O día 9 de abril entre trinta e corenta persoas reuníronse na libraría Pedreira, próxima á rúa de San Pedro de Santiago, para un acto en lembranza de Begoña Caamaño, xornalista e escritora, a quen se homenaxea este ano no Día das Letras. Na palestra, catro mulleres, tres delas autoras de tres libros que falan dela, de Begoña Caamaño. Sentada na primeira ringleira, Uxía Senlla, unha amiga que ao final collerá a guitarra e cantará versos que a evocan. Trinta ou corenta persoas, dixen, pero podería dicir trinta ou corenta mulleres, apenas dous homes na asistencia. Mulleres, ademais, entre as cales poucas que aínda non cumpriran os trinta anos. Sobre estes nesgos de xénero e idade algo cumprirá dicir, e dirase, en chegando ao final desta crónica.
Quen conta a historia?
A xornalista da Radio Galega, Belén Regueira, na función de moderadora, abre o acto recollendo unha pregunta que Ana Romaní, tamén presente na asistencia, lanza na breve biografía que se pode ler na web da Real Academia Galega. Ana foi unha das académicas valedoras –xunto con Marilar Aleixandre, María López Sández, Margarita Ledo Andión, Chus Pato e Francisco Fernández Rei- da candidatura da xornalista e escritora viguesa. “As preguntas impulsan o proxecto literario de Begoña Caamaño”, lese no texto de Ana Romaní. E prosegue: “Da pregunta da xornalista emerxe a narradora” e de aí abrolla “a revisión literaria dos mitos no desexo de interpelar o seu tempo, o noso tempo.” Preguntas coma “e se o que conta Homero non foi verdade?”. Ou, como propón Beatriz Maceda na súa biografía novelada dirixida ao lectorado infantil Begoña ou o pracer da amizade (Xerais), “quen conta a historia?” Porque, dinos estoutra biógrafa na súa intervención, Begoña Caamaño rebelouse, tanto na súa vida coma na súa obra, contra o silenciamento das voces femininas. E por iso ela concédelles voz nas súas novelas: Penélope e Circe en Circe ou o pracer do azul (Galaxia, 2009), Xenebra e Morgana en Morgana en Esmelle (Galaxia, 2012), Sherezade no proxecto que tiña nas mans cando unha grave doenza provoca o seu falecemento con apenas 50 anos. “Se ela lles deu voz, asenta Beatriz Maceda, tamén o fago eu” e, en efecto, as mesmas figuras míticas que recreou a novelista contarán a vida da escritora na novela biográfica de Maceda.
“O momento vital de Begoña Caamaño non está moi lonxe do noso, mais se cadra xa non é así para a xente máis nova”, reflexiona Paula Carballeira, que recoñece botar de menos unha presenza máis activa desa xente nova nos movementos de rúa.
Outro é o enfoque do fermoso libro do que é responsable Encarna Otero, quen reivindica a condición de compostelá de adopción da viguesa do Calvario en A Compostela de Begoña Caamaño (El patito editorial). Mais, antes de entrar no contido do libro, a historiadora, ex concelleira da capital e boa coñecedora da escritora e xornalista, atrévese a asegurar: “o primeiro que diría hoxe Begoña se estivese aquí sería: ‘Non á guerra!’”, o que provoca os primeiros aplausos. E de contado traza un retrato, non da literata, senón da muller militante: “a miña relación con ela foi antes profesional e logo militante, ela era sempre capaz de tecer fíos malia militarmos en organizacións diferentes”. Militancia compartida no movemento feminista, no Nunca Máis, no Non á guerra. “Era luz!, exclama, quería construír un mundo diferente”. E xa logo pasa a describir a Compostela vivida, que aparece belamente ilustrada no libro: o parque de Bonaval, a casa das Crechas, a rúa de San Pedro, o Dezaseis… concluíndo nos lugares nos que, tralo seu pasamento, a súa figura foi obxecto de actos memorialísticos: o hotel Costa Vella, onde se presentaron os dous premios culturais promovidos pola Deputación da Coruña, o Fran Pérez “Narf” á creación musical, e o Premio Begoña Caamaño ás iniciativas culturais que promoven a igualdade de xénero; a concesión do recoñecemento como filla adoptiva en 2018 nun acto celebrado no Auditorio de Galicia; o Parque en Fontiñas que recibiu o seu nome, desde o ano 2019 Parque Begoña Caamaño.

