A nova novela de Fran Alonso ten un título estraño e algo cacofónico, Cáncara. É o nome da vila imaxinaria onde se desenvolven uns feitos, acontecidos a partir dun esperpéntico suceso: a detención dunha vaca polas autoridades municipais, supostamente por pastar en terreos de propiedade do concello. Un suceso ocorrido en 1983, que deu a volta ao mundo na prensa da época.
O autor, que viviu o suceso real cando tiña vinte anos, usa o humor, a sátira e a parodia de estilos para ofrecernos unha novela áxil e divertida, un xogo literario que dialoga con moitas das súas propostas literarias e artísticas anteriores; por caso Poétic@, un libro electrónico que xoga coa creación poética en relación a outros textos e a outros formatos artísticos; ou O meu gato poeta, libro de poesía infantil acompañado dun CD e un enlace dixital para que a rapazada poida interactuar co propio libro e coa creación poética. Ás veces a realidade pode parecer máis fantástica que a propia literatura, como xa acontecera nun dos relatos do seu libro Males de cabeza (2001). Poucos anos despois saíu na prensa unha noticia que recollía uns feitos delirantes similares aos alí narrados.
A estrutura da novela comeza cunha lenda tradicional narrada dun xeito clásico: “Era unha vez un lugar chamado Cáncara…”, ao que seguen seis personaxes (A vaca, O Lareco, A xornalista, O pobo, O espírito errante e O escritor) que van contar a historia dos feitos acontecidos a través de cinco secuencias sucesivas, coma se fosen cinco actos dunha comedia clásica; no remate, o relato recupera a lenda coa que iniciara a novela.
O xogo do tempo de ficción, responsabilidade d´O escritor, está en contraposición ao tempo da realización dos feitos que se evocan, e ao que se pode acceder a través das hemerotecas. Esta visión realista de carácter xornalístico está defendida por outro personaxe, O espírito errante, que nos leva a saber realmente o que ocorreu naqueles anos en relación á noticia. O escritor representa ao creador da novela, o mesmo Fran Alonso, que quere sobre todo facer un relato no que a verosimilitude sexa conseguida a través da ficción, ao que O espírito errante critica duramente por faltar á verdade dos feitos, terxiversando a realidade.
O xogo dialéctico entre as visións d´O escritor e d´O espírito errante é un dos grandes acertos do libro. Fronte a outros personaxes, máis planos e caricaturescos, que responden a perspectivas narrativas onde o humor, o esperpento, a sátira e a denuncia social son o máis sobresaliente, as controversias entre O escritor e O espírito errante danlle unha maior profundidade á novela, poñendo en valor o proceso da creación literaria así como a memoria histórica de figuras que permanecen no maior dos esquecementos colectivos. O xogo da vaca Pinta e da carabela co mesmo nome, réplica da que chegou de América e amarrada no porto de Baiona, é outro dos acertos do libro.
Parodiando a narrativa épica, todos os personaxes están caracterizados por un leit-motiv ao longo das cinco secuencias: A vaca de “ollos tristes e húmidos da cor da améndoa dourada”; O Lareco gusta das “mazás camoesas, que saben doces e gustosas pero manteñen vivo o frescor dunha acidez necesaria”. A xornalista leva “impregnado nos ollos ese nervio vermello que tanto te define” (fala en segunda persoa, coma en Xoguetes para un tempo prohibido de Carlos Casares). O pobo, “xulgamos e opinamos libremente, coa lexitimidade social que nos concede a democracia”. O espírito errante ten “alma de iguana, a ferocidade dun caimán e, cando algo me amola, as miñas entrañas de ouro prémenme coma un furacán desbocado”. O escritor é “un escritor bembón que procura a palabra de auga gorda para narrar o que ocorre baixo os ceos de lavañeira, onde fun criado” (Se ao lector lle entrara a dúbida sobre o adxectivo “bembón”, non o busque nos dicionarios normativos, pregunte á IA…).
Fran Alonso, ao tempo que fai unha homenaxe á creación literaria, rememora os lugares da súa infancia e xuventude, xunto á súa familia baionesa; quere dignificar á xente que loitou e loita polos dereitos individuais e sociais, sen esquecerse da memoria histórica coa que temos unha débeda como colectividade. Dese xeito, o autor vai deixando unha reflexión sobre moitos aspectos da realidade tanto histórica coma actual: o poder da literatura como unha arma potente para afondar no coñecemento dun mesmo así como do medio onde vivimos; o poder dos medios de comunicación e das redes sociais, que inflúen dunha maneira desconcertante na opinión pública e mesmo na visión distorsionada dos sucesos acontecidos; o clientelismo nos concellos galegos, que levou a un urbanismo descontrolado onde o importante era o enriquecemento rápido e que trouxo consigo o desarraigo dos habitantes de lugares singulares.

CÁNCARA
Fran Alonso
Xerais, 2026
Número de páxinas: 200





