericanas de cómic, como Marvel, Boom Studios e IDW, dando vida cos seus debuxos a superheroes como Spiderman, coa particularidade de introducir símbolos galegos, como a bandeira ou os escudos do Celta e o Deportivo nas súas ilustracións sempre que ten oportunidade.

Como consegue un debuxante galego traballar para as grandes editoriais de cómic?

Con traballo,traballo,traballo e…dixen xa traballo? Imaxino que a sorte tamén xoga un papel nisto, pero basicamente con esforzo por querer dedicarte ao que me gusta. Tamén tivo moito que ver o ir a escola Joso en Barcelona, onde un dos meus profesores era axente de autores e dedicouse a movelo meu traballo ata que chegou a miña oportunidade. Pero fai falla moita constancia para estar nesta industria

Debuxaches mesmo a Spiderman para Marvel Cómics?

Isto foi ao pouco de comezar a traballar, foi un empurrón enorme. Nese momento deime conta de que podía dedicarme profesionalmente ao comic e á vez foi un soño cumprido.

O teu último traballo só está publicado en inglés?

Sí, por desgraza ningunha editorial española ten os dereitos de publicación en España destes números de G.I.JOE, así que só pode obterse o meu traballo en países anglófonos.

Fas referencia nos cómics a Galicia sempre que podes?

Se o guión e o contexto o permiten trato sempre de meter algunha cousa, detalliños, como o escudo do Celta e mesmo do Deportivo e logotipos ou publicidade de bares ou tendas aos que vou. Carteis de Estrella Galicia e mesmo nunha saga de G.I.JOE metín fondos urbáns de Vigo. Os americanos non se dan conta desas cousas e a min faime graza metelas.

Cales son os teus próximos proxectos?

Estou á espera, imaxino que máis G.I.JOES, pero tamén estou pendente de cambiar de aires.

É Galicia unha canteira de bos debuxantes?

Penso que sí, está  saíndo moita xente e moi talentosa. Respírase moito movemento. Cando eu era un cativo apenas oías falar de autores galegos e cómics, e agora hai moitísimos referentes. Isto axuda a dignificalo medio e a animar ás futuras xeracións. Creo que hai un bo porvir