Beatriz Maceda en Encarna Otero
Contra a “santificación”, transgresión
A moderadora pregúntase nun intre se a Begoña lle tería gustado tanto homenaxe, sabendo o pouco amiga que era da “santificación” das figuras do pasado, un mecanismo institucional que en máis dun caso acaba trocándose nunha operación de desartellamento do seu potencial transgresor. Unha pregunta coa que dá pé ás palabras de Paula Carballeira, autora do terceiro libro, O transgredir das ondas (Galaxia, Costa Oeste), peza de teatro construída a partir dunha investigación sobre a súa traxectoria radiofónica, especialmente na Radio Galega. Publicada nunha colección dirixida á mocidade, introduce un personaxe de ficción, Sonia Barreiro, que a través de varios podcast vai reconstruíndo o espírito reivindicativo e, si, transgresor da xornalista comprometida en numerosas loitas coma o feminismo, o problema da vivenda e a promoción de centros culturais nos barrios (a Casa Encantada) ou o antimilitarismo que ata ela só fora cousa de homes. “O momento vital de Begoña Caamaño non está moi lonxe do noso, mais se cadra xa non é así para a xente máis nova”, reflexiona Paula Carballeira, que recoñece botar de menos unha presenza máis activa desa xente nova nos movementos de rúa. “Begoña sabía transmitir moi ben que a xente nova ten voz e, facendo uso dela, a capacidade de cambiar as cousas”. Por iso dirixíase a cada mozo e cada moza, dicíndolles: “ti tamén es importante!”. “O xornalismo que practicaba Begoña contaba as cousas e á vez denunciaba, nunca aceptaba a censura”. Era das que “alzaba a voz contra a tristeza”, aínda que, na súa peza, Paula Carballeira non elude amosar que “tiña as súas sombras tamén”, algo imprescindible para construír “unha figura humana, non mítica”.
A voz de Begoña era unha voz “moi didáctica e moi empática”, que facilitaba o diálogo entre iguais, sinala Beatriz Maceda, “algo que semella moi doado pero non o é tanto”.
Sobre o problema de conectar a figura de Begoña Caamaño cos nenos e nenas, tendo en conta que as súas novelas se dirixen ao lectorado adulto, Beatriz Maceda explica como atopou, por unha parte na Mitoloxía, de onde a escritora extraeu os personaxes protagonistas das dúas novelas, e, por outra, no xénero epistolar, os elementos mediadores cos que confía facilitar esa conexión na súa biografía. A voz de Begoña era unha voz “moi didáctica e moi empática”, que facilitaba o diálogo entre iguais, sinala Beatriz Maceda, “algo que semella moi doado pero non o é tanto”. “Rotunda pero moi pedagóxica e moi clara, continúa Maceda, sempre cunha linguaxe moi coidada”.

Belén Regueira e Beatriz Maceda
Nisto último insistiron tamén as outras dúas acompañantes na palestra. Así, cando Encarna Otero quere trazar uns riscos sintéticos cos que resumir a personalidade de Begoña Caamaño, enumerará a súa voz de profesional dos medios sempre preocupada polo cultivo dun galego conscientemente traballado; a súa apertura a outros espazos, coas súas viaxes e conexións internacionais coa irmandade portuguesa, Venezuela, Cuba ou África; e “o espírito de sororidade” que caracterizou a súa militancia feminista. “As mulleres necesitamos mulleres que nos sirvan de referentes, mulleres para vérmonos nelas, engadirá, cómpre lembrar que fomos educadas en non axudarnos porque nos obrigaban a ver as outras mulleres coma inimigas, podían quitarnos o home! Ela rebelouse contra todo iso”. Concluíu manifestando a satisfacción ao ver que hai moita xente que está descubrindo agora a Begoña Caamaño, unha desas mulleres que poden servir de referentes.
