POESÍA
Ninguén morreu de ler poesía, de Aldaolado. Xerais, Vigo, 2020. 96 páxs.
por Celia Pereira Porto e Xosé Rodríguez Díaz
Ninguén morreu de ler poesía. Certo. Aínda non se ten descrito caso ningún, até o momento, na literatura científica especializada. Porén está demostrado xa que abundan os zombis nas nosas rúas por falta de contacto ningún cun verso, cun poema; hai moita xente á que se lle ten diagnosticado alerxia ás rimas.
Non se preocupen amigas, é grave, si, mais agora por fin ten cura. Trátase dunha doenza bastante estendida nos nosos días, mais, por sorte, non é contaxiosa; non hai perigo ningún de que provoque unha pandemia, o que sen dúbida resulta tranquilizador nestes tempos da covid-19.
Quen teña vontade de sandar debe acudir, con urxencia, a Aldaolado. Antes resultaba un tanto complicado conseguir cita previa na súa consulta itinerante e aleatoria por todo o país e mesmo fóra del de cando en vez. Agora, por fortuna, Lucía Aldao + María Lado foron quen de crear, no laboratorio de Xerais, o seu propio medicamento, que se pode administrar en distintos formatos: por vía oral, como colirio e tamén por vía tópica. En todos os casos o principio activo é a poesía en forma de sorriso.
Quizais é así porque Aldaolado se toma a poesía tan en serio que non ten medo ningún de xogar con ela a todas horas e en calquera lugar, de queimarse no seu interior se é preciso, e é preciso. Fai poesía coa vida toda, con calquera detalle, coas cousas máis grandes e sagradas e tamén coas aparentemente máis nimias, que adoitan ofrecer enormes tesouros para a mirada atenta e sensible. A receita que emprega creo que é moldear con moito cariño a catro mans até que sae a palabra xusta, traela ao mundo con humor e amor, entre gargalladas e diversión.
É unha lectura necesaria para persoas alérxicas á poesía e segura para as súas amantes. En Ningúen morreu de ler poesía cada quen pode escoller o que máis lle preste porque hai de todo, é un buffet de luxo: conversas, anécdotas, reflexións, brincadeiras, confesións, actividades para practicar na casa, soa ou con amizades, e fermosos versos. Só vou poñer dous neste pequeno folleto para animar a que fagan vostedes a súa reserva:
-e que?, de cunetas están cheas os talentos…
Apenas sabemos nadar pero,
con esa confianza,
erguémonos cada día para ir á marea.
A luz da poesía quebrando a escuridade en cada esquina, en calquera bar; o son das risas arrolado polos versos; unha sementeira de rimas agromando nos cubatas e ollamos de fronte ao futuro. Eis a vacina de Aldaolado.