Luns 2, Outubro 2023
HomeCulturaBE WATER: ESPELLO DUN POSIBLE FUTURO?

BE WATER: ESPELLO DUN POSIBLE FUTURO?

NARRATIVA

Antía Yáñez. Be Water. Cuarto de inverno, 2020.

 

por Eulalia Agrelo-Costas

O consumismo feroz está a provocar unha crise ambiental sen precedentes, que se reflicte na degradación do chan, na contaminación e nos efectos negativos do cambio climático. A literatura non é allea a esta emerxencia planetaria, como evidencia Isabel Mociño-González en Narrativas de ficção científica para a infância e a juventude, na que analiza unha serie de textos que alenta a capacidade de pensar de xeito crítico, ético e creativo ante situacións socioambientais que ameazan o futuro do ecosistema global. A partir destas narrativas a comunicación literaria amplifícase, xa que pasa a darse entre a figura autorial, as súas creacións, a biosfera e un lectorado, que ha de revisar as súas relacións co medio natural e social para acadar un desenvolvemento sustentable.

A ese elenco de obras de enfoque ecocentrado, que teñen un pé na literatura e outro na terra en palabras de Cheryll Glotfelty, súmase Be water, coa que a burelense Antía Yáñez foi finalista do I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil. Baixo unha división cuaternaria estrutúranse con habelencia as unidades temáticas desta narrativa distópica asociada aos imaxinarios da auga, cuxas coordenadas espazo-temporais nos trasladan á Colmea GZ-023 nun futuro século XXV. Unha voz narrativa en terceira persoa, que deixa emerxer o pensamento interno da moza Iolanda, é a que nos desvela a existencia dese cosmos subterráneo, no que se gorece a humanidade tras o Gran Cataclismo que rematou coa Era Superficial no planeta Terra.

Ese cosmos soterrado, que emula a fisionomía e organización dunha colmea, é sumamente aniquilador. Iolanda, o seu curmán Fabián e a súa filla Lucrecia pertencen ao oprimido colectivo obreiro que sobrevive cunhas míseras gotas de auga, mentres a tirana Raíña Hera, protexida sempre polos Abázcaros, a desbalde nos seus baños con orquídeas. O valor máis prezado desta sociedade xerarquizada é a auga, coa que os seus habitantes trafican e Hera mantén o control sobre os súbditos. Porén, todo se quebra coa decisión de Iolanda, quen se guía polas descubertas da avoa e o seu carácter indómito para dirixirse cos seus ata os túneles secretos. A entrada neste lugar prohibido propicia a aparición dun cadáver, un reencontro sorpendente e a idea de que “A esperanza podía ser unha arma moi poderosa, aínda no sitio máis infecto do mundo”.

A axilidade da prosa e o emprego dun rexistro lingüístico xuvenil e inclusivo acentúan aínda máis o dinamismo e intencións de Be Water, que incorpora outros ingredientes do gusto da mocidade: a aventura, a tensión, o amor, o sexo… Todos eles ensámblanse nunha proposta narrativa que se insire no paradigma do ecofeminismo. A personaxe de Iolanda asume unha postura proactiva e enfróntase á estrutura patriarcal imposta polo gran magnate da auga para lograr a supervivencia da filla nunha nova Terra, que tamén se ha de protexer para alcanzar ese universalismo harmónico asentado na comprensión, o aprecio e a protección do benestar das persoas e da natureza.