Nese punto, a moderadora intervén para sinalar a centralidade da amizade na vida de Begoña, tal como se subliña no título do libro de Beatriz Maceda. Confírmao esta, engadindo a importancia dos nexos familiares ao anotar o papel fundamental da súa irmá, Bea, na recollida de anécdotas da infancia. “A existencia deste libro débese ás voces da irmá e das amigas”. E a moderadora documenta como esas amigas -as “Begoñísimas”, coma dirá alguén de entre as asistentes, parafraseando o título dunha canción dunha desas amigas, a cantante Uxía Senlle- veñen conservando a memoria de Begoña, celebrándoa anualmente.
A música convocada
E chegou o intre de convocar á escena a cuarta muller. Chegou o intre de convocar a música, chegou o intre de Uxía Senlle.
“Gustaríalle a Begoña esta sobreexposición?”, pregúntase Uxía antes de comezar a cantar. Mais de contado respóndese, eludindo a hipotética fidelidade ao que á amiga lle puidera gustar ou non: “Defender o seu legado pasa a ser un traballo colectivo, imprescindible para facelo chegar ás novas xeracións”. E constata: “En todos os actos que se están a convocar advírtese o cariño por ela”. E inevitablemente ela tamén tiña que achegar algo: “como podería agradecerlle a súa amizade?” A resposta veu de seu: “Non podía faltar a música! Eu sempre consultaba con ela as miñas dúbidas, as letras das miñas cancións. Era unha persoa moi disfrutona, unha das persoas máis hedonista que coñecín. Compartín casa con ela na Illa de Arousa e nunca esquecerei aquelas conversas de verán que non daban rematado”. E as palabras de presentación da cantautora saltan ao público que tamén toma a palabra. Alguén di que a Begoña lle gustaba tamén cantar e escóitase a Ana Romaní: “Cantaba forte e teatralizaba moitísimo… pero cantaba mal”. E estouran os risos amables, cómplices e coincidentes.

Encarna Otero e Paula Carballeira
Encarna Otero, que non discrepa, precisa: “non tiña que ser unha gran cantante para ser unha gran musicóloga, axudando a moitas mulleres que logo fixeron carreira na música”. E súmanse outras intervencións que lembran a presencia de Begoña na Casa das Crechas, “un foco cultural baseado na música”, e no Dezaseis, “un proxecto cultural de recuperación das casas de xantares tradicionais”, di Encarna, e engade Paula: “A Casa Encantada foi algo tamén nesa liña, un tipo de local social auto xestionado que neste intre non existe”. E outra voz proclama: “Cando os homes gañan diñeiro fanse empresarios. Cando o fan as mulleres, partillan”.
Diso, de partillar, van tamén as letras das cancións que formarán parte do novo disco de Uxía que se anuncia inmediato, algunhas das cales presenta en primicia nunha actuación desenchufada, soa coa súa guitarra (apenas coa contribución dunha animosa nena pandereiteira), tan sobria coma calorosa, tan íntima coma colectiva, facendo que toda a audiencia acabe coreando o retrouso dun pasodobre que promete ser canto irrenunciable das begoñísimas: “Ai, Begoña, compañeira / muller libre e feminista / coa alegría por bandeira / os ollos de rebeldía”.
Así que dáme en pensar que aquí pode operar un factor indesexado (mesmo indesexable): escritora feminista, escritora para mulleres. Algo no que matinar.
Fican, antes de rematar, uns fíos dos que tirar. O primeiro, aquilo que se anunciou no inicio, eses nesgos etarios e de xénero na asistencia. Poderiamos acudir coma xustificación a certos índices estatísticos de lectura que asentan que na adolescencia se está a producir certa desafección lectora e que as mulleres son máis lectoras cós homes. Mais hai algo que se resiste a este simple marco explicativo. Por caso, hai apenas seis meses asistín nesa mesma libraría Pedreira ao acto de presentación dun libro de teatro que contou coa lección maxistral do mestre Alonso Montero, recentemente falecido. Non me preocupei de enumerar os homes e mulleres que asistiron mais dou fe que non había unha asimetría esmagante a favor dun dos bandos coma neste caso. Así que dáme en pensar que aquí pode operar un factor indesexado (mesmo indesexable): escritora feminista, escritora para mulleres. Algo no que matinar.
E xa o último fío. Outra voz do público ergueu esta pregunta: “que está facendo o ente para difundir a voz de Begoña?” Ábrese un debate sobre se a Radio Galega está cooperando ou limitando o acceso aos seus arquivos. Belén Regueira confirma intencións: “eu sei que si hai intención de facer públicas esas gravacións mais non sei cando”. Ábrense as sospeitas. “Era unha voz incómoda”, di alguén, se cadra aínda o segue sendo. Chiqui Pereira, membro de Berrobambán que participou na montaxe da peza de Paula Carballeira, informa de que no mes de decembro pasado solicitaron acceder ás gravacións para os traballos preparatorios. “Responderon que se porían en contacto e ata o de agora”. O transgredir das ondas foi estreada o pasado 8 de marzo.
Begoña Caamaño, voz transgresora, voz incómoda.
______________________
Os libros de Begoña, os libros sobre Begoña
Circe ou o pracer do azul. Editorial Galaxia.
Morgana en Esmelle. Editorial Galaxia.
Eva Mejuto e Nuria Díaz: Os fíos de Begoña. Ilustracións Nuria Díaz. Edicións Xerais. Álbum ilustrado dirixido ao lectorado novo.
Iria Collazo: Bego e o mundo mundo do revés. Ilustracións de Alba Stinson. Editorial Galaxia. Unha ollada á primeira infancia da escritora. Para pequenos lectores e lectoras.
Ramón Nicolás: A nena que perdeu un zapato na lama. Ilustracións de Carlos Gallego. Editorial Galaxia. A voz de Morgana relata os anos de infancia de Begoña Caamaño no barrio do Calvario vigués.
Xosé Manuel Varela e Icía Varela: Begoña Caamaño. Ilustracións de Nerea Gómez. Edicións Embora. Biografía ilustrada para lectorado infantil.
Beatriz Maceda: Begoña ou o pracer da amizade. Edicións Xerais. As voces de Circe, Penélope, Morgana e Xenebra súmanse para narrar o decorrer vital de Begoña Caamaño.
Paula Carballeira: O transgredir das ondas. Editorial Galaxia. A xornalista ficticia Xoana Barreiro recolle nun podcast testemuñas sobre a traxectoria militante e insubmisa de Begoña Caamaño.
Encarna Otero Cepeda: A Compostela de Begoña Caamaño. El patito editorial (2026). Un percorrido ilustrado por lugares composteláns que tiveron, e algúns aínda teñen, estreita conexión coa vida e a memoria de Begoña Caamaño.
Estefanía González Álvarez: Begoña Caamaño. Xornalista e escritora. Ir Indo Edicións.
Ana Romaní e María Xesús Nogueira: Biografía de Begoña Caamaño. Editorial Galaxia (en preparación).
María Xosé Porteiro: Begoña Caamaño. Xornalismo para a cidadanía. De Vigo a Compostela, Alfa e Omega. Editorial Galaxia (en preparación).
___________
Artigo relacionado: Begoña Caamaño, a voz lila que subverteu mitos e fixo avanzar o mundo.





